O Compos xa está en semifinais da Copa Deputación despois dunha vitoria traballada no Roxo ante un bo Cerceda. Un encontro onde os de Iñaki Alonso foron de menos a máis manexando o tempo e mostrando unha boa efectividade sobre a porta de Rumbo. Os goles de Jimmy e Orbegozo bastaron para sumar unha nova vitoria mentres que Capelo recurtou diferenzas. Agarda o Somozas o mércores.
O Cerceda comezou con moita forza sobre o terreo de xogo chegando con perigo á porta de Pato a base de rápidas contras collendo por sorpresa á defensa e gañando en velocidade aos centrais. Primeiros avisos do equipo local ante os que cedo avisaron os nosos con chegadas sen excesivo perigo sobre a portería pero poñendo en problemas á defensa.
Non foi fácil entrar no partido pero superada a media hora de xogo chegou o primeiro gol. Gran xogada colectiva entre Joaquín e Fondevila que remata cun gol de Jimmy dentro da área. Un tanto cando mellor parecía estar o Cerceda. E, por sorte, o encontro cambiou de mans despois do gol para un Compos que estivo a piques de facer o segundo cun disparo de Orbegozo.
Na segunda metade, o Compos saiu con intención de rematar cedo co partido. En só tres minutos chegou o segundo gol da tarde noite. Por contra, a alegría polo gol apenas puido durar uns minutos. E é que o Cerceda recurtou diferenzas cun gol de Capelo. Un gol que serviu para igualar un pouco máis o encontro ata o final cos dous equipos coa mirada posta na portería rival.
Ámbolos dous conxuntos loitaron ata o final por un gol que levase o encontro aos penaltis ou ben que rematase definitivamente coa vitoria dun Compos que terá que enfrontarse ao Somozas o vindeiro mércores. Por outra parte, Racing de Ferrol e Noia xogarán o outro pase á Final da Copa Deputación onde poderíamos ter un partido entre dous dos grandes da Segunda B.
ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela, Sergio Sánchez, Catú (Javi Moreno, min. 65), Jimmy; Marcos; Jordan (Rubén Sánchez, min. 77), Fondevila, Mon (Goti, min. 65), Joaquín; e Orbegozo (Gerard Oliva, min. 85).
CARTÓNS: Amarelos para Mon e Jimmy.
GOLES: 0-1 33' Jimmy, 0-2 48' Orbegozo, 1-2 55' Capelo.
ESTADIO: O Roxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario