Que non pare este soño

O Compos asinou no Alcalde Manuel Candocia unha nova vitoria moi importante. Un triunfo que deixa aos nosos no alto da táboa, segundo a un punto do líder logo do empate do Silva en Ourense, e demostra que este equipo pode gañar a calquera. Cuarta consecutiva malia as rotacións pensando tamén no encontro do domingo ante o Barco nunha xornada marcada por un tema antideportivo.
Con máis seguridade do habitual, sen Uña por sanción e ata cinco trocos con respecto á vitoria ante o Cultural Areas, o equipo de Yago Iglesias amosou gol e deixou case encarrilada a vitoria no primeiro tempo. Alberto, Sobrido e Primo, autores dos tres tantos branquiazuis, e Gerardo, no Somozas, puxeron o mellor do partido. 


Mal comezo. 
O primeiro tempo non arrincou cun bo fútbol. Ningún dos dous parecía querer a pelota e as ocasións non aparecían no campo do Alcalde Manuel Candocia. De feito, nos primeiros vinte minutos non se puido ver ningún tiro entre os tres paus agás un sen perigo de Gerardo para un Somozas que foi de menos a máis gañando a posesión da pelota co paso dos minutos. 

Cando mellor estaba o Somozas, gol.
Os locais, liderados polo xa nomeado Gerardo, melloraron co paso dos minutos. Non obstante, este Compos está a ser moi perigoso á contra sen importar o campo onde xogue, a diferenza do ano pasado. E sen previo aviso, apareceu Sobrido, que está a deixar moi boas sensacións aproveitando cada minuto sobre o verde. O vigués foise dun contrario cun caneo chegando á liña de fondo e mandou a pelota atrás para a chegada de Alberto, que non perdoou ante o gardamallas.
O gol sentou moi ben aos nosos e as ocasións sobre a porta somocense non deixaron de chegar buscando aumentar a diferenza antes do tempo de lecer. De feito, foi a oito do final do primeiro tempo cando o propio Sobrido, a pase de Róber, aproveitou unha mala saída do porteiro para facer o segundo picando a pelota por enriba do gardamallas. 

O Somozas non dixera a súa última palabra.
Os locais saltaron ao terreo de xogo logo do tempo de lecer coa única intención de recortar diferenzas e as cousas non puideron comezar peor para os nosos coa lesión de Sergio, que tivo que saír do campo totalmente roto e que terá que estar fóra dos terreos de xogo un tempo aínda descoñecido. A iso hai que engadir tamén un posible penalti sobre Ares que o colexiado interpretou coma simulación do noso centrocampista amosándolle un cartón amarelo. 
Ao igual que na primeira metade, as ocasións fixéronse de rogar mais o Somozas non perdoou na primeira que tivo. Gerardo entrou na área e Naveira, buscando quitarlle a pelota, cometeu penalti. Dende os once metros non perdoou o propio Gerardo metendo aos seus no partido con media hora por diante.

Sen emoción non hai Compos.
Ao igual que ante o Cultural Areas, a Esedé non foi quen de pechar o partido ata os minutos finais. Chegouse ata case o engadido cun gol de diferenza e o Somozas buscando o empate con insistencia. Non obstante, nun ir e vir de golpes nas dúas portas, a sorte quedou do noso lado e os tres puntos veñen cara Santiago. 
No 89, xa case sen tempo por diante, chegou o mellor gol do partido. Primo, que entrou vinte minutos antes, confirmouse coma o máximo goleador do equipo logo dunha contra que comezou Alberto, con asistencia de Róber e gol final a porta baleira logo de deixar atrás ao porteiro cun caneo dentro da área. 

O Compos iguala a xeira de catro vitorias consecutivas conseguida en xaneiro deste mesmo ano e sen tempo para descansar xa pensa no CD Barco, rival en San Lázaro este domingo repetindo horario por terceira xornada seguida. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio (Saro, min. 50), Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Alberto; Róber, Ares, Sobrido (Ube, min. 80); e Santi (Primo, min. 69).
CARTÓNS: Amarelos para Ares e Mon.
GOLES: 0-1 25' Alberto, 0-2 37' Sobrido, 1-2 61' Gerardo, 1-3 89' Primo. 
CAMPO: Alcalde Manuel Candocia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario