Pato Guillén chega, Ramón marcha e Fondevila queda

O Compos xa ten completa a nómina de porteiros para a vindeira tempada. Trátase do uruguaio Pato Guillén. Aos seus 30 anos, chega procedente do Barakaldo, onde xogou a pasada tempada, despois de tres anos defendendo a portería do Ourense. Un dos mellores porteiros da categoría e que ocupará a vacante que deixará Ramón, que deixa o Compos despois dunha tempada defendendo as cores do noso equipo. Ademais, Óscar Fondevila será xogador branquiazul unha tempada máis. 
Patricio Damián Guillén Gandini, máis coñecido como Pato Guillén, naceu en Montevideo o 28 de decembro de 1984. Debutou no River Plate Montevideo no 2003 e posteriormente pasou polo Club Atlético Cerro e o Racing Club de Montevideo antes do seu salto a España en 2009. Pasou polas filas do Atlético Monzón, equipo aragonés ante o que o Compos ascendeu unha tempada antes; Club Deportivo Binéfar, Club Deportivo La Muela e Clube Deportivo Ourense, onde compartiu vestiario con Josu e Portela. Ademais, a pasada tempada xogou 33 partidos nas filas do Barakaldo quedando a un paso da promoción de ascenso. 
Por outra parte, Ramón deixa o Compos despois dunha gran tempada defendendo a portería de San Lázaro. O andaluz chegou procedente do Atlético Sanluqueño no verán de 2014 e defendeu as cores do equipo santiagués en máis de 20 partidos sendo titular indiscutible ata o partido en Astorga, onde unha lesión obrigou a facer un troco na portería durante tres xornadas e volvendo á titularidade en marzo ante o Langreo, xogando ata o final da Liga. Máis de dous mil minutos sobre o campo encaixando 21 goles en 21 partidos. 
E no capítulo de renovacións, Óscar Fondevila continuará unha tempada máis no Compos despois de asinar un novo contrato. O vigués defendeu as nosas cores en 31 partidos. Máis de dous mil minutos sobre o terreo de xogo rematando a campaña con seis cartóns amarelos e un vermello. 
En resumo, só queda por dar a benvida a 'Pato' Guillén, desexar sorte a Ramón e dar a noraboa a Óscar Fondevila por asinar un ano máis polo noso equipo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario