Volve o gran Joselu e debut perfecto de Yahvé

 O Compos mantense na parte alta da clasificación despois dunha nova victoria importante ante o Rápido de Bouzas. Joselu volveu a marcar e Yahvé estreouse coa camiseta branquiazul da mellor forma posible: partidazo e golazo. Partidazo no que Fredi demostrou o bo fondo de armario para os imprevistos e coa chegada do novo '7' chegou tamén máis gol. Ademais Germán volveu á titularidade ocupando o posto de Mariño e facendo unha gran actuación. O peor do partido, unha semana máis, foi a actuación arbitral, aínda que por sorte non afectou na victoria. 
Con Joselu caído a banda, Marcos Suárez no centro do ataque e Yahvé chegando dende atrás, o Compos puido gozar de moi boas ocasións para poñerse por diante dende cedo. Entre os tres monopolizaron as mellores ocasións do equipo durante todo o partido e facendo que, polo menos, a xente puidera pasalo ben nas bancadas a base de disparos. 
Pero o tempo pasaba e o gol, materia por mellorar nesta segunda metade da tempada, non chegaba. Disparos e máis disparos pero sen materializar a gran superioridade branquiazul. Ata que no minuto 20 de xogo, Yahvé aproveitou un pase de Joselu, moi activo durante todo o partido participando nos tres goles, e dende fóra da área fixo un golazo para deixar a súa tarxeta de benvida. 
O partido non variou antes do descanso e o Compos estivo moi preto de facer o segundo en varias ocasións. Pola súa parte, os vigueses non puideron facer nada máis que defender, meterse atrás e, grazas á gran presión da Esedé a partir do medio do campo. 
Na segunda metade, o Compos buscou con intensidade o segundo gol. Gol que tardou en chegar a pesar das numerosas chegadas sobre todo de Joselu, que non parou ata volver a atoparse co gol. Un gol co que se volveu a demostrar a gran calidade do dianteiro de Ribeira unha tarde máis e, sobre todo, que a fame do goleador branquiazul non desapareceu nin moito menos. Control, regate e golazo para ledicia dos 700 espectadores.
O gol parecía sentenciar o partido pero só dous minutos despois chegou a sorpresa. Na primeira chegada con algo de perigo do Rápido de Bouzas, Adrián non puido atrapar o balón, posiblemente despois de recibir unha falta, e Diz, ante a sorpresa de todos pola decisión do colexiado, meteu o balón na portería para recurtar distancias.
A sorpresa pouco durou. O Compos mantivo a fame na busca do gol e a doce minutos do final, baixo a chuvia, Joselu recibiu unha dura entrada na área e, por fin, o árbitro si sinalou penalti. Dende os once metros non se equivocou Gonzalo mandando o balón á esquerda do gardameta. E despois deste gol co que se firmaron os tres puntos chegou o máis curioso do encontro. E é que Joselu non rematou o partido, posiblemente por molestias despois da entrada que supuxo o penalti.
Tres puntos para seguir na promoción e a pensar na visita ao Alondras.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja Facal (Rendo, min. 82), Castiñeiras, Catú, Jimmy; Germán, Gonzalo; Franqueira (Martín, min. 59), Yahvé; Joselu (Jordan, min. 79) e Marcos Suárez. 
CARTÓNS: Ningún, por fin. 
GOLES: 1-0 20' Yahvé, 2-0 68' Joselu, 2-1 70' Diz, 3-1 78' Gonzalo. 
ESTADIO: San Lázaro. 700 espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario