Amosando publicacións coa etiqueta Previa 22 23. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Previa 22 23. Amosar todas as publicacións

Capítulo dous

 Despois da vitoria pola mínima do pasado domingo, chega a volta. Un partido tinguido dunha guerra creada polo clube local, intentando crear un ambiente hostil para os afeccionados e xogadores branquiazuis. Un encontro que xa comezou o pasado domingo, co segundo gol aragonés, e que se converteu nunha loita mental coas entradas como primeiro paso. Non obstante, comeza gañando un Compos ao que lle serve con non perder nun campo que se convertirá nun inferno. 

 Na casa, un serio perigo. 

 O Tarazona rematou a liga como un dos grandes locais da categoría. Un equipo que soubo facer bo o seu campo a base de goles e unha defensa férrea que lles permitiu asinar en positivo a maior parte dos seus partidos. Ademais, anotaron gran parte dos seus goles diante dunha afección que apretará durante os noventa minutos. 

 Imos comezar co que serviría para os nosos. Utebo, Alavés B e Brea conseguiron conquistar o verde sintético do Municipal de Tarazona. Tres equipos que foron quen de deixar a súa porta a cero para sumar de tres en partidos duros e con expulsados. Gernika e Beasain non tiveron esa sorte en defensa pero conseguiron, cada un, un empate a un gol. 

 Por contra, ata doce partidos acabaron con triunfo turiasonense. Desas vitorias, só cinco acabaron mantendo a porta de Dorronsoro a cero, mais quedando a vantaxe mínima só contra Cirbonero. A maiores, sete citas onde a vantaxe foi por máis dun tanto destacando os seis goles anotados contra o Alfaro ou os cinco contra o filial da UD Logroñés. 

 Trátase dun equipo que diante da súa xente fixo un total de corenta goles, dous máis que o Compos en toda a liga, e que encaixou só catorce nesas dezasete citas desputadas. Neste sentido hai que ter en conta que Pato recibiu un gol máis en seis partidos máis deixándonos unha bonita loita entre o uruguaio e Dorronsoro, dous veteranos cun gran nivel baixo paus. 

 O que puido ser...

 No partido de ida, ao Compos non lle foi doado entrar no partido. Contra un Tarazona moi valente, os de Juan Carlos Andrés precisaron de vinte minutos para achegarse á portería rival. Non obstante, un aviso de Pablo Antas serviu para dar un paso adiante e só uns minutos despois, antes do tempo de lecer, chegou o gol que axudaba a ver a cousa moito mellor. Un disparo de Samu dende lonxe que peta no pau e gol de Darío aproveitando o rexeite. 

 A segunda parte comezou moito mellor. Con só cinco minutos, unha carreira de Parapar ata a liña de fondo, centro atrás e gol de Mario. O propio dianteiro barcelonés transformou unha pena máxima antes realizada sobre Jordan. Pero, como xa nos ten acostumado este equipo, chegou unha relaxación que botou por terra un resultado co que deixar practicamente sentenciada a eliminatoria. Un disparo de Samu co que perdoar o cuarto e dous goles en contra en algo máis de dez minutos, os dous chegados pola dereita, e que permitían ao Tarazona contar con opcións reais de remontar. 

 Con victoria na ida, pase na volta. 

 Non foron poucas as eliminatorias que tivo que superar o Compos ao longo da súa historia, tanto a ida e volta como nunha pequena liga de catro equipos. Pero poucas foron as ocasións nas que se xogou a ida en Santiago e a volta a domicilio. Non obstante, cando isto pasou e se foi cun resultado positivo, o ascenso chegou. 

 En 2009, dous goles de Claudio e outro de Vladimir serviron para viaxar a terras aragonesas cunha cómoda vantaxe. En Monzón, o Atlético Monzón foi quen de adiantarse no primeiro tempo medrando as súas opcións, as cales desapareceron cun gol de Centrón no segundo tempo. Aínda así, os aragoneses fixeron un segundo e a piques estiveron de asinar o terceiro nunha eliminatoria que deixaba ao Compos en Segunda B.

 Algo semellante pasou catro anos despois. Ante Ebro e San Juan, nas dúas primeiras roldas, o Compos foi quen de sacar bos triunfos por catro e tres goles de diferenza. A domicilio, dous empates que non puxeron en risco a presenza branquiazul na final. Nesa derradeira eliminatoria, triunfo por dous goles ante o Cieza no Vero Boquete e mesmo resultado en terras murcianas para asinar o ascenso á Segunda B. 

 Neste sentido, hai un antecedente no que se cumpre isto exactamente. E é que hai case sesenta anos, os nosos se enfrontaron en Santa Isabel ao Béjar Industrial sumando unha vantaxe dun gol para a volta. O mesmo resultado sacaron os casteláns tendo que ir a un terceiro partido onde caería o Compos. 

 As opcións pasan por non perder. 

 Xa sen valor dobre para os goles fóra da casa, teremos diante a un Tarazona ao que lle serve gañar pola mínima o partido, empatando a eliminatoria, e aguantando ese resultado ata o final da prórroga. Gañando por dous ou máis goles, o pase sería para os aragoneses xa sen opción de xogarse esa media hora extra. 

 O Compos terá que gañar ou empatar. O que sexa non perder será suficiente para pensar no sorteo do luns a partir do sábado ás dez da noite. Con isto, cabe dicir que calquera resultado a domicilio asinado ao longo deste curso serviría para poder pelexar ata o final agás a derrota por dous goles en Avilés. 

 Fer Beltrán, peza importante. 

 Ao longo desta tempada, o Compos xogou en tres campos de céspede sintético. Tres citas nas que houbo un nome propio que se presentou como unha das pezas máis importantes nesas citas asinando tres dos seus cinco goles. 

 Nas Eiroas, Charly adiantou ao Bergantiños na primeira parte. Na segunda, Roque igualou o resultado e Fer Beltrán, ao que non se lle dá nada mal este tipo de campos, asinou a vitoria. Non viu porta no Ganzábal, onde si marcou Mario por partida dobre e onde Jaime Santos se estreou con gol. E o propio centrocampista do Saviñao volvería ver portería, ata en dúas ocasións, na vitoria no Municipal de Guijuelo, onde Darío pechou o triunfo. 

 Imos con todo. 

 Durante o partido de ida, Pablo Crespo tivo que ser substituído por un golpe. Non obstante, o central cántabro xa está recuperado e podería estar este sábado despois de adestrar o xoves xa normalmente. Outros como Parapar, Cano e Allyson pasaron ao longo da semana por un proceso vírico do que xa están recuperados tamén. Quedan sen viaxar Damián, lesionado, e Elliot. Ademais, estréase na lista Rubén Casas, xuvenil. 

 Encerrona preparada. 

 Imos co que pasou ao longo desta semana. O domingo, a directiva do Tarazona di non saber que prezo nin cantidade de entradas enviarían a Santiago. O luns, aparece a opción de que serían cento cincuenta entradas a vinte euros e o Concello de Santiago confirma que fletarán autobuses para os afeccionados que queiran desprazarse. O martes, as negociacións entre clubes fan que sexan cincuenta entradas máis... que non chegan ata o mércores deixando apenas dous días para recollelas no estadio os que queiran desprazarse. 

 Non obstante, isto non é todo. O Municipal de Tarazona é un campo pequeno. Menos de novecentas persoas terían opción de ver o encontro sentados, aínda que todo apunta a que haberá bancadas supletorias para esta cita. Lonxe disto está a capacidade dun campo que os aragoneses sitúan en máis de dous mil persoas con gran parte vendo o partido de pé, tal como apunta que terán que facer os compostelanistas desprazados. 

 O partido arrincará ás 20:15 horas e poderá verse en directo na web da TVG, así como en diferido na TVG2 o domingo pola mañá. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Non hai dúas sen tres

 Rematada a liga regular na cuarta posición, chega agora a oportunidade dos nosos de estrearse nesa Primeira Federación da que tanto se fala, e non sempre de maneira positiva. Unha oportunidade que tomar a partir deste mesmo domingo contra un rival inédito ata o de agora na historia do Compos, cun longo historial entre Terceira e Preferente aragonesa, e que chega para facer historia cuns números moi fortes. Un Tarazona dirixido por Javi Moreno, ex xogador de Primeira nos noventa e primeira década deste século, e que garda un bo recordo da capital galega. 

 Un equipo con moito gol. 

 A Sociedad Deportiva Tarazona pasou toda a súa historia no fútbol aragonés, alternando a Terceira división coa Preferente. Foi así ata 2020. Chegou a pandemia cando o equipo zaragozano lideraba a clasificación con dous puntos de vantaxe sobre o Teruel, equipo que xa é de Primeira Federación. Ese fito foi suficiente para levalos a pelexar por sexto ano consecutivo para fuxir da categoría. Superaron a Brea e Deportivo Aragón para facer historia e, tres anos despois, sumaron dúas permanencias ás que sumar esta fase de ascenso. 

 Esta mesma tempada, os de Javi Moreno, non só fixeron historia senón que, ademais, conseguiron uns números case inigualables. Un dos equipos máis fortes na casa e que asinou un total de cincuenta e seis puntos en total. Dezaséis vitorias, oito empates e dez derrotas para os terceiros do grupo segundo. Non obstante, o mellor chega cos sesenta goles a favor, unha cantidade só superada polos tres grandes do fútbol español de entre as catro principais categorías. Por contra, encaixaron trinta e sete, demostrando que ese bo facer ofensivo non se compensa tanto cunha boa defensa. 

 Como locais contan cunhas cifras difíciles de igualar. Non obstante, fóra da casa non se trata dun equipo tan fiable e que se presenta como un muro defensivo, cun xogo duro e pouco gol. Con isto, lonxe do Municipal de Tarazona, conseguiron un total de dezaoito puntos gañando catro encontros, empatando seis e perdendo sete. Aínda, con isto, é un equipo que só quedou sen ver portería a domicilio en cinco oportunidades anotando vinte goles e, por outro lado, recibindo vintetrés goles nas súas saídas. 

 Bos recordos. 

 O Tarazona é a primeira vez que visitará o Vero Boquete ao longo da súa historia. Non obstante, dous equipos aragoneses pasaron polo teatro dos soños de San Lázaro nos últimos anos para medirse ao Compos en sendas fases de ascenso, con resultados inmellorables. 

 Un Compos campión na 2009 debía superar unha eliminatoria para volver á Segunda B por primeira vez dende a caída aos infernos. Tamén na ida, contra o Atlético Monzón, os de Chus Baleato chegaron ao tempo de lecer sen goles e parte da afección protestando fóra do estadio. No segundo tempo, dous goles de Claudio e outro de Vladimir serviron para encamiñar un ascenso que se pechou en terras aragonesas. 

 Outra caída á Preferente e a chegada de Quinteiro deixounos dous ascensos seguidos, dende Preferente ata Segunda B. Foi no segundo, único con fase de ascenso, cando houbo que estrearse contra outro equipo chegado de Aragón. O Ebro foi o primeiro rival branquiazul e, de novo, coa ida en Santiago. Como pasou catro anos antes, os de Fredi deixaron o pase xa encamiñado nese primeiro partido. Neste caso, tres goles de Joselu e outro de Marcos Suárez foron suficientes para pasar ás semifinais. De novo, ao igual que no anterior, acabaría en ascenso. 

 Sen cambios. 

 A pasada fin de semana, o Compos certificou, matematicamente, o seu pase a esta fase de ascenso como cuarto clasificado. Aínda así, os de Juan Carlos Andrés chegaron ao treito final como terceiros clasificados grazas a un gol de Parapar que supuxo unha boa vantaxe. No segundo tempo, un baixón de intensidade permitiu que o Marino puidera poñer en perigo a portería de Pato e Jairo Cárcaba asinou o gol que deixaba aos nosos na mesma posición coa que comezaron a xornada, sen aproveitar o esvarón do Valladolid Promesas. 

 Xa sen nada polo que xogar, o Tarazona visitou á Real Sociedad 'C'. Un partido onde os de Javi Moreno se limitaron a defender, no que acumularon cartóns amarelos e incluso un vermello no segundo tempo, e no que chegaron ao tempo de lecer cun resultado favorable grazas a un gol de Carlos González. No segundo tempo, Aimar González entrou para reforzar aos locais e só precisou dous minutos para igualar o marcador. Menos de quince minutos despois fixo o segundo co que deixar os tres últimos puntos na casa do terceiro filial donostiarra. 

 Javi Moreno xa coñece o estadio. 

 Nas filas do Tarazona atópanse xogadores como Razvan ou Marcos Mendes que xa saben o que é pisar o verde do Vero Boquete de San Lázaro con Guijuelo e Navalcarnero respectivamente, sendo o segundo incluso autor dun gol. Tamén Adrián Carrasco sabe o que é enfrontarse ao Compos, mais neste caso sendo a domicilio cando defendía as cores do Móstoles o curso pasado. 

 Non obstante, o caso máis destacado é o do seu adestrador. Javi Moreno pasou por equipos coma Atlético de Madrid ou Milan. Tamén polo Deportivo Alavés co que, no 98, eliminou ao Compos da Copa do Rei cun gol no treito final na volta, en Santiago, na que era a súa estrea como xogador do equipo vasco. Unha tempada despois, co Numancia, tamén marcou en San Lázaro. 

 Bicentenario. 

 Este mesmo domingo, Álvaro Casas podería acadar a segunda centena de encontros lucindo a camisola da SD Compostela. O capitán pode acadar os douscentos partidos oficiais, entre Liga, Copa do Rei e Copa Federación logo da súa chegada á Esedé hai xa seis anos. 

 Outro que pode chegar a unha cifra redonda é Pato. O porteiro uruguaio suma, a día de hoxe, cento corenta e nove partidos co récord de minutos imbatido nas súas mans e só trece goles encaixados en vintedous partidos este mesmo curso, convertíndose, de novo, nunha peza chave coa que pensar no ascenso. 

 Pato está de volta. 

 A pasada fin de semana tivemos a gran sorpresa da volta de Pato. O gardameta uruguaio, que levaba tres meses de baixa, volveu para deixar unha boa imaxe sobre o verde do Vero Boquete malia encaixar o gol do empate. Quen non puido estar foi Damián, que seguirá sendo baixa, e Pablo Crespo, que podería volver esta fin de semana despois de completar xa algún adestramento co resto dos seus compañeiros.

 A por un bo resultado. 

 Un domingo máis e, para manter a costume, toca madrugar. De novo, o Vero Boquete abrirá as súas portas para acoller outro partido á hora do vermú en plenas festas da Ascensión, co Composfest incluído. Unha semifinal de fase de ascenso na que se espera unha boa entrada e no que todos temos que pasar por caixa, con entradas a 8 euros para abonados e 15 euros para público xeral. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.  

Falta o outro pé

 Logo de caer, con remontada incluída, en Cantabria, o Compos ten este domingo a obriga de puntuar para entrar na fase de ascenso, que comezará a vindeira semana e que terá o sorteo o luns ao mediodía. Un partido que non será fácil, onde un punto serve para asinar a clasificación matemática e na que aínda hai que pelexar para asegurar, como mínimo, a cuarta praza. Diante, un Marino de Luanco que aínda ten unha mínima oportunidade de acceder á Copa do Rei, na que os nosos xa están tamén asegurados de cara á vindeira campaña. 

 Obxectivo cumprido. 

 O Marino de Luanco comezou a tempada dando guerra, ata o punto de manterse nos postos altos durante os primeiros meses de competición. Un equipo co claro obxectivo da permanencia, xa conseguida de xeito matemático, e que agora quere pechar unha boa campaña cun triunfo nun campo onde só foron quen de sumar de tres nunha ocasión pechando por un obxectivo do que logo falaremos. 

 Chegan a este final novenos, con corenta e oito puntos, superando aos postos perigosos por sete puntos. Isto chega grazas a trece triunfos, nove empates e once derrotas, sendo un dos equipos da zona media-baixa con menos caídas. Ademais, en canto a goles, trinta e dous goles a favor e trinta e tres en contra, unha diferenza que terán que mellorar se queren dar ese paso máis. 

 Un equipo que volveu converter Miramar nun fortín difícil de sacar puntos e que fóra de Luanco tamén se propuxo dar problemas. Seis vitorias, catro delas pola mínima, e catro empates, só un deles sen goles. Ademais, seis derrotas caendo pola mínima contra Avilés, Zamora e Arenteiro e goleados en Valladolid. 

 Catro de cinco. 

 Ata en cinco ocasións visitou o Marino de Luanco Santiago. Só nunha delas sacaron o resultado que, a día de hoxe, podería valer ao cadro asturiano. Nas catro citas restantes, o Compos foi quen de sacar un resultado que sería suficiente para este mesmo domingo. 

 Esta serie de resultados comezou en 2002 cunha goleada branquiazul, con cinco goles dos nosos contra un dos luanquinos. Tamén se sumou de tres en 2014, cunha vantaxe mínima, e no 2015, con dous goles de diferenza. Unha serie de tres triunfos que se racharía en 2021 coa vitoria visitante pola mínima na fase de ascenso á Primeira Federación e que se mantivo o curso pasado cun empate a un. 

 Nesta mesma tempada, en Miramar, repetiron o resultado. Fagir adiantou ao Marino no primeiro tempo mentres que Darío, a oito minutos para o final do tempo regulamentario, sumou un empate co que pechar a primeira volta. 

 Pola mínima. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de certificar a súa clasificación para a fase de ascenso en terras cántabras. Un partido no que os nosos fixeron un bo primeiro tempo conseguindo un gol que servía para chegar ao tempo de lecer por diante. Acerto de Jaime Santos que suma xa cinco goles, catro deles nas últimas catro xornadas. Non obstante, o Rayo Cantabria aproveitou un mal momento no segundo tempo para dar a volta ao resultado en menos de quince minutos, con goles de Yeray e Dalisson.

 Menos goles houbo no derbi asturiano. En Miramar, o Marino de Luanco despediuse da súa xente por esta tempada contra un Oviedo Vetusta que dixo adeus á posibilidade de entrar na fase de ascenso á Primeira Federación. Isto chegou grazas a un gol de Jairo Cárcaba, máximo goleador dos luanquinos, logo de levar menos de dez minutos sobre o verde. Un gol que os mantén con opcións de entrar na Copa do Rei.  

 Fase de ascenso ou Copa do Rei. 

 Este domingo, no Vero Boquete, os dous equipos pelexarán por dous obxectivos diferentes. O Compos tentará finalizar o curso regular cumprindo co obxectivo de xogar a fase de ascenso, tendo xa na man o billete á Copa do Rei, mentres que os asturianos, coa permanencia no peto, poden pelexar por xogar a competición do 'KO'. Aquí van as opcións dos dous equipos: 

 O Compos, con só un empate estaría clasificado matematicamente. Neste caso, dependería do resultado do Guijuelo ante o Avilés para acabar cuarto ou quinto. Dese partido e do que xogue o Zamora contra o Palencia Cristo Atlético depende tamén a clasificación en caso de derrota, tendo que perder un dos dous ou, no caso dos de Yago Iglesias, tamén empatar. E, deixando atrás os resultados negativos, tamén hai opción de ser terceiro gañando e sempre que o Valladolid Promesas non faga o propio en Langreo. 

 O caso do Marino de Luanco é máis complexo. Os asturianos deben volver á casa cos tres puntos, que o Zamora perda e que non gañe a Gimnástica de Torrelavega. A maiores, terían que mellorar a súa diferenza de goles para darse todos os supostos precisos para algo que apunta a difícil. 

 Problemas en defensa. 

 Para esta cita importante, Juan Carlos Andrés poderá recuperar a Damián logo da semana fóra por sanción, aínda que chegará xusto se é que o fai, sendo dúbida ata última hora. Ademais do lateral, podería caer tamén da lista Pablo Crespo e Álvaro Casas. O central cántabro tivo que ser substituído contra o Rayo Cantabria por un golpe na mesma zona onde antes sufriu unha lesión mentres que o capitán santiagués ten molestias. A maiores, Darío e Mario chegan apercibidos de sanción e perderíanse a ida da primeira rolda da fase de ascenso no caso de ver o quinto. 

 O primeiro gol, na bancada. 

 Coa importancia que ten esta cita, o clube repartiu entradas polos locales de hostelería da cidade, as cales xa se esgotaron en varios deles e, incluso, máis dunha vez tendo que repoñer. Ás máis de mil cincocentas invitacións repartidas, hai que engadir que para os non abonados estarán as entradas nas billeteiras a só cinco euros, tanto para Preferencia coma en Tribuna sendo totalmente de balde para os menores de idade. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

A vida ou morte

 Penúltima cita no Vero Boquete para un Compos que segue pensando na fase de ascenso. Os de Juan Carlos Andrés, que seguen dependendo de si mesmos, reciben este domingo a un Laredo que se xoga a vida. Un equipo que se salvou da queima a tempada pasada grazas á diferenza de puntos, evitando a promoción de permanencia, e que este ano visita o Vero Boquete por primeira vez na súa historia coa única intención de manterse con vida fóra dunha Terceira da que fuxiron hai tres anos. 

 Coa auga polo pescozo. 

 O Laredo chega este final de liga sen poder depender de si mesmo para salar a categoría ata o punto de que podería saltar ao verde de San Lázaro virtualmente descendido de darse unha serie de resultados na tarde do sábado. E, para evitalo, non poden facer outra cousa que non sexa gañar. 

 Gañar é algo que poucas veces puideron facer no que vai de curso. Décimo quintos na táboa con trinta e catro puntos, sumaron de tres en nove oportunidades. Noutras sete se repartiron os puntos cos rivais e quedaron sen puntuar en quince citas. Trátase, ademais, do equipo con menos gol do grupo, con dezaoito tantos ao seu favor. Por contra, demostrando o seu xogo defensivo, só tres equipos encaixaron menos dos vinteséis encaixados polos cántabros, estando entre eles o Compos. 

 Fortes na casa, onde puntuaron en boa parte dos seus xogos, non son de empatar a domicilio. Lonxe de Laredo conseguiron gañar en cinco citas, destacando o triunfo en Valladolid, e só empataron en Lugo. Ademais, caeron en nove ocasións. Un equipo que se move por resultados curtos sen acabar ningún partido con máis dun gol de diferenza, nin para ben nin para mal. 

 Ocasións escasas. 

 En poucas ocasións se puideron ver Compos e Laredo as caras en Santiago, sendo ésta a primeira que o fagan no Vero Boquete de San Lázaro. Dous equipos con moita historia na Terceira, un máis ca o outro, e que nesa mesma categoría se enfrontaron hai xa máis de corenta anos entre a liga e a Copa. 

 Nos sesenta, tiveron o seu primeiro cara a cara na Copa do Xeneralísimo en 1969. Un emparellamento igualado que arrincou cun empate a un en Santiago e que non se puido finiquitar en Cantabria, cunha igualada sen goles. Primeira vez que os dous conxuntos xogaban a competición e chegarían a un encontro de desempate no que os nosos superarían a rolda grazas a un tres a cero. 

 Deixamos atrás a competición do 'KO' e abrimos unha nova década, a dos setenta, na que se verían as caras en dúas ocasións en Santa Isabel. Hai xa cincuenta anos, na tempada 72/73, teríamos un triunfo pola mínima dos branquiazuis mentres que se repetiría o resultado de anos atrás na Copa para sumar os dous puntos e esquecer os tres anos previos por Preferente. 

 Menos sorte, ou acerto, houbo en Laredo, no partido da primeira volta. Coas vacacións na cabeza, os dous equipos deixaron un partido con escasas oportunidades de perigo e no que os erros custaron dous puntos a ambas as dúas escadras. 

 Mesmo resultado, diferentes sensacións. 

 A pasada fin de semana, o Compos tiña unha cita moi importante na loita polos postos altos. Un partido que tivo un primeiro tempo moi malo para os intereses do equipo dirixido por Juan Carlos Andrés, chegando ao tempo de lecer con dous goles de vantaxe... abaixo. Por sorte, a reacción logo do paso por vestiarios foi inmellorable e chegou a igualada grazas aos tantos de Jaime Santos e Darío, rematando o partido non só co punto no peto senón que pelexando por gañar nun campo moi difícil. 

 En Laredo, un guión semellante. O cadro cántabro, contra o Marino de Luanco, chegou ao tempo de lecer co resultado inicial. Non obstante, na segunda metade, non se fixeron esperar os goles. Carrión e Mikel Álvaro, en cuestión de cinco minutos encamiñaron un triunfo que semellaba case feito para unha das mellores defensas da categoría. Mais, nada máis lonxe da realidade. Nino rebaixou a diferenza a un e, só dous minutos despois, Guaya puxo o empate no marcador que complicaba a vida os de vermello. 

 Pola mínima. 

 O Laredo seguirá os pasos dos seus veciños de Gimnástica de Torrelavega e Rayo Cantabria e será o terceiro equipo cántabro que visitará o Vero Boquete este curso. Antes, os torrelaveguenses marcharon de baleiro grazas a un gol de Jordan no segundo tempo. Tamén houbo que esperar a despois do paso por vestiarios na cita contra o filial racinguista para ver a Darío anotando o seu sexto tanto. 

 Mellorando no anímico.

 A chegada do novo adestrador trouxo con el os bos resultados e unha mellora anímica no equipo e na afección. Aínda así, non hai a mesma sorte no físico. Pato segue ultimando a sua recuperación, tentando chegar á fase de ascenso. Pola súa parte, Allyson e Crespo xa adestraron co grupo ao igual que Cano e Fer Beltrán, que tiveron problemas ao longo da semana. 

 No capítulo de cartóns, Damián, Mario, Riki Mangana e Darío contan con catro cartóns cada un, a un da sanción. 

 A misa, no templo. 

 Este domingo, volvemos ter unha cita non apta para resacosos. O domingo ás doce abrirá as súas portas o Vero Boquete de San Lázaro. Un partido importante, onde manter esas opcións de escalar algún posto máis, e no que as entradas terán un prezo de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e dez euros menos por bancada para menores de idade. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

A saída máis dura

 Este domingo chega unha nova proba importante neste treito final do campionato coa fase de ascenso en xogo. Un enfrontamento no que, a maiores, se pelexará polo cuarto posto dunha clasificación onde varios rivais esperan un esvarón do Compos, comezando por un Zamora que non perde a pista da quinta posición. Neste caso, os nosos visitarán ao terceiro, o filial do Real Valladolid, nun partido que asegura goles, entre dous dos conxuntos que mellor coñecen o camiño á porta contraria. 

 Sen gusto polos empates. 

 O filial do Valladolid, que estivo na primeira tempada da historia da Primeira Federación, busca volver a esa nova terceira categoría do fútbol español. Un camiño que coñecen e que parecen ter xa ben tomado, cun colchón cómodo con respecto ao sexto clasificado, a tres puntos do Compos e co terceiro posto, e a opción de xogar a volta na casa na fase de ascenso, a só dous puntos. Un presente para os branquivioletas máis que positivo. 

 Ata o de agora, o Valladolid Promesas, suma cincuenta puntos. Quince vitorias dos casteláns e só cinco empates, sendo o segundo equipo que menos veces se repartiu o premio. Ademais, dez derrotas que os sitúan como o equipo con máis caídas dos seis primeiros. Por outro lado, corenta e dous goles os manteñen como o equipo máis anotador do grupo e trinta e cinco en contra, como un dos equipos máis febles en defensa. 

 Fortes a domicilio, sumando os mesmos puntos ca o Compos, son tamén uns dos mellores locais. Nove triunfos dirante da súa afección, seis deles pola mínima, e un só empate, con seis goles, contra o Palencia Cristo Atlético. A maiores, cinco derrotas nas que só foron quen de anotar un gol. 

 Cara e cruz. 

 En dúas ocasións visitou, o Compos, o Anexo de Zorrilla. Dúas visitas que nos deixaron tres puntos por equipo e ningún empate. Na primeira, logo dunha tempada enteira sen gañar a domicilio, chegou aa vitoria malia chegar, os locais, por diante ao tempo de lecer. No segundo tempo, en cuestión de cinco minutos empatou Josu, volveu adiantarse o filial vallisoletano e Manu Rodríguez puxo a igualada por terceira vez. Borja Navarro sería o autor, minutos despois, do gol dun triunfo que non se repetiría ao ano seguinte. Caye Quintana e Adrián asinaron os tantos do triunfo adiantándose a falta de sete minutos para o final. Un golpe duro para un equipo que non era quen de saír do fondo do pozo. 

 Menos sorte houbo no estadio do lado, no José Zorrilla. Seis visitas ao primeiro equipo do Valladolid e, como máis positivo, tres empates. Outras tres derrotas chegando a última como un dos golpes que evitaron a permanencia branquiazul na Primeira división. Todas elas na década dos noventa entre a Segunda e a Primeira división sumando unha eliminatoria de Copa superada polos nosos. 

 Un paso máis. 

 Volvendo á actualidade, a pasada fin de semana deron un paso adiante os dous equipos. O Compos, obrigado a gañar despois de seis partidos sen facelo, superou a un Palencia Cristo Atlético inferior. Un partido con firmeza en defensa, con acerto en ataque e cos suplentes ben enchufados. Fer Beltrán, que xa suma a mellor cifra anotadora da súa carreira; Jaime Santos e Mario, que deixou atrás a súa sequía goleadora, asinaron unha boa vitoria que aumenta a moral do equipo. 

 Menos puntería tivo un Valladolid Promesas que visitaba Miramar, un campo sempre complicado. Un filial que foi superior contra un rival que mellorou co paso dos minutos. Non obstante, ningún dos dous foi quen de ver portería quedando cun empate que mantén seguro aos casteláns, que se aseguran unha semana máis entre os cinco primeiros malia o que pase o domingo. 

 Máis recuperados. 

 A pasada fin de semana regresaron ao equipo Roque e Fer Beltrán. Damián volveu á convocatoria malia non ter minutos. E para este domingo, Pablo Crespo pode ocupar, de novo, o seu posto no centro da defensa, aínda que será dúbida por molestias ata o sábado. Con isto, Juan Carlos Andrés só perdería a Pato, que xa ultima a súa recuperación, e Allyson. A maiores, terá que facer un descarte para completar a convocatoria. 

 Por internet, pero de balde. 

 Unha nova saída fóra da nosa terra pero, por sorte, nesta ocasión si teremos a oportunidade de ver aos nosos. Será a través de La 8, televisión de Castela e León, e poderá verse na web totalmente de balde. O partido comezará ás 12 horas, horario que se repetirá en todos os partidos de liga que quedan se nada cambia, e no que haberá un bo número de afeccionados chegados dende Santiago, aproveitando de novo o bus gratis por parte do clube e patrocinadores. 

 Ademais, tamén se poderá seguir nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Primeira 'bola de partido'

 Con todo o colchón con respecto aos perseguidores perdido, chega a hora da verdade. Xa non hai outra opción que non sexa gañar e máis tendo en conta que ata cinco equipos seguen metidos nesa pelexa pola quinta posición... que se unen aos catro que agora mesmo ocupan os postos de promoción de ascenso, co Real Avilés xa separado na clasificación. Agora, todo pasa por gañar. Non hai outra opción. E diante, este domingo, teremos ao Palencia Cristo Atlético na primeira oportunidade para defender ese posto e intentar ascender de novo nunha clasificación cada vez máis axustada. 

 Buscando a permanencia. 

 O Palencia Cristo Atlético chega a esta xornada despois dun curso no que sumaron en boa parte dos seus partidos, sendo un dos equipos con máis empates, e unha defensa que os sitúa como un dos equipos que menos tantos recibiu. Non obstante, isto non é suficiente para deixar atrás os postos de perigo, estando aínda moi preto do descenso e da fase de permanencia. 

 A día de hoxe, os palentinos son decimosegundos con trinta e sete puntos, só un máis ca o Ourense Club de Fútbol e a un do Coruxo, aventaxando en tres ao Langreo, equipo que marca os postos de descenso. Isto pasa grazas a nove triunfos, gran parte deles na casa, e dez empates. Os dez partidos restantes acabaron en derrota, oito delas sen ver portería sequera. 

 Na casa, fortes. A domicilio, con máis complicacións. Só volveron á casa cos tres puntos de Laredo, Burgos e Carballo, deixando a porta a cero nas tres citas. En máis ocasións, seis, se repartiron os puntos, catro deles en citas sen goles e destacando o encontro con seis tantos en Valladolid. Por outro lado, caeron en cinco xogos nos que non chegaron a ver portería. 

 Invictos. 

 O camiño que está a tomar o Compos, con seis partidos sen coñecer a vitoria, non é para nada esperanzador. É obrigatorio sumar de tres por diferentes motivos, empezando polo tema anímico que ten ao equipo moi tocado. Tamén, pola clasificación. E é que os nosos pasaron de pechar a primeira volta a tres puntos do Arenteiro e a sete do sexto. Agora, o conto é moi diferente. 

 Non obstante, e malia que as cousas non están para botar foguetes, os enfrontamentos contra o Palencia Cristo Atlético deixan unha pequena esperanza para recuperar un pouco a esperanza e espantar as pantasmas dos últimos anos, que xa están acomodados en San Lázaro. E é que nas tres citas anteriores sempre se sumou. 

 A pasada tempada, os casteláns visitaron o Vero Boquete de San Lázaro por primeira vez e saíron sen nada. Jordan, Primo e Pablo Antas, de penalti, asinaron os goles do primeiro triunfo con Rodri como adestrador principal. Unha sorte que non nos acompañou en Palencia, onde se adiantaron os locais cun gol de Frodo e no que habería que agardar ata o treito final para a igualada de Escudero. 

 O camiño do triunfo volveu esta tempada, na primeira volta. Un Compos que chegou a La Nueva Balastera demostrando unha gran solidez defensiva e tivo en Mario Rodríguez o autor dun gran triunfo grazas a dous goles. 

 Sen gol. 

 A pasada fin de semana, en Avilés, medíanse dous equipos da parte alta coa única intención de sumar de tres e ampliar a vantaxe con respecto aos equipos de fóra dos postos privilexiados, achegándose ao obxectivo. O Compos foi mellor nos primeiros minutos e estivo preto do gol. Non obstante, como xa é habitual, os nosos perdoaron e pagaron caro. Natalio fixo o primeiro gol local e desapareceron os de Juan Carlos Andrés. Se a iso engadimos unha desconexión en defensa obtemos o resultado final: un gol de Primo que sentenciaba o triunfo. 

 En Palencia, máis igualdade. O Marino visitaba ao Cristo Atlético co obxectivo de achegarse máis á permanencia, case encamiñada xa, e, con iso, aos postos altos. O conxunto asturiano precisou de oitenta minutos para sumar o que foi o primeiro e único gol da cita. 

 Recuperamos efectivos. 

 Para esta cita, moi importante, volverán Fer Beltrán e Damián. O primeiro, despois de dúas semanas fóra por sanción mentres que o segundo o fará logo de máis dun mes de baixa. Por contra, seguirá fóra unha semana máis Roque, cumprindo o seu segundo partido de castigo, e Pablo Crespo, por acumulación de amoestacións. Únese á ausencia de Pato, cuxa recuperación vai mellor do agardado, e Allyson. 

 Apoiemos aos nosos. 

 Unha nova cita á hora do vermú, horario que se repetirá, mínimo, en catro das cinco citas que restan ata o final do curso, e no que poderán acceder sen pasar por caixa os que mercaron a entrada dobre na oferta para o encontro de hai dúas semanas ante o Arenteiro, ademais dos abonados. Por contra, para quen non puidera aproveitar dita oferta, as entradas estarán a quince euros en Preferencia, vinte en Tribuna e dez euros menos por bancada para os menores de idade. 

 Para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Gañar, gañar ou gañar

 Xa co primeiro posto imposible, co Arenteiro a piques de ser matematicamente campión de liga, quedan por confirmarse os catro equipos que, en maio e xuño, pelexarán por ascender á Primeira Federación. Unha proba de lume, e non só para os nosos, chega este domingo entre dous dos ocupantes deses postos privilexiados. Compos e Real Avilés Industrial pelexarán no mellor partido desta xornada por manter o colchón con respecto aos perseguidores, sabedores de que esta xornada, pase o que pase, seguirán nesa parte alta da táboa. 

 Regulares. 

 O Avilés, un dos equipos máis en forma na actualidade, recibe ao Compos este domingo dende o posto máis alto posible, tendo en conta que o primeiro ten un dono que non o soltou en meses. Un equipo que soubo aproveitar os últimos erros dos nosos para auparse a un posto privilexiado e mantendo un colchón de puntos que, de momento, os manterán seguros e coa dúbida de saber en que posto acabarán, parte importante de cara á fase de ascenso. 

 A día de hoxe, o Avilés ocupa o segundo posto por primeira vez na tempada, chegando no mellor estado ao mellor momento. Suman corenta e oito puntos grazas a catorce triunfos, gran maioría como locais, e seis empates, só dous deles sen goles. A maiores, oito derrotas nas que só foron quen de anotar dous goles. A iso hai que engadir que, xunto con Oviedo Vetusta, se trata do equipo máis goleador do grupo con trinta e sete tantos, con Primo como autor de nove. En contra, vintecatro goles. 

 Na casa, trátase dun equipo forte e que non permite que saian moitos puntos. Só Coruxo, Guijuelo e Rayo Cantabria conseguiron sacar os tres puntos do Román Suárez Puerta. Palencia Cristo Atlético e Arenteiro volveron cun empate. Por outra parte, ata seis vitorias locais, catro delas sen encaixar ningún tanto. 

 A nós tampouco se nos dá ben. 

 Se falamos da dificultade para sacar os puntos de Avilés esta tempada, tamén hai que contar que aos nosos se lle complicou ao longo dos anos. De feito, tal é así que só viaxaron os puntos cara a capital galega en dúas ocasións ao longo dos últimos cincuenta e catro anos. 

 Unha historia con máis de medio século e que nos deixou con dous triunfos da Esedé. Chegou a primeira en 1984 mentres que a segunda fíxose esperar trinta anos, grazas a un gol de Quim Araújo. Ambas as dúas, pola mínima. En máis ocasións chegou o empate, con ata catro, e as vitorias locais, con seis a prol dos asturianos. 

A pasada xornada chegou un deses empates con ata catro goles. Pablo Durán adiantou aos que vestiron de negro naquela cita mentres que Sergio García non tardou en asinar o empate co que se chegaría ao tempo de lecer. Na segunda metade, Pablo Antas tampouco tardou en facer o segundo pero dez minutos máis tarde chegou o empate definitivo, obra de Morcillo. 

 Cambio de posicións. 

 A clasificación está a sofrir trocos cada semana e a pasada vivimos unha caída do Compos e un ascenso dos avilesinos. Os nosos recibían a un Arenteiro que busca acadar o seu soño canto antes. Unha festa do fútbol que comezou cun gol de Allyson para un Compos que foi de máis a menos e que, dende o primeiro gol de Antón Escobar, amosou problemas ofensivos pero, sobre todo, defensivos. Isto aproveitouno, no treito final, o cadro verde para asinar a sentenza con outro gol de Escobar e un de Germán. 

 Pola súa parte, o Avilés visitaba ao Marino de Luanco nun bo derbi asturiano cos dous equipos obrigados a gañar. Foi o conxunto visitante quen non tardou en adiantarse cun gol de Primo encamiñando un triunfo que pecharían no segundo tempo, cun tanto obra de Morcillo. 

 Un colchón insuficiente. 

 O Compos pasou, en poucas semanas, de sumar unha vantaxe cómoda con respecto ao sexto clasificado a estar só tres puntos, co 'golaverage' particular gañado ao Zamora. Non obstante, isto só fai que, de igualar a puntos esta fin de semana, os nosos sigan por diante ata a visita do Palencia Cristo Atlético. 

 Por detrás, Oviedo Vetusta e Rayo Cantabria con catro puntos nun final de liga con ata sete enfrontamentos directos nas seis xornadas que restan para a chegada da fase de ascenso. 

 Máis problemas. 

 Coa presenza do novo adestrador branquiazul, Juan Carlos Andrés, chegan problemas sobre o verde. A pasada fin de semana chegou a novidade de Darío, que puido ter minutos no segundo tempo. Non obstante, no derbi caeu Roque por expulsión de cara a esta cita. O lateral súmase a Fer Beltrán, que cumprirá o seu segundo partido de sanción. Tampouco estará Damián nin Allyson. 

 Por outra parte, Pablo Crespo, Mario, Riki Mangana e Darío están a un cartón de sanción. 

 Pechamos a xornada. 

 Domingo ás 19 horas non será problema para que un autobús de afeccionados viaxe dende Santiago cara Avilés para pechar a xornada e esta Semana Santa tentando volver cos tres puntos. Partido con festa nos arredores do partido antes do mesmo e con entradas que van dende os 15 euros aos 5 euros, por idades. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo por InSports así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Festa do noso fútbol

 Este domingo chega unha festa do fútbol no Vero Boquete. Con pulpeiro, orquestra antes e despois do partido e xogos para nenos fóra do estadio. Dentro, o mellor ambiente nun partido dos nosos dende a pandemia cunha importante chegada de afeccionados do Carballiño. Un enfrontamento entre o primeiro, xa practicamente campión e ascendido, e un terceiro metido nunha dura loita por acabar neses postos de privilexio. 

 Os máis regulares. 

 A tempada do Arenteiro é para quitarse o sombreiro. Un equipo cunha idea de xogo marcada, recoñecida e moi efectiva ao que non lle afectou o cambio de adestrador. Coa saída de Fran Justo e a chegada de Javi Rey, os carballiñeses seguen a ser os máis fiables sen deixarse apenas puntos e aumentando a súa vantaxe con respecto aos seus perseguidores. 

 Un líder sólido que asinou un total de sesenta puntos grazas a dezasete vitorias e nove empates. Unicamente encaixaron unha derrota en liga no que vai de curso, dúas se sumamos a da Copa contra o Atlético de Madrid, e foi contra un Compos que conquistou Espiñedo. Por outra parte, non se trata dun equipo que gañe con grandes diferenzas e con iso fixeron trinta e un goles. Si é certo que se trata do equipo menos goleado con só trece tantos encaixados. 

 Fortes na casa, sendo os mellores locais do grupo, pero aínda máis a domicilio. Fóra do Carballiño, os verdes gañaron oito partidos destacando a vitoria en Valladolid, sendo a única sumada a domicilio por máis dun gol de diferenza. A iso hai que sumar cinco empates, os tres primeiros sen goles. Ningunha derrota para un equipo que quere asinar o seu soño canto antes. 

 Invencibles. 

 Se antes falamos de que o Arenteiro non perdeu ningún partido fóra da casa no que levamos de curso, hai que falar agora de que nunca sacaron os tres puntos de Santiago. Nin sequera dous, cando o triunfo valía un menos. 

 Unha lista de enfrontamentos que este domingo chegará ás dúas cifras e que comezou cunha goleada na Terceira 64/65. Un ano despois chegaría non só o segundo triunfo senón que, ademais, o primeiro gol en contra e deixarían atrás os encontros nesa década, e por vinte anos, para volver a verse as caras no 86 cun empate a un gol. Segundo e último tanto anotado polos do Carballiño en Santa Isabel. Os triunfos volverían para pechar os oitenta. 

 Xa en San Lázaro e con Yago Iglesias no banco, volveron verse as caras con tres goleadas consecutivas na Terceira. Menos sorte, e goles, houbo o ano pasado na Segunda Federación. Un empate sen goles nunha xeira negativa dos nosos de resultados e puntería. 

 Tampouco se sumou ningunha derrota contra os carballiñeses no Espiñedo e non foi para menos na primeira volta. Un partido que foi un exemplo de 'outro fútbol' con moitas interrupcións e xogo táctico, con ata trece amoestados, e que se decantou para o lado branquiazul grazas a un gol de Mario. 

 Diferentes dinámicas. 

 O mes de marzo foi duro para un Compos que pasa agora por un cambio de mando. Un equipo sen forzas, que empeza a acusar baixas importantes e que perdeu practicamente calquera opción de ser campión de liga. E a cousa non puido mellorar no primeiro partido de Cardeñosa no que os nosos se adiantaron grazas a un gol de Cano no segundo tempo. E é que, a dez minutos para o final, chegou o empate dunha Gimnástica moi forte na casa. 

 E se falamos de equipo forte na casa non podemos deixar atrás a un Arenteiro que sumou o seu decimoquinto triunfo pola mínima contra un Marino de Luanco que o intentou pero foi incapaz de marcar. Alex Fernández, no primeiro tempo, fixo o seu sexto gol do curso.

 Baixas importantes. 

 Para este domingo, Darío abandona a enfermería e poderá estar dispoñible. Non así, Damián, que segue coa súa recuperación, ao igual que Pato, e cae Jaime Santos con molestias. A parte, Fer Beltrán terá que estar fóra por dúas semanas por sanción, unha por acumulación de cartóns e outra pola expulsión cando xa fora substituído. Volve, por sorte, Pablo Antas despois do seu partido fóra. 

 Unha festa.

 Logo do éxito do cocido de hai unhas semanas, o Compos busca repetir a unión entre afeccionados mellorando o ambiente coa orquestra Cinema antes e despois, un DJ, polbo e churrasco para comer e unha promoción de entradas para acompañantes de abonados que inclúe tamén o partido contra o Palencia Cristo Atlético de dentro de dúas semanas por só 10 euros tanto para Tribuna como para Preferencia. A maiores, as entradas habituais a 15 e 20 euros en Preferencia e Tribuna para quen non poida aproveitar a promoción, e se vivirá a chegada de, en principio, máis dun millar de seareiros do Arenteiro. O partido comezará ás 16:45 horas, quince minutos antes do horario habitual. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Comeza a 'Era Cardeñosa'

 En medio dunha guerra interna e coa destitución de Fabiano aínda sen asimilar, comeza a 'Era Cardeñosa', unha nova etapa para o da Pobra do Caramiñal que queda pendente dos resultados máis próximos. Nesta ocasión, os nosos volven a Cantabria coa única intención de acabar con esta mala xeira de resultados e tapar un pouco a actualidade, aínda que sexa de xeito temporal, cun triunfo que manteña a segunda posición. Diante, unha Gimnástica de Torrelavega que ten a permanencia xa case na man e que aínda se pode achegar aos postos altos. 

 Moi fortes na casa. 

 A Gimnástica de Torrelavega chega a este último terzo do curso co obxectivo da permanencia case na man. Os cántabros ocupan un posto na zona tranquila da clasificación e con menor diferenza con respecto aos postos altos que á parte baixa. Un equipo que se fixo forte na casa, conseguindo boa parte dos seus puntos diante da súa xente no Malecón. 

 Actualmente, ocupan a novena posición con trinta e oito puntos, a seis dun Ourense Club de Fútbol que ocupa ese posto de promoción de permanencia, e a cinco do Zamora, que pecha os de promoción de ascenso. Un equipo que gañou dez partidos durante o curso, chegando só dous por máis dun gol de diferenza; empatou oito, a metade sen goles, e perdeu outros oito. Trátase dun equipo con pouco gol, con só vintecatro anotados, pero que o compensa cunha boa defensa, encaixando outros tantos. 

 Na casa conseguiron facerse co triunfo en seis ocasións. Desas vitorias só a última, contra Rayo Cantabria, chegou por máis dun gol de vantaxe. En cinco ocasións asinaron a igualada con tres deles sen goles. Por outra parte, só caeron contra Arenteiro e Marino de Luanco nas primeiras datas do campionato. 

 Un punto. 

 As visitas dos nosos a Torrelavega ao longo da historia non foron moi positivas que se poida dicir. Un enfrontamento que se repetiu en cinco ocasións entre Liga e Copa Federación e que non nos deixou ningún triunfo. 

 Falamos dunha historia que tivo gran parte do seu protagonismo na década dos setenta. Na Terceira división, antes da chegada da Segunda B, chegarían tres vitorias locais cos nosos incapaces de ver portería. Ese primeiro punto chegaría xa neste século, na Segunda B 2001/02, cun empate a un gol facendo o gol branquiazul Docando en propia portería. 

 Máis recente é o enfrontamento na Copa Federación en 2015. Nesa ocasión, os nosos volverían de Cantabria cun empate sen goles que os deixaba fóra da competición a un equipo que viña de caer tamén da Copa do Rei uns meses antes. 

 Si se sacou algo mellor da visita dos torrelaveguenses ao Vero Boquete na primeira volta cun gol de Jordan. Sería, ademais, a última vez que puidemos ver a Iván Martín coa camisola do Compos sendo a súa única ocasión con minutos na casa. 

 Cara e cruz. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de sacar nada positivo da visita do Bergantiños a San Lázaro. Un partido onde os nosos tiveron as mellores ocasións no primeiro tempo diante dunha defensa errática. Non obstante, o gol non chegou e no segundo tempo desapareceu tamén o perigo nas dúas áreas. Con isto, o equipo supera xa os trescentos minutos sen marcar, xeira moi negativa. 

 Pola súa parte, a Gimnástica de Torrelavega visitou ao Marino de Luanco e volveu á casa cun bo triunfo. No segundo tempo, Javi Delgado e Alex Basurto asinaron os dous tantos que servían para sumar o segundo triunfo consecutivo. 

 A estrea de Cardeñosa. 

 Sen perder a vista no mercado, Cardeñosa debutará como adestrador do primeiro equipo esta fin de semana. O que ata agora foi o segundo de Fabiano comezou a súa andaina nos bancos o pasado ano no Sigüeiro, filial compostelanista. Unha primeira tempada que remataba co equipo segundo na clasificación mais sen acadar o ascenso na segunda fase. 

 Para esta súa primeira cita no cargo, seguirá coa baixa de Damián e suma a de Pablo Antas por sanción. Tamén se conta coa dúbida ata última hora de Darío e Jaime Santos conta con problemas por un golpe. A maiores, os mesmos apercibidos de cara ao gran partido contra o Arenteiro do seguinte domingo no Vero Boquete. 

 Sen televisión. 

 El Malecón abrirá as súas portas este domingo para un dos partidos importantes da xornada e no que os locais esperan poder ter un bo ambiente, polo cal sacaron unha oferta para acompañantes de abonados. Para quen se desprace, as entradas terán un prezo que ronda entre os 10 e os 15 euros, dependendo da bancada. 

 Por contra, para quen non poida desprazarse, non se poderá ver por ningunha televisión nin canle de streaming. Si que o clube cántabro habilita unha retransmisión sen imaxe do partido por Twitch. Ademais, poderá seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Á conquista do Vao

 Novo derbi, segundo desta serie de enfrontamentos contra veciños galegos, e o Compos chega coa obriga de facer bo o punto contra o Lugo 'B'. Un partido importante e complicado no Vao contra un Coruxo que se xoga a vida e no que os nosos queren manter esa segunda posición que semella ser, a día de hoxe, o mellor posto en xogo cun Arenteiro moi separado xa do resto dos seus perseguidores, con nove puntos de vantaxe sobre os nosos. 

 Nunha liña perigosa. 

 O Coruxo está a pasar por unha tempada moi difícil. O equipo vigués, que acumula catorce tempadas na Segunda B, dúas delas na actual Segunda Federación, empeza a ter serios problemas para asegurarse a súa presenza un curso máis. De feito, os agora adestrados por Javier Maté logo da destitución dos irmáns Montes ocupan o posto de promoción de permanencia, eliminatoria que terían que xogar por diferenza de goles xa que ata tres equipos dos cinco grupos suman a mesma puntuación.

 Décimo terceiros a día de hoxe con vintenove puntos, ocupan ese posto de promoción de permanencia, igualados a puntos cun Langreo que si descendería e a dous do Ourense CF que marca a salvación. Sumaron sete triunfos, todos na primeira volta, e oito empates ademais se sufrir nove derrotas. Completan os seus números vintecatro goles a favor e vinteún en contra. 

 Na casa gañaron dous partidos, contra Laredo e Bergantiños, e empataron catro, repetindo en dúas ocasións o resultado sen goles e outras tantas repartíndose catro tantos. A parte, cinco derrotas con catro delas pola mínima e o Áviles como autor do único triunfo por máis dun gol de vantaxe. 

 A nivel individual, está a destacar Chiqui. O estremeño, que cumpre a súa segunda tempada no equipo vigués, suma xa seis goles sendo o máximo anotador. Con el, xogadores sempre importantes como o capitán Antón de Vicente ou Youssef Al Watani, sempre perigoso na área. 

 Unha longa historia. 

 Dende que nos sesenta chegara a primeira visita ao Coruxo, cun triunfo con goleada incluída, foron xa trece as visitas dos nosos ao equipo do Vao. Un enfrontamento que nos deixou un pleno de vitorias branquiazul en terras viguesas nas tres primeiras visitas chegando o primeiro empate na cuarta, todo isto dentro da primeira década na Terceira división. Unha xeira positiva que se mantivo na primeira ocasión que se enfrontaron nos oitenta chegando, un ano despois, a primeira derrota volvendo ás vitorias branquiazuis no final da década. 

 Logo da etapa dourada do Compos, sería o Coruxo quen se levaría os tres últimos puntos entre eles na Terceira. A partir de aí, volverían verse as caras xa na categoría de bronce sendo o Compos incapaz de conquistar O Vao. Tres empates, todos eles sen goles, e tres derrotas, cunha das maiores goleadas recibidas nos últimos anos. 

 A última visita, a tempada pasada, rematou o encontro sen goles sendo o Compos incapaz de sumar o seu último décimo partido consecutivo vendo portería, deixando a xeira en nove. Máis acerto pero mesmo final houbo na primeira volta con Chiqui e Darío, os máximos goleadores de cada equipo, como anotadores. 

 Incapaces de gañar. 

 A pasada xornada, tanto Compos coma o Coruxo foron incapaces de sumar de tres en sendas citas que eran de obrigada vitoria para ambos os dous. Con isto, os dous deron un paso atrás na busca dos seus obxectivos. 

 No Vero Boquete, no derbi contra o filial do Lugo, o Compos non foi quen de deixar unha boa imaxe. Un partido falto de ocasións de perigo, con Borja Rey salvando a mellor oportunidade visitante no primeiro tempo, e mellorando en ataque logo da entrada de Parapar no segundo tempo, mais sendo incapaces de poñer en risco a porta contraria. 

 En Miramar, o Marino de Luanco volveu dar outro paso adiante para non perder de vista o quinto posto. Contra un Coruxo incapaz de conquistar a vila asturiana, Borja Álvarez foi o autor do único gol para darlle os tres puntos a un Marino que empata a puntos co Avilés. 

 Tres regresos. 

 Riki Mangana, Fer Beltrán e Pablo Crespo volverán á que, algún día, foi a súa casa. Os tres, que coinciden agora por primeira vez nun mesmo equipo sendo partes importantes nos plans de Fabiano, tiveron diferentes camiños no Vao. 

 Comezamos por Fer Beltrán, o primeiro en chegar ao Coruxo. Sesenta e nove partidos en dúas tempadas, dende 2016 e 2018, e cinco goles para o do Saviñao. Na súa segunda campaña coincide no vestiario con Pablo Crespo. Recén chegado do Boiro, o central foi peza chave durante as cinco tempadas que pasou por Vigo con máis de cento corenta partidos nas súas costas. Menos sorte tivo Riki Mangana chegando en xaneiro de 2020 e participando en once encontros. Coincidiría na zaga co central cántabro. 

 Volven Jordan e Samu.

 O centro do campo do Compos colle algo de aire esta semana. Sen lesionados, Fabiano recupera, logo de sanción, a Jordan, que pasou dúas semanas fóra, e Samu. Non obstante, perde a Roque cumprindo o seu segundo ciclo de amoestacións. Por outra parte, Damián, Mario, Riki Mangana, Fer Beltrán, Darío e Pablo Antas contan con catro cartóns amarelos e, de ver un, non estarían contra o Bergantiños. 

 Invasión branquiazul. 

 Este domingo haberá que madrugar para poder ver aos nosos en acción. Un partido no que O Vao abrirá as súas portas ás 12 horas para recibir ata tres autobuses chegados dende a capital ademais de coches particulares que darán un gran ambiente a este derbi no que as entradas, como é habitual na categoría, están a 15 euros. 

 Por contra, para quen non poida desprazarse, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Un derbi vital

 O Compos, inmerso noutra nova boa xeira de resultados con dez dos últimos doce puntos posibles no peto, recibe este domingo ao Lugo B nun partido moi importante de cara ao obxectivo do curso, que non é outro que acadar o ascenso pola vía rápida. Un derbi, segundo desta segunda volta, onde hai máis que tres puntos en xogo. 

 Coa vida en xogo. 

 O Lugo B chegou a esta Segunda Federación o pasado verán e o seu paso pola categoría non está a ser precisamente cómodo. Un equipo moi novo e que non está a atopar o seu mellor xogo. Ocupando un dos postos da zona máis baixa da clasíficación, só superan ao filial do Burgos e están, a día de hoxe, moi lonxe dos postos de permanencia. 

 O filial lugués ocupa, agora mesmo, o decimosétimo posto con dezaséis puntos, igualando a puntos co Bergantiños. Con trece puntos menos ca Coruxo e quince por debaixo do Ourense CF, todo apunta a que o segundo equipo do Anxo Carro volverá á Terceira división antes do desexado se non conseguen facer algo que semella ser agora unha milagre con once partidos por diante. Isto chega despois de sumar tres triunfos, un deles contra o Compos e sete empates, ademais de trece derrotas. A iso hai que engadir que anotaron dezanove goles, sendo un dos equipos con menos acerto, e encaixaron trinta e catro, sendo o terceiro equipo que máis goles encaixa. 

 Se no Anxo Carro conseguiron gañar ao Compos, lonxe só fixeron o propio en Langreo asinando o gol da vitoria no treito final. De Palencia, Luanco e Carballo tamén volveron con algo positivo logo de acabar os tres partidos sen goles. A parte, oito derrotas incluíndo un 5-4 no Anexo de Zorrilla. Nesas caídas, cinco delas acabaron sen marcar. 

 A nivel individual, está a destacar a presenza de Cristian Martínez. O dianteiro coruñés non puido estar en toda a primeira volta volvendo en xaneiro e converténdose nestes case dous meses no máximo goleador, autor de tres tantos. 

 En San Lázaro, só nós. 

 Compos e Lugo B víronse as caras en dúas ocasións no Vero Boquete de San Lázaro con dous triunfos nas dúas visitas do filial albivermello. Ambas as dúas, en Terceira e con Yago Iglesias como adestrador local. 

 En 2018, os dous equipos abriron a tempada en Santiago cunha primeira vez na que Santi e Piscu fixeron os tres primeiros puntos para os santiagueses. Diante, un Lugo B con Vesprini en defensa, que acabaría cambiando de aires uns anos despois. 

 Un ano despois, Antón Escobar adiantou ao filial no arrinque do segundo tempo. Non obstante, Brais Abelenda e Saro conseguiron, en quince minutos, darlle a volta ao marcador para conseguir o dous de dous contra un rival que na súa casa complicou moito as cousas. 

 Abriu unha porta. 

 Na primeira volta, os dous equipos volveron demostrar que non hai tanta diferenza a noventa minutos e que ao Compos non se lle dá ben xogar no Anxo Carro. Unha derrota no treito final despois de que Darío, quen senón, abrira a conta mediado o segundo tempo. A tres minutos para o final, Rojo igualou a contenda a tres minutos para o final do tempo regulamentario sendo Vidal o encargado de facer xustiza á superioridade luguesa xa no engadido. 

 Esa derrota sería a derradeira da primeira volta. A partir dela, os nosos sumaron once xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, ata a visita a Burgos, onde o filial castelán rachou cun gran momento que deixaba aos nosos preto dun Arenteiro que non baixa o ritmo. 

 Pola mínima. 

 Compos e Lugo B remataron a pasada fin de semana con resultados curtos, pola mínima. Non obstante, non co mesmo final para os dous. Triunfo branquiazul moi importante en Guijuelo e derrota para os albivermellos na casa. 

 No Municipal Luis Ramos, o Compos visitaba ao Guijuelo coa intención de puntuar. Un campo sempre difícil e no que se puido ver unha versión ofensiva de Fer Beltrán inmellorable. Dous goles do do Saviñao encamiñaron unha vitoria que asegurou Darío co seu décimo gol. Pola súa parte, Giráldez e Caramelo recurtaron diferenzas ata en dúas ocasións máis sen evitar o triunfo galego. 

 No Anxo Carro, foi o Lugo B quen se adiantou no marcador antes dos cinco minutos, cun gol de Rosón. Non obstante, Vander igualou o resultado antes do tempo de lecer mentres que Luis Nuño asinou o triunfo para o Marino de Luanco no segundo tempo. 

 Moitos apercibidos. 

 Para esta cita importante, Fabiano contará con baixas importantes. Á xa habitual de Allyson, hai que sumar as de Jordan e Samu por sanción. Non obstante, pensando na seguinte cita, Roque, Damián, Mario Rodríguez, Fer Beltrán e Darío chegan con catro cartóns puidendo perderse o derbi no Vao. A parte, podería estrearse, polo menos en convocatoria, Javi Jiménez. 

 O vermú, no templo. 

 Primeiro derbi dos tres consecutivos que veñen nas vindeiras datas e primeiro á hora do vermú. O Vero Boquete abrirá as súas portas para acoller unha nova cita ás 12 da mañá, mesmo horario que a visita a Vigo. Para este encontro, as entradas terán o seu prezo habitual de 20 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 10 menos para menores en cada bancada. A parte, cada abonado poderá retirar entradas a 5 euros para acompañantes. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Volta a Salamanca

 O Compos volve esta fin de semana á provincia de Salamanca onde se resiste o triunfo dende hai oito anos. Naquela ocasión, o Municipal Luis Ramos foi o escenario da primeira, e única, vitoria ata o momento dos nosos diante dun Guijuelo que esta vez nos recibe en horas baixas, inmerso nunha xeira de resultados coa que pasaron de pelexar co Arenteiro a perder o colchón que tiñan con respecto aos equipos de fóra da zona privilexiada. Por contra, este domingo tampouco chegan ben os nosos logo de confirmarse a lesión de Pato polo que resta de curso así como a sanción de Jordan. 

 De máis a menos. 

 Dende que comezou a tempada e ata que rematou a primeira volta, o Guijuelo foi un dos equipos máis fortes. Non obstante, o novo ano fixo que o conxunto castelán perdera algún que outro xogador no mercado de inverno dado o bo nivel que estaban a amosar. Con isto, suman xa unha xeira de máis dun mes sen coñecer o triunfo encadeando, ademais, varios empates. 

 A día de hoxe, o conxunto verde ocupa a cuarta posición da táboa con trinta e sete puntos, só un máis ca o Zamora. Dez vitorias, sendo gran parte delas como locais durante a primeira volta, e sete empates serviron para sumar aos salmantinos mentres que só en cinco ocasións acabaron sen premio algún. Trátase dun equipo que fixo vinteún goles e que encaixou quince, sendo a cuarta mellor defensa do grupo. 

 Se no xeran suman uns bos números, mellores son nos seus partidos na casa. Sete foron os triunfos colleitados nun campo deixando a porta a cero en seis deles. Outros dous empates sen goles aumentan esta boa cifra defensiva do equipo dirixido por Mario Sánchez. Por outro lado, só un equipo foi quen de levar os tres puntos. O Valladolid Promesas, que xunto co Bergantiños foron os únicos capaces de marcar un gol alí, foi quen de sacar dous goles de vantaxe evitando a remontada local. 

 A nivel invididual, hai que destacar o gran traballo de Guzmán baixo paus así como o resto da súa defensa na que xa non está o galego Alberto Trapero, que asinou polo Recreativo de Huelva no pasado mercado invernal. 

 Campo sempre difícil. 

 O Municipal Luis Ramos é un campo que, ao longo da historia, non se lle dou mal aos nosos. Cinco visitas a Guijuelo nos últimos catorce anos e moitos empates para un emparellamento que non pode estar máis igualado. 

 Esta serie comeza en 2009 con triunfo local cun gol de Karanka. Algo máis sorte houbo en 2013 cun gol por equipo, de Manu Rodríguez para os nosos, e un ano despois chegaría o único triunfo branquiazul grazas a un gol de Jimmy nun partido moi polémico. E volveríamos aos empates en 2016 con Portela anotando o tanto da Esedé. 

 En 2021, na despedida da Segunda B tal como a coñecíamos, Kamal anotou o gol do Guijuelo mentres que, xa no engadido, empatarían os de Yago Iglesias cun gol de Andi en propia porta. 

 De empates foi a cousa. 

 A pasada fin de semana, tanto Compos coma Guijuelo tiñan unhas citas moi importantes contra equipos que pelexan por meterse neses postos altos. Non obstante, tanto un coma o outro non foron quen de sacar un triunfo quedándose nun empate os dous. 

 No Vero Boquete, o Zamora de Yago Iglesias foi mellor na pizarra anulando o centro do campo branquiazul e, malia acabar o primeiro tempo con dez e o segundo con nove, soubo aproveitar ben a inferioridade e os erros nun Compos con moitos nervios. Alex Ares cumpriu a 'lei do ex' aproveitando un erro defensivo mentres que Darío aumentou a súa conta a dez minutos para o final salvando un punto nun mal encontro. 

 Pola súa parte, en Miramar puido adiantarse o Marino de Luanco cun gol de Lora no primeiro tempo. Non obstante, pasado o tempo de lecer, foi quen de igualar o resultado o conxunto castelán grazas a un gol de Giráldez, xogador que chegou no pasado mercado invernal. Ademais, e xa pensando neste domingo, perden a Perea por expulsión. 

 Salamanca non se nos dá ben. 

 As últimas visitas á provincia de Salamanca non foron especialmente boas para os intereses dos nosos. Tres foron os rivais nestes últimos anos e ningunha vitoria chegou despois de 2015, cando se sacaron os tres puntos de Guijuelo. 

 Nos últimos anos, só do Municipal Luis Ramos puideron chegar puntos, dous de dúas visitas para ser exactos. Tanto do Helmántico como do Reina Sofía non se puideron sacar puntos nas últimas visitas a Salamanca e Unionistas. 

 Dúas baixas moi sensibles. 

 Para esta cita, Fabiano perde dúas pezas fundamentais para o equipo. Jordan estará fóra do equipo dúas semanas por sanción logo de ver un cartón vermello por agresión sen balón. Por outra parte, a outra baixa, aínda máis dolorosa, será a de Pato. O uruguaio, que xa non puido estar contra o Zamora, perderase o que resta de tempada por unha lesión e todo apunta a que nas vindeiras horas chegará un substituto. 

 Pay-per-view. 

 Volvemos saír de Galiza e volvemos ter que pasar por caixa para poder ver o partido por internet. Un partido que comezará o domingo ás 17 horas. Un partido para o que as entradas, por se alguén se despraza, terán un prezo de 15 euros. 

 Non obstante, poderá verse a través de InSports previo pagamento de 3,99 euros e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Cocido e fútbol

 Sábado antes do Entroido, cocido no aparcadoiro do estadio antes do partido e un enfrontamento moi especial contra o Zamora de Yago Iglesias. Unha cita para manter o bo camiño contra un rival directo e nun Vero Boquete que presenta cada vez mellor imaxe e ambiente nas bancadas. Ademais, aparece a posibilidade de abrir máis vantaxe cun rival directo. 

 Na loita. 

 Malia os problemas que arrastra o Zamora a nivel económico esta tempada, o equipo está a deixar uns resultados e un traballo cun gran valor. Os de Yago Iglesias pechan eses postos de permanencia pola parte de arriba, igualando a puntos co Avilés, que si ocupa o último deses postos de privilexio polos que pelexan os casteláns. 

 A día de hoxe, suman trinta e cinco puntos grazas a dez triunfos, cinco empates e seis derrotas, sufrindo as peores na casa. Un equipo moi regular que fixo practicamente os mesmos puntos na casa e a domicilio. Ademais, trátase dun dos equipos con máis acerto de cara a porta, con vinteséis tantos a favor e mellorando coa chegada do máximo goleador do grupo, e sendo un dos equipos con máis goles encaixados dos situados na parte alta da táboa, con vintedous en contra. 

 A domicilio, os de Yago Iglesias volveron cos tres puntos ata en cinco ocasións destacando o triunfo asinado no Anexo de Zorrilla contra o Valladolid Promesas. Ademais, tres empates, só contra o Langreo sen goles; e tres derrotas, todas repetindo o un a cero. 

 Trátase dun equipo que aspira a todo por equipo e que se reforzou moi ben no mercado de inverno coa chegada de Charly. O ex do Bergantiños tomou a porta de saída dirección a Zamora para poñerse ás ordes de Yago Iglesias e xa suma tres goles en tres partidos no seu novo equipo. 

 Enfrontamento con historia. 

 Compos e Zamora son xa vellos coñecidos. Dende os anos setenta e ata agora, os dous equipos chegaron a enfrontarse en ata doce tempadas entre a Terceira e a Segunda B, incluíndo tamén a Copa do Rei. 

 En Santiago, tanto en Santa Isabel coma en San Lázaro, os nosos gañaron un total de seis encontros destacando un sete a un nos anos oitenta, un catro a cero en 2013 e, un ano despois, un catro a un. Dous empates e catro derrotas, entre as que destaca un dous a cinco antes da chegada de Fabiano ao banco en 2009. 

 En canto á primeira volta, en Zamora, os nosos sumaron a primeira gran vitoria do curso. Pablo Antas, logo dun córner; Jordan e Damián asinaron unha goleada na que só houbo un equipo sobre o verde do Ruta de la Plata. Unha vitoria que servía para elevar o ánimo na parroquia branquiazul e que facía ver o potencial deste equipo. 

 Dobre vitoria. 

 A pasada fin de semana, tanto Compos como Zamora sumaron de tres nos seus respectivos partidos. Os nosos conseguiron unha vitoria histórica mentres que os de Yago Iglesias foron quen de superar a un Marino de Luanco que pelexou ata o final. 

 No Nuevo Ganzábal, medíanse un Langreo en horas baixas cun Compos que volvía tomar unha saída como partido trampa. Non obstante, no campo houbo unha superioridade moi importante dos galegos con Jordan e Mario volvendo deixar mostra do gran estado de forma polo que pasan os dous. A iso hai que engadir a gran estrea de Jaime Santos aproveitando de marabilla un pase de Darío para asinar o seu primeiro gol como branquiazul e pechar a goleada. 

 Pola súa parte, no Ruta de la Plata, o Zamora chegou a poñerse por diante con ata dous goles de vantaxe antes do tempo de lecer, ambos os dous obra de Charly. Unha diferenza que non tardou en neutralizar o Marino de Luanco no segundo tempo con dous tantos en cinco minutos obrigando aos zamoranos a facer un terceiro gol a cinco minutos para o final do encontro, obra de Manu Viana. 

 Falemos de ex. 

 Se ben no Compos non hai ningún ex Zamora actualmente, si pasa no lado contrario, tanto sobre o campo coma no banco. Alex Ares, Yago Iglesias e Alex Otero defenden agora o escudo do conxunto castelán logo do seu paso pola Esedé. 

 Alex Ares chegou a Santiago en 2017. Corenta partidos e doce goles na súa primeira tempada, con fase de ascenso incluída, e outros trinta e sete máis con outros trece goles no seu haber na segunda. Un xogador que se gañou o agarimo da afección con traballo e moi bo fútbol. 

 O de Pontedeume chegou da man de Yago Iglesias que, con Alex Otero como preparador físico, chegou ao Compos en 2016. Un dos adestradores con máis partidos na historia do Compos que deixou unha gran pisada grazas ao seu fútbol. Con el chegou o tan desexado ascenso á Segunda B e vitorias tan importantes como a conseguida en Riazor ou en La Palma superando ao Mensajero en Copa e deixando atrás anos de eliminacións á primeira. Máis de cento setenta partidos e un gran número de vitorias para un dos mellores adestradores da histoira branquiazul. 

 En principio, sen baixas. 

 Por primeira vez en moito tempo, terá que ser Fabiano quen decida quen queda fóra da lista de convocados para un partido. Con molestias por parte dalgúns xogadores, mais sen lesións nin sancións, será o brasileiro quen decida quen está mellor para esta cita difícil.

 Por outro lado, e pensando na visita a Guijuelo, Roque, Damián, Samu e Darío chegan apercibidos de sanción polo que un cartón deixaríaos fóra dese partido difícil contra outro rival directo. 

 Cocido e fútbol. 

 Hoxe, venres, é o último día para apuntarse ao Cocido de Entroido do Compos que se celebrará no aparcadoiro antes do partido. Un evento especial para reunir aos afeccionados e que inclúe, ademais, a posibilidade de adquirir entradas a metade de prezo. Por contra, para quen non sexa abonado nin asista á comida, as entradas terán o prezo habitual de 15 euros en Preferencia, 20 en Tribuna e 10 euros menos por bancada para os menores de idade. O xogo dará comezo o sábado ás 17 horas. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

A por un triunfo histórico

 Pechada a xeira de tres partidos sen coñecer a vitoria, o Compos volverá saír da cara esta fin de semana para intentar conseguir tres puntos moi importantes. Tres puntos que serían históricos nun campo onde aínda nunca gañou e que servirían para seguir no máis alto dunha clasificación que se axusta cada domingo máis. Diante, un Langreo que non parece atopar o bo camiño e que buscará facer bo o seu feudo onde non perden dende novembro. 

 Falta gol.

 O Langreo chega a este inicio da segunda volta nun momento mellorable para os seus intereses, que non son outros que salvar a categoría. O conxunto asturiano, que non gaña dende o peche da primeira volta, empeza a ver lonxe os postos de salvación, coa promoción de permanencia a cinco puntos e o Coruxo, que marca agora os postos de permenancia, a sete. 

 Vinte puntos suma agora o cadro langreano noutros tantos partidos ocupando o posto quince da clasificación. Isto chega despois de facer o mesmo número de puntos tanto na casa coma a domicilio con cinco triunfos, cinco empates e dez derrotas. Un equipo con problemas á hora de facer gol, tentando arranxar isto cunha fichaxe esta mesma semana, e que só anotou quince tantos. Por contra, encaixaron vintedous tantos ata o momento, menos que algún equipo coma o Valladolid Promesas. 

 Na casa, polo de agora, foron quen de facer dez puntos, a metade do seu total, sendo un dos equipos con menos vitorias pero, tamén, dos que menos perden diante da súa xente. Dous triunfos como locais esta tempada no sempre difícil Nuevo Ganzábal contra Burgos Promesas e Palencia Cristo Atlético. Máis foron os partidos que remataron con empate, cun total de catro rematando dous sen goles ante Zamora e Rayo Cantabria. Por outro lado, Laredo, Marino de Luanco e Lugo B conseguiron sacar os tres puntos das súas visitas sendo os únicos capaces de facer máis dun gol, mais sen deixar a súa porta a cero. 

 A nivel individual, está a destacar a presenza en ataque de Mikel Arzalluz. O dianteiro vasco foi autor de cinco goles coa curiosidade de que todos foron no Nuevo Ganzábal. Tamén hai que salientar o traballo en defensa e de Adrián Torre baixo paus. 

 Un campo historicamente imposible.

 O Compos visitou Langreo en ata dez ocasións ao longo da súa historia sen poder volver, en ningunha, coa vitoria. Un campo sempre complicado contra un rival que, na súa casa, se convirte nun muro difícil de superar. Tal é así que os nosos van buscar algo que se resiste en poucos campos con tanta insistencia. 

Esta historia comeza na década dos sesenta, cando a Terceira división non se dividía a grupo por comunidade. Unha primeira visita a Langreo que non acabou ben para os nosos, perdendo por dous goles de diferenza. Repetirían unha tempada despois e, de novo, gañarían os asturianos. O conto seguiría repetíndose tamén nos setenta con goleadas chegando o primeiro punto no ano oitenta, á quinta. Chegaría outra derrota máis na tempada do ascenso á Segunda división para enfrontarse, hai dez anos, de novo na Segunda B e acabar con empate. Despedirían tamén a categoría de bronce co terceiro empate, repetindo sempre o mesmo resultado de un gol por bando. 

 En canto á pasada tempada, inauguraron a Segunda Federación cun triunfo pola mínima do conxunto langreano no que Jandrín adiantou aos seus á media hora e no que Primo foi quen de por o empate no marcador. Non obstante, Dorian non tardou en adiantar de novo aos seus e deixar tres puntos importantes no Ganzábal. 

 Mesma sorte houbo esta tempada no Vero Boquete, na primeira volta. Un penalti no treito final transformado por Davo foi suficiente para levar os tres puntos a terras asturianas e sumar así os seus primeiros puntos do campionato. 

 A sete. 

 A pasada fin de semana deixounos resultados moi diferentes para os equipos que este sábado se verán as caras. O Compos puido deixar atrás unha xeira negativa con tres partidos sen gañar. Pola súa parte, o Langreo non foi quen de sumar no seu derbi contra o Marino de Luanco. 

 No Vero Boquete, os nosos recibían ao Ourense Clube de Fútbol nun partido complicado e coa obriga de sumar de tres para poder seguir no máis alto da clasificación, comezando o partido fóra dos postos de promoción de ascenso. Unha xornada na que os perseguidores conseguiron a vitoria e na que os dous primeiros se quedaron co empate sen goles. E sobre o verde, a dupla Jordan-Mario fixo as delicias de todos os presentes para, nun partido non moi vistoso, encamiñar un triunfo que a piques estivo de evitar o conxunto ourensán. Pablo Crespo, no ecuador do segundo tempo, fixo, en propia portería, o tanto que recurtaba distancias sendo, aínda así, insuficiente para evitar que os homes de Fabiano deixaran atrás un mal momento en canto a resultados, non así en relación coas sensacións. 

 Pola súa parte, en Miramar se medían Marino e Langreo para o outro derbi, asturiano neste caso, da xornada. En Luanco, os locais mantiveron o seu gran estado de forma actual, sumando dez dos últimos doce puntos en xogo, derrotando no primeiro tempo aos langreanos con goles de Jairo Cárcaba e Lora. Ademais, o cadro visitante acabou cun home menos pola expulsión de Daniel Homet. 

 Á terceira irá a vencida?  

 Por terceira vez esta tempada, o Compos terá que coller o autobús para visitar aos veciños asturianos. Non obstante, os resultados na comunidade limítrofe non están a ser moi positivos no que levamos de curso, con dúas saídas e ningunha vitoria. 

 Comezamos por Oviedo. Un partido onde a falta de ritmo se puido facer ver sobre o verde e no que Darío foi quen de adiantar aos nosos no marcador. Non obstante, o conxunto ovetense aproveitou dous erros pola banda dereita branquiazul e puido remontar o encontro, facendo o segundo dende os once metros. 

 A sorte tampouco estivo do noso lado en Luanco. Un mal partido para pechar a primeira volta onde se adiantaron os asturianos cun gol de Fagir aos vinte minutos. Por sorte, Darío apareceu no treito final para asinar un punto moi importante. Un partido no que, ademais, se poñía punto e final á xeira de Pato baixo paus. 

 Volve Pablo Antas. 

 Para esta nova cita, Fabiano poderá contar con menos problemas no centro do campo. Pablo Antas poderá volver ao equipo despois dun partido de sanción. Ademais, Darío podería volver tamén á titularidade despois dunha semana fóra por molestias, non así Allyson, que seguirá fóra. Por outra parte, Mario Constenla pasou a xogar co Sigüeiro sendo titular a pasada fin de semana mentres que Kike xa conta con dorsal do primeiro equipo a todos os efectos. 

 Tarde de sábado. 

 Despois de ter que ir ao Vero Boquete o domingo ás sete da tarde, neste caso haberá que prender o móbil o sábado ás seis. O Nuevo Ganzábal abrirá as súas portas para unha cita con entradas a 15 euros para maiores de 25 anos, 10 euros para sub25, 5 euros para sub17 e de balde para nenos. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido en FootballClub e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e o clube.