Un pasiño máis preto

O Compos está un pouco máis preto dunha nova Final despois de gañar, non sen dificultades, ao Bergantiños. Un partido igualado ante os dous equipos coa mirada posta nos cuartos de final da Copa Deputación. Gerard Oliva, que está nun gran momento, e Chiño, con pé e medio no primeiro equipo de cara á tempada que dará comezo en dúas semanas, foron os autores dos goles para os nosos mentres que un vello coñecido da afección branquiazul como é Borja Facal fixo o propio para o equipo de Carballo. 
Os dous equipos saltaron ao terreo de xogo coa vitoria na cabeza. Só a vitoria e a calqueira prezo... algo que provocou que a igualdade levase o encontro a unha dureza pouco habitual deste tipo de enfrontamentos. Alta intensidade no terreo de xogo e poucas ocasións nas dúas porterías cos cancerbeiros como espectadores. 
Gerard Oliva, que estivo metido en cada xogada polémica dende o principio, foi ademais o autor do primeiro tanto. Un gran pase para o catalán salvando unha mala saída do porteiro e deixando atrás a un defensa. Cuarto gol do ex do Murcia na competición en dous encontros mostrando unha gran efectividade. 
Despois do gol, o equipo local foi de menos a máis dominando a segunda metade. Cun vello coñecido, Roberto Piñeiro, tomando o control do ataque carballés, puxeron en serio perigo a porta defendida por Raúl Marqueta. Pouco a pouco, os de Javier Oreiro foron achegándose a un gol que chegou mediada a segunda metade. 
Se Roberto Piñeiro foi o encargado de levar o perigo á porta santiaguesa, Borja Facal foi o encargado de igualar o encontro aproveitando un rexeite despois dun córner.  Un tanto que permitiu aos locais soñar coa remontada ante un Compos pensando máis en perder tempo e buscar un gol máis sen arriscar o mínimo. 
A igualdade e a tensión, en aumento co paso dos minutos, mantívose ata o final do tempo regulamentario. O Bergantiños buscou o gol con intensidade pero foi o Compos o que, no tempo engadido, puido celebrar unha vitoria difícil. Un gol de Chiño, só cinco minutos despois de entrar no terreo de xogo, tras un mal rexeite dun defensa foi suficiente para non ter que chegar aos penaltis. 
Na seguinte rolda haberá que visitar ao Cerceda, o domingo ás 20h.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Portela, Sergio Sánchez, Jimmy; Marcos Rodríguez, Moreno; Joaquín (Jesús, min. 89), Dani Hernández (Jordan, min. 68), Goti (Chiño, min. 85); e Gerard (Fondevila, min. 88).
CARTÓNS: Amarelos para Gerard, Goti, Dani Hernández, Marqueta, Jordan e Jimmy.
GOLES: 0-1 39' Gerard, 70' 1-1 Borja Facal, 1-2 90' Chiño.
ESTADIO: As Eiroas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario