Ao mal tempo, boa cara

O Compos conseguiu a segunda vitoria consecutiva nunha tarde de mal tempo. O equipo de Yago Iglesias soubo sobrepoñerse a un partido difícil, ante un rival que nunca baixou os brazos, sumando un novo triunfo no campo ribadumiense, onde tamén chegou a primeira vitoria a domicilio da pasada tempada, no pasado mes de xaneiro. 
Logo dun primeiro tempo con moitas ocasións mais sen goles, os dous equipos saíron con todo ao terreo de xogo da Senra e, superados os vinte minutos xa se sumaban un total de seis goles. A esa media ducia hai que engadir un máis, o que significou a vitoria da Esedé, xa sen case tempo de reacción local. Rubén, Primo, Mon e Róber, os autores dos tantos compostelanistas. 


Falta de puntería.
Durante o primeiro tempo, a Esedé fíxose coa posesión da pelota ante un Ribadumia coas cousas moi claras. O conxunto local meteuse atrás buscando evitar ocasións claras dos nosos e, á contra, tentar incomodar a un Lucas que rematou a primeira metade case sen traballo. 
Primo tivo a primeira nas súas botas antes de cumprirse o minuto dez de xogo amosando problemas na puntería, uns problemas que tamén parecía ter o Ribadumia errando Cerqueiras unha oportunidade clara sen máis oposición que Lucas. Mesma sorte tiveron Alex Ares e Róber antes do tempo de lecer, sen conseguir mandar a pelota entre os tres paus. 
Unha primeira parte que rematou cun cartón amarelo para Primo por protestar o que puido ser un penalti, que o colexiado decidiu non sinalar. 

Bendita tolemia! 
O que pasou durante os primeiros vinte minutos do segundo tempo é algo difícil de explicar. Tódolos erros que os dous equipos cometeron durante a primeira metade de cara a porta desapareceron na segunda. Os goles caeron nun intre do partido tolo e que fixo ver que calquera dos dous equipos se podería levar os tres puntos. 
Rubén, que tamén fixo o primeiro ante o Silva, non tardou máis de cinco minutos en aproveitar un centro dende a banda para, de primeiras, inaugurar o marcador. Un gran gol que case non se puido case celebrar antes de ver como Primo poñía terra de por medio grazas a un erro do porteiro que aproveitou Tomás para asistir ao dianteiro cántabro. 
Mais a sorte non pareceu estar do lado dos nosos e, ao igual que ante o Silva, chegou un gol a balón parado para recortar diferenzas. Ao tanto de Santi, logo dun córner, hai que engadir outro cinco minutos despois, obra de Hugo Soto, aproveitando un erro da defensa nun balón ás costas dos centrais. 
Catro goles en dez minutos que non eran máis ca o comezo desta loita sen dono con golpes importantes nos dous bandos. E é que o Compos se adiantaría unha vez máis só cinco minutos despois do gol de Hugo Soto cun gol de Mon logo de dous intentos nos que se topou co porteiro, que tivo unha gran actuación malia encaixar catro goles. 
O gol de Mon tamén tivo unha rápida resposta do conxunto ribadumiense. Se logo de cada gol branquiazul chegaba outro do Ribadumia, nesta ocasión non foi para menos. Só tres minutos despois do tanto do capitán branquiazul, Fran Fandiño sacouse da manga un caneo co que irse de dous contrarios e logo poñer a pelota no segundo pau, lonxe do alcance de Lucas.

Todos con opcións.
Empate logo de seis goles e vinte minutos para o final do encontro. Co paso dos minutos, o gol da Esedé parecía estar preto mais foi o Ribadumia o que fixo un cuarto gol a doce do final. Un gol que, por sorte, invalidou o árbitro logo de ver que Hugo Soto empurrara o balón coa man. 
O tanto ribadumiense serviu, unha vez máis, de aviso para un Compos que fixo estoupar de ledicia á afección branquiazul a menos de cinco minutos para o final, tempo que, por outro lado, podía ser suficiente para un novo empate. Pelota de Primo que cede atrás para Róber e éste non perdoa dando os tres puntos a un equipo que segue unha semana máis no alto da táboa. 

Con este triunfo, o Compos ascende un posto na clasificación e a vindeira fin de semana recibirá en San Lázaro a un Laracha que está a facer un gran arrinque de campaña, sendo un dos catro equipos que suman ata o de agora dúas vitorias de dous partidos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Uña, Naveira; Casas, Mon (Sobrido, min. 69); Róber, Ares, Rubén (Tomás, min. 51); e Primo (Santi, min. 88).
CARTÓNS: Amarelos para Primo e Tomás.
GOLES: 0-1 50' Rubén, 0-2 52' Primo, 1-2 55' Santi, 2-2 60' Hugo Soto, 2-3 65' Mon, 3-3 68' Fran Fandiño, 3-4 86' Róber.
CAMPO: A Senra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario