Todo un ano de duro traballo terminou de dar os seus froitos en San Lázaro no partido entre campións dos dous grupos da Preferente galega. Compos e Barbadás loitaron no derradeiro partido da tempada antes de marchar de vacacións. Como non a Esedé saiu a por todas coa única intención de gañar, proclamarse campión absoluto e aumentar así a colección de trofeos que pronto poderemos ver no interior do estadio.
Sobre o campo o partido estivo bastante disputado aínda que as mellores ocasións chegaron do lado branquiazul. Con Roberto Piñeiro e Maikel ao frente da máquina, o Compos apenas tardou en abrir o marcador algo máis de dez minutos. Centro do capitán e o veterano dianteiro non dubida á hora de facer o primeiro da tarde.
Nos minutos seguintes o partido non tivo dominador claro e calquera dos dous puido desequilibrar a balanza cara o seu lado. Sen embargo Diego Penas estivo moi atento sempre que os ourensáns chegaron á meta compostelanista.
Xa no segundo tempo os visitantes puideron igualar o marcador cun gol que posteriormente sería anulado por fóra de xogo. Nese momento o Compos volveu a tomar o control do partido e Jacobo Tato, que entrara algúns minutos antes, fixo o segundo tras atopar un balón no área.
E case co tempo cumprido e o partido xa máis que sentenciado Louro fixo o terceiro tras un mal rexeite do gardameta ourensán.
Segundo título do primeiro equipo esta campaña e tamén segundo título do Compos na mesma tarde xa que os xuvenís alzáronse co título de campións da Liga galega unhas horas antes tamén en San Lázaro.
Agora unhas merecidísimas vacacións dos xogadores antes da volta ao traballo para preparar a pretempada e a próxima tempada na Terceira División.
ALIÑACIÓN: Diego Penas (Christian, min. 78); Castiñeiras, Germán, Bautista, Paco; Imanol, Garabal (Jacobo Tato, min. 58), Manu Rodríguez; Roberto Piñeiro (Pablo, min. 75), Maikel (Julián, min. 73) e Kolman (Louro min. 68).
CARTÓNS: Amarelo para Paco.
GOLES: 1-0 11' Maikel, 2-0 68' Jacobo Tato, 3-0 83' Louro.
ESTADIO: San Lázaro. 700 espectadores.

Ningún comentario:
Publicar un comentario