O Lugo goleou ao Compos no segundo amigable da pretempada en Monforte de Lemos con Caballero mostrando un nivel insuperable. O dianteiro arxentino fixo o que quixo co noso equipo e anotou catro goles na segunda metade, cinco contando o do partido anterior. Un equipo, o noso, con dous onces moi diferenciados. Na primeira metade cun equipo de xogadores que poderían ser os titulares mentres que na segunda entraron xogadores do xuvenil e do filial, a proba co primeiro equipo.
O equipo albivermello levou o control do encontro dende o inicio ante un Compos moi reforzado en defensa. Dous equipos loitando polo manexo do esférico co Lugo chegando con perigo á porta de 'Pato' Guillén, que mostrou un gran nivel evitando que os lucenses puideran poñerse por diante no marcador antes do final da primeira metade. O ex do Barakaldo foi un muro baixo os paus da portería picheleira demostrando que chega ao equipo nun nivel difícil de igualar coa mirada posta en facer algo moi grande en Liga e Copa.
Na segunda metade, as cousas deron un xiro grazas aos trocos nos dous equipos. Caballero, que xa inaugurou o marcador na vitoria dos seus en Ribadumia, fixo o primeiro aos quince minutos a pase de Igor Martínez. O primeiro dun festival de goles que continuou sete minutos máis tarde a pase de Iriome.
O Lugo fixo moito dano pola banda regalando asistencias de gol a Caballero, que non atopou rival na defensa branquiazul facendo dous goles máis en tres minutos, os dous a pase de Sergio Marcos. En definitiva, catro goles anotados por parte dun so xogador que destrozou ao noso equipo nos dous encontros.
O sábado, primeiro triangular en Bembibre, no Bierzo, ante o equipo local e a Ponferradina, novo rival de Segunda división.

Ningún comentario:
Publicar un comentario