O Compos atopa a luz

O 2013 remata ao igual que unha mala serie de resultados, cunha vitoria en San Lázaro. Un partido con dúas partes moi fáciles de separar. Durante os primeiros cincuenta e cinco minutos o dominio branquiazul non puido transformarse en ocasións claras mentres que a última media hora, despois dun apagón que deixou o campo sen luz durante case unha hora que a piques estivo de suspender o encontro, si foi como facía falta para cambiar a dinámica de malos resultados. O equipo mellorou notablemente e en menos de tres minutos chegaron os dous goles e os tres puntos para alonxarse do descenso.
Durante toda a primeira metade, o Compos dominou ante un equipo que limitouse a defender e intentalo á contra. Pouco xogo e poucas ocasións, algunha que puxo en pé aos preto de mil siareiros. Yahvé, xa recuperado da lesión, tivo a primeira pero non soubo superar ao porteiro no man a man errando a ocasión máis clara do encontro.
O equipo intentou buscar de novo a porta de Sergio con xogadas finalizadas por Joselu e Manu Rodríguez, sen sorte para ningún. O tempo pasaba, o Compos xogaba en campo contrario sen preocuparse demasiado do ataque rival, case inexistente. Adrián puido asistir a un partido tranquilo despois de varias semanas de baixa e a defensa branquiazul, liderada por Manuel Castiñeiras, non tivo problemas para manter a porta a cero ata, polo menos, o descanso.
A segunda metade comezou co equipo superior baseando o xogo nas bandas. O ritmo foi de menos a máis e as ocasións sobre a porta rioxana sucedéronse durante dez minutos. Pero un problema alleo ao clube e ao estadio provocou un apagón que durou cincuenta minutos. O partido parouse durante unha hora, os xogadores marcharon e o encontro estivo a piques de ser aprazado.
Sen embargo, o partido reanudouse e o Compos non desaproveitou a oportunidade. Algo máis de media hora por diante e un partido totalmente novo sobre o terreo de xogo. O Logroñés buscou a porta de Adrián, tiveron ocasións para levarse os tres puntos pero en tres grandes minutos chegou a sentenza branquiazul. 
A quince minutos para o final, Joselu transformou un penalti cometido sobre el mesmo. O de Palmeira sumou xa un gol máis para a súa conta e manterse no máis alto da táboa de goleadores do grupo. E tres minutos despois chegou o 2-0 definitivo. Pase para Jordan en zona de tres cuartos e o ex do Celta B superou a Sergio cun disparo cruzado. 
Vitoria merecida despois de seis partidos sen sumar os tres puntos rematando así o 2013 na décimo terceira posición a seis puntos do descenso, postos que ocupan o Caudal, Coruxo e Noja.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús (Borja, min. 80), Castiñeiras, Catú, Jimmy; Gonzalo; Jordan, Manu, Peláez (Nacho, min. 72) e Yahvé (Óscar, min. 66).
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo e Yahvé.
GOLES: 1-0 76' Joselu, 2-0 79' Jordan.
ESTADIO: San Lázaro. Algo menos de 1.000 persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario