Do máis alto ao máis baixo. Así se pode resumir o 10 de xuño na historia recente do Compos. De feito, comezaremos cun precedente na Primeira división, nun partido hai 22 anos, e remataremos con outro na Preferente Norte hai dez anos. Un rival importante coma o Valencia e dous, Jaén e Gran Peña, que non están a pasar por un bo momento deportivo loitando en campos rexionais.
10 de xuño de 1995.
O Compos visitaba Mestalla na derradeira saída na súa primeira tempada cos máis grandes. Unha derrota sen demasiada importancia para os nosos xa sen nada en xogo na que a expulsión do porteiro branquiazul marcou o partido cando aínda non houbera goles. Ao final, 4-1 para os valencianos con tres goles dun home que dous anos despois xogaría en Santiago como local.
Cun once formado por Iru, Bellido, Galdames, Modesto, Villena, Lekumberri, Abadía, Fabiano, Passi, Moure e Arensoe, aos que logo engadir a Docobo, Ohen e Pichi Lucas, a Esedé aguantou sobre o verde de Mestalla durante máis de cincuenta minutos sen encaixar un gol. Mais o segundo tempo trouxo consigo unha baixada do equipo branquiazul coa expulsión de Iru incluida e gol de Penev na seguinte xogada dende os once metros. Un gol ao que respondeu Ohen pero que rápido deixaría sen importancia Penev con dous goles máis, aos que sumar outro de Fernando pechando a goleada 'che'.
10 de xuño de 2001.
Imos con outro final de liga, nesta ocasión cun remate non tan feliz, na Segunda división no ano 2001. Ante un Real Jaén que non está a pasar por un bo momento, descendido sobre o campo á Terceira división e con opción de comezar a vindeira campaña no fútbol rexional por un descenso administrativo, o Compos non foi quen de facer gol e conseguir os tres puntos que evitarían a caída dos nosos á división de bronce.
O Compos saltou ao campo cun once formado por Rafa Gómez, Corredoira, Jubera, Chema, Adriano, Pignol, Nando, Jacobo Campos, Fabiano, Pedro Aguado e Juanito, aos que despois sumar a Gudelj e Rubén Estévez. Un equipo que non puido superar a Yepes en ningunha ocasión rematando o encontro case igual que cando comezou, só que con dous cartóns máis por equipo. Un empate importante que acabou co noso equipo na Segunda B.
10 de xuño de 2007.
Hai xusto dez anos, o Compos buscaba en Barreiro facerse un oco na Terceira división ante o Gran Peña, aínda que dependendo de Negreira e Fabril na fase de ascenso á Segunda B. Partido de volta para aclarar cal dos dous terceiros ascendería no caso de haber un posto máis na seguinte categoría e, logo da vitoria dos nosos en San Lázaro, confirmación da superioridade branquiazul tamén en Vigo.
Unha vitoria sen demasiada importancia da que os nosos saíron coma o mellor terceiro da Preferente. Un triunfo grazas a xogadores coma Pablo, Faneca, Cholo, Munín, Jimmy, Petter, Bocha, Damián, Toni, Vladimir e Claudio, aos que sumar durante o segundo tempo a Iván, Coria e Adrián. Un once que conquistou un campo histórico como é o vigués e o fixo grazas a un gol de Claudio no arrinque do segundo tempo aproveitando que o Gran Peña saiu con demasiada intensidade e cometendo erros en defensa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario