Case un derbi

O Compos recibirá este sábado a un Negreira obrigado a puntuar fóra da casa, onde aínda non fixo ningún punto, para poder sentirse un pouco con vida. E é que o antepenúltimo clasificado do grupo, que xogou na Terceira 14 das últimas 16 tempadas, non sabe o que é empatar nin gañar lonxe do García Calvo no que vai de campaña.


Incapaz a domicilio.
O Negreira visitará San Lázaro este sábado coa intención de, ao fin, conseguir estrearse a domicilio no que vai de tempada. De feito, o equipo de Julián Ferreiro é o peor equipo lonxe da súa casa logo de sete derrotas en sete citas. Nin vitorias nin empates. De feito, o seu único dato positivo é un gol a favor na primeira xornada, contra os 16 que recibiron, máis de 2 de media.
Ao igual que na casa conseguiron os seus únicos 9 puntos ata o momento, grazas a dúas vitorias contra Arousa e Barbadás, esta na pasada fin de semana, e tres empates, entre os que salienta o conseguido contra o Bergantiños. Trátase, ademais, do terceiro equipo con menos goles ao seu favor (12) e o terceiro que máis tantos encaixa (30).
A domicilio, só conseguiron anotar un gol no Salvador Otero na xornada inaugural. A parte, encaixaron máis de dous goles de diferenza ante Alondras, Ourense, Silva, Laracha e Boiro mentres que Céltiga e Arenteiro só foron quen de facerse cos tres puntos cunha diferenza pola mínima.
A nivel individual, nun Negreira que perdeu boa parte dos seus xogadores o pasado verán, conta con bos xogadores coma Quintairos e Capelo, máximos goleadores do equipo con 3 tantos cada un, ou os ex da Esedé Rendo, Iván González e Pablo Vidal.

Volta ao bo camiño.
Non será un partido nada doado para os nosos. O Negreira sairá ao terreo de xogo coa única intención de dar a sorpresa e achegarse un pouco aos postos de permanencia mentres que o Compos debe volver ao camiño do bo xogo e dos bos resultados despois de tres empates nas catro últimas fins de semana, superando só ao Noia.
Un Compos que é, a día de hoxe, o mellor equipo a domicilio mentres que na casa non é mais que o noveno mellor equipo da categoría. Un dato que chama aínda máis a atención vendo que os nosos ocupan a segunda posición da táboa, a un punto do líder da categoría. Catro vitorias, un empate contra o Arousa e derrotas ante Boiro e Barco son uns datos importantes dun dos favoritos da categoría.
Pola súa parte, o Negreira chegará para non deixar as cousas fáciles aos nosos na que sería a segunda vitoria consecutiva na casa e a sexta xornada consecutiva sen perder.

A pola terceira.
Compos e Negreira enfrontáronse en dúas ocasións en San Lázaro, ámbalas dúas na Terceira división. Dúas citas, en 2008 e no pasado mes de maio, que remataron con vitorias dos nosos nos dous casos e sen goles do conxunto negreirés.
Hai xa 9 anos, o Compos conseguiu os tres puntos grazas aos goles de Rubén Márquez e Claudio antes dos quince minutos de partido. Unha vitoria importante e un resultado que, ademais, se repetiu na segunda volta no García Calvo.
Resultado mais curto foi co que rematou a cita da pasada tempada, o pasado mes de maio nun partido que supuxo as despedidas de Cabrejo e David Rey de San Lázaro. Nel, o único gol que serviu para sumar os tres puntos foi obra de Nogueira. Un partido do que ata seis xogadores poderían repetir no once titular.

Mesmo obxectivo.
Malia non ter os mesmos obxectivos de cara ao final do curso, Compos e Negreira chegan despois de puntuar a pasada xornada e coa intención de manter o bo camiño cos tres puntos.
O Compos chega de empatar no Couto e conseguir 9 dos 15 últimos puntos en xogo, con dúas vitorias e tres empates. Unha xeira moi positiva e que levou aos nosos ao máis alto da clasificación, e logo a perder ese primeiro posto en favor dun Bergantiños que loitará ata o final por aumentar as súas opcións de ascenso.
Pola contra, o Negreira conseguiu a súa primeira vitoria despois de cinco derrotas consecutivas. Ademais, non gañaban dende o pasado mes de agosto, ante o Arousa na segunda xornada. Con eses tres puntos tamén afundiron a un rival directo na loita pola permanencia, o Barbadás e que non semella ser quen de espertar.

Unha baixa segura e unha dúbida.
A día de hoxe, dous xogadores do Compos ocupan a enfermería branquiazul. Cardeñosa será baixa segura para a cita contra o conxunto vermello por unha rotura de fibras mentres que Alberto está ultimando a súa recuperación logo de sufrir unha escordadura de nocello, que o apartou xa no pasado partido no Couto.
En canto ao capítulo de amoestacións, Álvaro Casas, Tomás e Alex Ares chegan con catro cartóns amarelos polo que se perderían o encontro en Vilalonga por sanción.

Partido adiantado.
O Compos-Negreira abrirá a xornada 16 na Terceira a tarde do sábado ás 18:30 horas. San Lázaro acollerá algo que é case un derbi entre veciños e que, unha semana máis, podería achegar a seareiros visitantes ao teatro dos soños branquiazul. Para iso, os non aboados á Esedé, deberán pagar 10 euros os maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos.
Quen por contra non poida asistir ao partido terá diferentes maneiras de seguilo. Coma cada fin de semana, poderá seguirse en directo nas redes sociais da Curva Branquizul, Facebook e Twitter, no perfil oficial do clube en Twitter ou ben co cancelo #ComposNegreira nas redes sociais. Ademais, poderá escoitarse na 'Esedé Radio', na web oficial do clube, ou velo en directo na segunda canle da TVG no que será o segundo partido televisado de xeito consecutivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario