O Compos gaña en penaltis e con problemas

O Compos xa ten un novo título nas vitrinas despois de derrotar nos penaltis ao Silva, primeiro campión da Copa Deputación fai xa uns cantos anos. O equipo branquiazul levanta así a primeira Supercopa Deputación de A Coruña da historia. Partido fácil que se complicou ata o punto de perder unha boa renta. Ademais foi un partido que comezou ca boa nova do regreso de Tachi pero rematou ca mala nova da súa lesión. 
O partido non puido comezar mellor para o Compos en Ordes. Demostrando unha gran superioridade e o bo xogo ofensivo que caracterizou ao equipo do ano pasado, Louro abriu a conta en menos de dez minutos de encontro. A asistencia foi dunha das novas incorporacións, Diego Peláez, desde a banda. 
Dominio do esférico, superioridade aplastante e moita presión cando o balón estaba nos pes dos xogadores rivais. Así xogou o Compos os corenta e cinco primeiros minutos. Gonzalo, que saiu titular, tivo a posibilidade de facer o segundo á media hora de xogo. Sen embargo foi de novo David Louro o autor de ampliar distancias despois dunha boa xogada individual. 
Antes do tempo de lecer, cun partido case perfecto, Martín estivo a piques de facer o terceiro. Gol que si chegou no último tramo do primeiro tempo. O encargado de facer o gol, que parecía definitivo, foi Tachi, firmando así unha recuperación perfecta.
No segundo tempo o Silva foi comendo terreo á Esedé. Pouco a pouco foron rematando ca superioridade santiaguesa ata anotar o primeiro gol a falta de vinte minutos para o final do partido. Suso transforma un penalti. E só tres minutos despois obteron o mellor premio posible ca expulsión de Catú por dobre amonestación quedando así o Compos con dez.
O Silva mellorou co tempo, foi de menos a máis pero aínda así non se esperaba que chegasen a facer o que pasou nos últimos minutos do encontro. Posiblemente todo cambiou ca entrada de Alex sustituindo a Adrián a falta de cinco minutos para o final. 
Nese tempo o partido cambiou radicalmente. Do 3-1 ao 3-3 final en cuestión de dous minutos ca lesión de Tachi entre os goles rematando o conxunto de Anxo Casalderrey con nove xogadores tras esgotar os cambios. Tocaba resolver o título desde os once metros. 
Manuel Castiñeiras, Gonzalo, Uru, Nogueira e Louro foron os encargados de anotar os cinco tantos desde o punto de penalti. O Silva tivo catro oportunidades e unha delas atallouna Alex, gardameta do filial que non se veu abaixo nun momento complicado como este. 
O domingo volve a Liga. 

ALIÑACIÓN: Adrián (Alex, min. 85); Borja, Jimmy, Tachi, Mariño (Manu Rodríguez, min. 45); Germán, Nogueira, Gonzalo; Louro, Peláez (Uru, min. 59) e Martín (Manuel Castiñeiras, min. 69).
CARTÓNS: Expulsado Catú por dobre amonestación. Amonestado Gonzalo.
GOLES: 1-0 8' Louro, 2-0 35' Louro, 3-0 38' Tachi, 3-1 62' Suso, 3-2 82' Suso, 3-3 87' Iván.
PENALTIS: 1-0 Manuel Castiñeiras, 1-1, 2-1 Gonzalo, 2-2, 3-2 Uru, 4-2 Nogueira, 4-3, 5-3 Louro.
ESTADIO: Santa Isabel, Ordes. 200 afeccionados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario