Make deixa o Compos


Alberto Lamas Verdes, máis coñecido como 'Make', deixa o Compos logo dunha tempada na capital galega. O xogador de Vilalba non tivo o seu mellor ano no conxunto branquiazul, ao que chegou o pasado verán procedente do Racing Vilalbés, marcando un gol en algo máis de dous mil minutos. 
O centrocampista, que debutou ante o Ribadumia en San Lázaro na segunda xornada de liga, xogou un total de 2.200 minutos esta tempada. 33 partidos en total, 22 no once titular e 19 deles completos. 8 cartóns amarelos e un gol na goleada ante o Arousa, no que xogou menos de dez minutos e puido celebrar o seu primeiro e único tanto do curso. Un xogador que foi de máis a menos nos plans de Yago Iglesias e loitando polo posto con Mon, Samu e Taboada, reconvertido en centrocampista nalgunhas ocasións. 
Agora só queda agradecerlle ao lugués o seu gran traballo coa nosa camisola e desexarlle toda a sorte no seu futuro. 

Quen aceptará? 
O resto dos nosos xogadores xa recibiron todos as súas ofertas de renovación para a vindeira tempada polo que agora só queda por saber quen aceptará e quen non para coñecer as renovacións de cara ao curso 2017/18. Así é que, nun principio, pechamos o capítulo de baixas con cinco saídas confirmadas polo momento de dous homes retirados e outros tres que non recibiron sequera unha oferta para renovar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario