O Compos cae ante o Racing

Segundo partido en dous días da Esedé e segunda derrota consecutiva ante un Racing de Ferrol que puido superar aos nosos grazas a dúas xogadas a balón parado. O equipo ferrolán deixou fóra ao Compos por primeira vez nas tres últimas edicións. Joselu, que como se agardaba non foi ben recibido en San Lázaro, e Pablo Rey, autores dos goles da derrota branquiazul.
Partido igualado, sen moitas ocasións pero perigosas nas dúas porterías demostrando que o equipo, a pesar de non estar moi rodado por falta de adestramentos a estas alturas e a falta dun dianteiro centro con gol, está moi ben sobre o terreo de xogo. Sen embargo, o medo fixo que na primeira metade as xogadas perigosas tardasen vinte minutos en chegar.
De menos a máis, o Compos pasou de non poder superar o centro do campo co balón a conseguir dúas ocasións de gol claras e perigosas a balón parado que non remataron no fondo das mallas por moi pouco. E cando mellor parecía estar o equipo, unha chegada de Joselu á área remata en penalti que comete Ramón sobre o de Palmeira. O porteiro consegue despexar o disparo pero o ex compostelanista recolle o rexeite e non perdoa na que foi a súa casa durante dous anos. 
Na segunda metade, o Compos saiu a polo balón, con presión elevada e buscando con máis intensidade a porta de Mackay. De novo, as mellores ocasións chegaron a balón parado pero perdoando o empate errando á hora de finalizar as ocasións. Pero unha e outra vez topáronse con Mackay, que tivo unha gran noite baixo paus.
E de novo, cando mellor parecían xogar os pupilos de Iñaki Alonso, chegou o segundo gol co que rematar o encontro. Falta directa que bota Pablo Rey e Ramón non chega para evitar o definitivo tanto da derrota e da eliminación da Esedé da Copa Deputación.
O seguinte encontro, este domingo en San Lázaro ante o Vitoria de Guimarães da primeira división portuguesa.

ALIÑACIÓN: Ramón; Josu, Casti, Portela, Jimmy; Fondevila, Manu Rodríguez (Moya, min. 80); Lemos, Teles (Marcos Rodríguez, min. 66), Jordan (Moreira, min. 75); Quim Araujo. 
CARTÓNS: Amarelos para Ramón, Teles e Marcos Rodríguez.
GOLES: 0-1 35' Joselu, 0-2 75' Pablo Rey.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario