Álvaro Lemos xa é un máis da nosa gran familia, que vai en aumento cada día que pasa. O xogador do Deportivo ficha pola Esedé en calidade de cedido por unha tempada aumentando a nómina de xogadores ofensivos. Interior esquerdo que tamén pode actuar de extremo, é unha das grandes promesas do equipo coruñés e do fútbol galego.
Aos seus 21 anos, chamou a atención de Fernando Vázquez na súa primeira tempada no filial deportivista ata o punto de levalo co primeiro equipo á pretempada, na que unha grave lesión, rotura do ligamento cruzado do xeonllo dereito, fixo que Lemos non puidera dar o salto á Segunda división co primeiro equipo. Sete meses despois, pasou a contar de novo para o adestrador de Castrofeito, que o incluiu nos adestramentos do primeiro equipo.
Un ano despois daquel partido ante o Barbadás, o santiagués asina por unha tempada polo Compos, a pesar de ter tamén unha oferta do Racing de Ferrol, e poderá demostrar o seu nivel en San Lázaro, a onde chega como unha das estrelas do mercado coa vista posta en facer unha gran campaña e poder estar o vindeiro ano na Primeira división co primeiro equipo.
O seguinte en chegar podería ser Portela, procedente do Ourense, que en Axogada xa o dan como feito e só faltaría o anuncio oficial por parte do clube. Pola súa parte, Jacobo regresou ao Pontevedra mentres que Lorenzo asinou co Boiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario