O Compos arrasa

O Compos fixo o que quixo dun Atlético Riveira moi inferior no primeiro partido da Copa Deputación para os nosos. Un encontro onde o dominio branquiazul chegou de principio a fin transformado nunha chuvia de goles. Ata oito tantos para sumar a primeira vitoria importante e achegarse ao terceiro título nos últimos catro anos. Tres goles de Dani Hernández, tres de Gerard Oliva, un de Orbegozo e outro de Chiño nunha cita un pouco desastrosa. 
Con máis de media hora de retraso pola ausencia dos árbitros, o partido comezou coa Esedé atacando en campo contrario e o Atlético Riveira buscando dar a sorpresa á contra poñendo en apuros á defensa en dúas boas chegadas que apenas puxeron en perigo a Pato, moi seguro durante os noventa minutos cando o equipo o precisou. Sen embargo, o porteiro uruguaio protagonizou a primeira xogada polémica cunha entrada fóra da área merecedora de expulsión e pola que viu o primeiro cartón do encontro. Unha xogada que trouxo cola xa que, polas protestas posteriores, foi expulsado o adestrador local. 
Superado o ecuador do primeiro tempo, co Compos xa dominando sen problemas, chegaron dous goles moi seguidos. Dani Hernández fixo o primeiro da tarde e na seguinte xogada foi Mikel Orbegozo o que aumentou diferenzas facendo o segundo antes do descanso, resultado co que se chegou a el. 
Na segunda metade máis e mellor. Dani Hernández non precisou máis de dous minutos para facer o terceiro gol da tarde, segundo na súa conta particular. O ex do Córdoba B parecía ter unha gran tarde sobre o campo da Fieiteira e en menos de vinte minutos asinou o terceiro gol na súa conta, o primeiro 'hat trick' do que vai de curso. 
Partido máis que sentenciado, cos catro goles de diferenza, e a festa continuou. O dominio constante só rematou en goles, nun festín difícil de imaxinar dadas as dificultades para marcar nos primeiros encontros da pretempada. E Gerard Oliva, que chegou do Murcia como un dos referentes ofensivos para este novo equipo, obtivo a recompensa merecida despois de moito tempo buscando o gol e errando sempre na finalización. O catalán fixo o quinto, primeiro na súa conta particular, celebrándoo con rabia. 
Os trocos aumentaron a intensidade en ataque e Joaquín só necesitou dous minutos para facer o sexto. Pero o xogador máis importante da tarde quixo mellorar aínda máis a súa actuación e rematou o encontro con dous goles máis, o segundo coa axuda dun defensa. 
Unha goleada importante ante un rival de dúas categorías menos para pensar xa na visita ao Bergantiños de Roberto Piñeiro e Borja Facal, vellos coñecidos da afección branquiazul. 

ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela, Javi, Portela, Josu; Moreno, Dani Hernández (Joaquín, min. 78), Fondevila (Marcos Rodríguez, min. 70); Goti (Chiño, min. 70), Orbegozo (Rubén, min. 46) e Gerard Oliva. 
CARTÓNS: Amarelos para Pato e Rubén.
GOLES: 0-1 25' Dani Hernández, 0-2 26' Orbegozo, 0-3 46' Dani Hernández, 0-4 63' Dani Hernández, 0-5 66' Gerard Oliva, 0-6 76' Joaquín, 0-7 78' Gerard Oliva, 0-8 81' Gerard Oliva. 
ESTADIO: A Fieiteira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario