Comezo con derrota

O Lugo endosou a primeira derrota do curso a un Compos sen apenas tempo de preparación. Un partido onde os de Iñaki Alonso mostraron unha boa primeira metade sumando o único gol dos branquiazuis no encontro. Dani Hernández foi o autor do gol ante un Lugo que tivo en Caballero, David López e Lemos, que se estreou da mellor maneira co seu novo equipo, os goleadores da súa primeira vitoria.
Primeiro partido da pretempada para sacar as primeiras conclusións dun equipo ante un rival de superior categoría. Un Lugo que puido poñerse por diante no encontro superado o cuarto de hora de xogo cun gol de Caballero, referente en ataque do equipo lucense para a vindeira tempada. Pero o Compos apenas tardou en reaccionar nin un minuto aproveitando un erro da defensa para empatar o partido. 
Co tempo, o Lugo mantivo o control do esférico anque sen achegarse con claridade á porta branquiazul obtendo a súa recompensa superado o ecuador do primeiro tempo. Un penalti sobre Campillo e posterior gol de David López puxo de novo ao equipo lucense por diante antes do descanso. Ademais, para completar un mal momento, Javi Moreno foi expulsado xusto antes do descanso por unha entrada e posterior protesta. 
Na segunda metade, o Lugo fíxose dono do encontro cos trocos ante dez xogadores. Sen embargo, a pesar da superioridade, non foi ata o final do encontro cando o noso ex xogador Álvaro Lemos fixo o terceiro e definitivo gol co que pechar o primeiro dos dous partidos que xogarán en menos dunha semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario