O Compos, mellor o domingo

O Compos rematou a pretempada do mellor xeito posible. Os pupilos de Iñaki Alonso sumaron unha vitoria, primeira a domicilio no tempo reglamentario, ante o Ordes de vellos coñecidos. Un partido con dominio constante dos nosos e cun once inicial que pode ser o que xogue, de non haber máis sorpresas de última hora, o vindeiro sábado ante o Burgos en San Lázaro. Quim Araujo, Manu Moreira e Óscar Fondevila foron os autores dos goles de hoxe. 
De principio a fin, a Esedé tivo o esférico no seu poder e buscaron con insistencia a porta de Mario. Dende o primeiro aviso, no minuto once de partido, as acometidas foron constantes e moi seguidas, aínda que sen a finalización adecuada. Moito fútbol ofensivo rondando a área contraria pero, unha vez máis, cometendo erros á hora de transformar as ocasións en goles demostrando que o equipo aínda precisa da chegada dun dianteiro centro de calidade. 
Con Mensha anulado, os centrocampistas tomaron o mando no ataque e despois dun aviso claro de Manu Rodríguez e outro de Jordan, foi Quim Araujo quen aproveitou un balón solto no punto de penalti para facer o primeiro da tarde case á media hora de encontro. O catalán, que chegou despois de deixar moi bos recordos no Sant Andreu, anotou así o seu segundo tanto no que vai de curso despois de estrearse ante o Noia na Copa Deputación.
Despois de corenta e cinco minutos de dominio total do Compos, a segunda metade comezou con dominio local, tendo en dúas xogadas a balón parado as mellores ocasións dos primeiros dez minutos. Pero pouco a pouco, os branquiazuis foron gañando terreo e metendo ao Ordes no seu campo complicando a saída de balón rival. 
Ritmo alto e intenso sobre o terreo de xogo de Vista Alegre. onde en calqueira momento, aproveitando un erro rival, podería chegar outro gol. Dito erro aproveitouno Manu Moreira para roubar un balón en campo contrario, desfacerse dos seus rivais en velocidade e bater ao porteiro verde cun tiro cruzado. Segundo gol e de novo asinado por un centrocampista. 
O dominio, co paso dos minutos, foi en aumento e o Ordes só puido crear perigo a balón parado, facendo así o seu único disparo a porta claro na última media hora, disparo que apenas tivo problemas Ramón para mandar a saque de esquina. Unha ocasión á que, ademais, non tardou en responder o Compos co terceiro gol e definitivo da tarde. Nova contra do equipo branquiazul, balón para Fondevila, dispara e o balón chega ao fondo das mallas tras tocar nun contrario. 
Partido resolto e quince minutos por diante nos que Iñaki Alonso deu descanso a xogadores que seguramente estean na estrea en liga. Ademais, o equipo deixou moi boas sensacións a falta do regreso de Teles, Lemos e Portela, mancados, e a chegada dun novo dianteiro.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Catú (Castiñeiras, min. 87), Alcañiz, Jimmy; Marcos Rguez (Moya, min. 75), Manu Rguez, Jordan (Moreira, min. 46), Fondevila (Mon, min. 80), Quim (Mateo, min. 84); e Mensha (Javi Lorenzo, min. 75).
CARTÓNS: Amarelo para Mensha.
GOLES: 0-1 28' Quim, 0-2 57' Moreira, 0-3 75' Fondevila.
ESTADIO: Vista Alegre, Ordes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario