Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 20 21. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pretempada 20 21. Amosar todas as publicacións

Adeus, 2020

 Sen dúbida, o 2020 non será recordado por ser un bo ano. Unha pandemia mundial convertiuse no máis importante durante nove longos meses, e o que aínda nos queda por diante, paralizando o mundo enteiro e cambiando a vida de todos. Polo medio, en canto ao tema deportivo, meses sen fútbol e, á súa volta, sen afeccionados. Non obstante, entre todo o negro, un punto de luz: o Compos volveu a unha Segunda B onde está a deixar moi boa imaxe. Un ano que haberá que pechar en Ribadeo na loita por conseguir traer a Santiago o segundo Emma Cuervo da historia branquiazul, logo de asinar o primeiro hai xa 25 anos. 

 Un dos trofeos máis importantes do noso fútbol. 

 Dende o ano 1952, o Ribadeo ven organizando un torneo amigable que, sen dúbida, é dos máis importantes e coñecidos do fútbol galego e español. Unha copa pola que, case sempre, participan un equipo galego contra un equipo español, sendo no 1976 a única edición na que un equipo portugués probaría sorte. Tampouco son habituais as finais con dous equipos galegos, sendo ésta a quinta ocasión na que se dea este feito. 

 Equipos coma Celta, Depor ou Athletic Club teñen algún trofeo nas súas vitrinas sendo o Real Oviedo o maior vencedor con 16 títulos e outras 23 derrotas, confirmándose como un equipo habitual no Pepe Barrera durante os veráns. Non obstante, este ano será diferente dando a oportunidade a un recén ascendido á Terceira división de enfrontarse a un Segunda B convertindo ao Viveiro no trixésimo equipo que se estrea nos 65 anos que suma xa este clásico seguindo os pasos da Ponferradina, equipo que superou ao Oviedo o pasado ano. 

 Estreas exitosas. 

 Se falamos do triunfo da Ponferradina, pola mínima, a pasada edición, hai que falar doutros equipos que, ao igual que os bercianos, tamén se estrearon con triunfo. E neste caso hai que falar da última ocasión na que o Compos tivo a oportunidade de pelexar por traer o trofeo á casa caendo, nos penaltis, contra un Langreo que nunca antes tivera a oportunidade. 

 Anos antes, outros como o Deportivo, o Oviedo na segunda edición, Valladolid ou Sporting non perderían a oportunidade sendo o Celta B o último equipo que se estreou con derrota, alá polo 2006 contra outro, o Universidad de Oviedo, que tamén probaba sorte e sendo o segundo equipo da cidade que o gañaría. 

 Un de cinco. 

 Cinco foron as ocasións nas que o equipo da capital galega desputou o Emma Cuervo e, por desgraza, non sería cos resultados desexados. En 1992, o Oviedo xogaría a súa quinta final consecutiva contra un Compos que non sería rival gañando por un contundente 3-0. Xa como equipo de Primeira, tres anos despois, o equipo de Fernando Vázquez preparaba a nova tempada gañando por primeira vez o torneo contra o Sporting de Gijón. Mais repetir ao ano seguinte non serviría de moito volvendo caer a mans do Real Oviedo, por dous tantos de diferenza neste caso. E sería o Racing de Santander o que, en 1998, volvería mandar sen nada aos nosos. 

 Cambiamos de século, de directiva e de adestrador, entre moitas outras cousas. Con Yago Iglesias, un Compos que viña de facer un gran fútbol na Terceira mais quedando sen premio contra o Salamanca, tería que pelexar contra o Langreo acabando sen goles por primeira vez dende 1991. Dende os once metros sería o equipo asturiano quen se levaría o triunfo.

 Volta logo de 15 anos.

 Diante do noso Compos estará un Viveiro que tamén acadou ese gran obxectivo que non era outro que volver a unha Terceira división que deixaron hai xa 15 anos. Unha volta para vivir a reforma da Terceira división e buscar unha permanencia que se presume cara con ata oito descensos entre os dous subgrupos. Non obstante, o equipo de Cantarrana, campión da Preferente Norte e que recibirá dito premio este mércores, quere repetir un curso máis nunha categoría que cambiará aínda máis, pasando a ser a quinta do fútbol español, e ocupan a día de hoxe o sétimo posto con 13 puntos, tres menos que un Arzúa que si estaría fóra de perigo. 

 Un Viveiro que terá un bo fin de festas co partido adiado contra o Silva o día 3 e que conta nas súas filas co exporteiro do Compos Manu Cedrón, ás ordes de Yago Iglesias na súa primeira tempada e deixando o equipo por falta de minutos no mercado de inverno despois de só poder contar con 360 minutos e recibir 7 goles.  

 Defensa en cadro. 

 Se xa houbo que falar de problemas na defensa, sobre todo no centro, contra o Ibiza, as cousas non melloran para esta nova cita. Volve Soto ao equipo, logo de adestrar nas últimas sesións pero segue fóra Guille Torres. Ao catalán hai que engadir tamén os problemas físicos de Álvaro Casas, adestrando os dous por separado. Outro que tamén segue a recuperarse da súa lesión, máis grave neste caso, é Joel.  

 Despedida con vitoria?

 O Compos quere pechar este 2020 cun novo triunfo. Un ano que nos deixou só 4 derrotas en total e un ascenso para non esquecer, cun Balaídos baleiro e nunha fase atípica, contra equipos do mesmo grupo e servindo un empate na final. Non obstante, esta tempada non están a chegar os triunfos tampouco e, a menos de dúas semanas para a volta da liga, o equipo quere manter as boas sensacións logo das vacacións de Nadal.

 Un partido que se xogará este mércores 30 ás 16 horas no Pepe Barrera e que se poderá seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do Compos. Ademais, poderá verse en directo na canle de YouTube do Ribadeo. 

 E un inicio interesante. 

 Se xa sabemos cando será o derradeiro partido dos nosos, non é menos o primeiro dun 2021 que chega coa esperanza de seguir vendo bo fútbol. Unha estrea, en forma de amigable, que terá lugar o 2 de xaneiro no San Lázaro II e que medirá ao equipo de Yago Iglesias co Xuvenil A de Liga Nacional, competición que lideran logo de 7 xornadas nas que sumaron un total de 6 vitorias e só 1 derrota fronte ao Racing Vilalbés no Estadio Roca.

Por moi pouco

 O Compos recibiu este sábado ao Pontevedra no derradeiro encontro de preparación antes de estrear a nova Segunda B en Salamanca. Un partido contra un rival da mesma categoría mais que apunta a ser un dos grandes favoritos para gañar a liga xunto co Deportivo. Unha superioridade que buscaron demostrar sobre o verde do Vero Boquete conseguindo levarse o triunfo nos minutos finais grazas a un gol de Rufo. 

 Os primeiros corenta e cinco minutos remataron con igualdade sobre o verde, co Pontevedra facendo valer a súa superioridade e con Pato freando todo o posible sendo Adrián Cruz o primeiro en probalo nunha xogada a balón parado, que sacou sen problemas o uruguaio. Tamén a piques estivo de sorprender Charles mais sen conseguir probar ao porteiro. Pola súa parte, o Compos non chegou con grandes oportunidades á porta defendida por Mario, con dúas aproximacións que non puxeron en problemas ao pontevedrés. 

 No segundo tempo, máis do mesmo coa diferenza de que a primeira aproximación con perigo foi obra de Primo. Un man a man do cántabro co gardameta que salvou este co pé evitando así o primeiro gol dun Compos que lle estaba a facer fronte ao Pontevedra. 

 Máis puntería, aínda que non á primeira, tería Rufo. O dianteiro madrileño, chegado a Pasarón o pasado mes de xaneiro, perdoou a primeira clara que tivo pero non a segunda rematando coa testa un centro dende a banda de Romay e anotando o primeiro e único gol do encontro. Non obstante, mandaría fóra outra ocasión máis co tempo case cumprido.

 Un final de pretempada curta e atípica que nos deixa dous triunfos, outras tantas derrotas e un empate deixando boas sensacións e cousas a ter en conta de cara á estrea, o vindeiro domingo, en Salamanca. 

A última proba

 Estamos xa moi preto do tan esperado regreso da Segunda B e a pretempada toca ao seu fin. Unha preparación atípica, con algún amigable suspendido e sen a posibilidade de ver afeccionados nas bancadas de moitos campos, sendo o Vero Boquete un deles, e que remata co esperado enfrontamento contra o Pontevedra, segundo rival da mesma categoría co que compartir categoría neste novo curso e de novo na casa, campo que se estreará fronte ao Depor. 

 O Pontevedra chega a esta última cita, polo menos para o Compos, logo de enfrontarse xa contra Coruxo, Celta B e Deportivo ademais de visitar o Municipal da Estrada. Un total de 4 amigables conseguindo tres triunfos e só unha derrota. Unha boa preparación para os granates que caeron contra o cadro coruñés nos cinco últimos minutos cando xa estaban con dez homes pola expulsión de Charles, unha das fichaxes máis importantes da Segunda B procedente do Eibar de Primeira. O propio brasileiro, xunto con Rufo, conforman unha das mellores duplas atacantes dun grupo onde sacar puntos non será tarefa doada. 

 E se contamos que o Pontevedra chega de caer contra o Deportivo, con dous goles de Beauvue, tamén hai que destacar que o Compos gañou e convenceu contra o Coruxo no Vero Boquete. Un moi bo partido dos nosos co que sumar o segundo triunfo desta pretempada, primeiro na casa, e no que Primo demostrou volver á Segunda B con fame de gol. 

 Este, presumiblemente, último encontro da pretempada chega a oito días da estrea dos dous equipos na división de bronce. O Compos terá que arrincar no Reina Sofía de Salamanca, novo campo do Unionistas e onde non poderá haber afeccionados no que resta de ano, mentres que o Pontevedra fará o propio na Malata contra o Racing de Ferrol no primeiro enfrontamento no que se verán as caras dous dos grandes favoritos do subgrupo. 

 O partido está marcado para este sábado ás 12 da mañá no Vero Boquete de San Lázaro e, igual que a pasada fin de semana, será a porta pechada. Non obstante, o clube xa presentou unha proposta á Xunta para permitir público nas bancadas de cara á liga, sendo contra o Deportivo a primeira cita. No momento que esta proposta se acepte, o clube podería poñer fin á campaña de abonados permitindo a entrada de entre 1.900 seareiros e 2.500 dependendo de cantos vivan nun mesmo fogar. A parte, antes de cada partido haberá que presentar unha declaración que asegure que non se estivo en contacto con ningún contaxiado nos 15 días previos, tomarse a temperatura na porta de entrada, presentar o DNI e usar o xa tan coñecido xel hidroalcólico. Non obstante, todo isto aínda está en fase de aprobación puidendo haber novidades nas vindeiras datas. 



Primo segue afinando

 Primeiro partido no Vero Boquete deste novo curso, primeiro rival co que compartirá categoría o Compos e segunda vitoria para un equipo que está a deixar moi boas sensacións. Un triunfo fronte ao Coruxo conseguindo a maior vantaxe do que levamos de pretempada e que puido ser maior de non ser polo bo facer de Alberto, porteiro do conxunto vigués. Primo, autor de dous goles, estreouse de cara a porta da mellor maneira nun gran encontro de todos os homes de Yago Iglesias. 

 O Coruxo, con só un punta, buscou probar a Pato nos primeiros compases do encontro cun disparo dende lonxe e aí acabou o traballo do gardameta uruguaio. Ben en defensa, aproveitando o ben que coñecen os nosos o Vero Boquete, a maior seguridade pasou por dominar o esférico e probar, co paso do tempo, a un Alberto que foi un pesadelo para os atacantes branquiazuis. 

 Uns minutos de tanteo e chegaron as ocasións á portería visitante. Primo probaría ao gardamallas cunha volea dende o pico da área mentres que Brais Abelenda petaría cun defensa no seu intento nos dous primeiros avisos sendo precisa unha ocasión a balón parado, un córner, para que se adiantaran os nosos. Un gol, obra do dianteiro cántabro, que facía xustiza ao que se estaba a ver sobre o verde e ao que seguiría unha nova oportunidade de Miki Villar que evitaría co pé Alberto e outra de Bicho, petando o esférico no longueiro. 

 O segundo tempo foi algo máis do mesmo. Un Compos superior sobre o terreo de xogo e que non tardaría en ter a primeira ocasión, cun gol anulado a Bicho por posible fóra de xogo de Jimmy na xogada. Non obstante, cinco minutos máis tardaría Primo en aproveitar un rexeite na área logo dun disparo de Pablo Antas para poñer terra de por medio. 

 Co segundo no marcador, a intensidade baixou permitindo unha nova oportunidade de Rivera para os visitantes que neste caso frearía Borja Rey por baixo demostrando unha vez máis o bo nivel que o levou a asinar pola Esedé. Como resposta, xogada de Bicho e Juampa que acabaría con ocasión do mediapunta sadense e que salvaría Alberto, sen dúbida a mellor peza do conxunto verde evitando unha goleada.

Agora si, o Compos volve á casa

 Logo de case 7 meses, o Compos volverá xogar un partido no Vero Boquete de San Lázaro. Non obstante, por precaución seguindo as medidas protocolarias, aínda será sen afeccionados nas bancadas. Diante estará un rival de nivel, o galego mellor clasificado a pasada campaña na Segunda B, o Coruxo. Unha proba importante para os nosos nun campo máis que coñecido e no que buscar o segundo triunfo desta pretempada atípica a só dúas semanas do comezo do curso oficial en Salamanca. 

 Logo de cancelarse o partido contra o Pontevedra, este sábado chega o primeiro partido do Compos de Segunda B no Vero Boquete, contra un Coruxo que chega de empatar fronte ao Racing de Ferrol con gol de Alex Ares nunha pretempada que non se lle está a dar nada mal aos vigueses. Polo camiño superaron tamén a Choco e Arzúa comezando con derrota a mans do cadro granate. 

 Pola súa parte, o Compos conseguiu un triunfo, fronte ao Estradense, un empate, contra o Fabril en Abegondo, e unha derrota, en Espiñedo a mans do Arenteiro. Un equipo que está a deixar boas sensacións mais sen aínda contar con acerto de cara a portería probando diferentes tácticas puidendo ver a Brais Abelenda como lateral no primeiro tempo contra o filial deportivista pasando á súa posición habitual na segunda e anotando o gol branquiazul ante as baixas de Saro e Juampa, que todo apunta a que poderán estar da partida. 

 O partido, co que o Vero Boquete volverá a abrir as súas portas para os xogadores mais non para os afeccionados, será o sábado ás 18 horas e poderá seguirse tanto na conta de Twitter da Curva coma do clube. Por outro lado, dicir tamén que o V Memorial Antonio Bermúdez, que estaba marcado para esta mesma data, será noutra ocasión cando as autoridades permitan a entrada de afeccionados no teatro dos soños branquiazul. 

Novo empate en Abegondo

 Segunda ocasión que se enfrontan Compos e Fabril en Abegondo no que vai de 2020 e de novo empate nun partido complicado fronte aos de Juan Carlos Valerón. Unha cita onde sacar diferentes sensacións, de novo boas, con Brais Abelenda probando o primeiro tempo como lateral e Matías Vesprini acompañando a Soto no centro da defensa como xa fixo na Estrada, sendo o arxentino un fixo no once titular para Yago Iglesias nesta pretempada. 

 Como é habitual, o Compos tivo na súa man as mellores oportunidades do xogo, levando o peso do partido mais sen a fortuna suficiente para levalas a bo porto. Esa boa sorte foi a que si tivo o Fabril para, na primeira clara para os locais, poder adiantarse no marcador. Un erro defensivo, cun mal despexe, que non perdoou Javi Sánchez cunha gran volea. 

 Co resultado en contra, o Compos volveu buscar o gol con intensidade. Un ataque formado por Bicho, Miki, Gabri e Primo non foi suficiente para acadar o obxectivo do empate antes do tempo de lecer sendo Brais Abelenda, xa no segundo tempo e cun cambio de posición, quen non perdoase un erro do gardameta local. 

 No resto do segundo tempo, con dous equipos moi diferentes e probando cousas novas tanto Valerón coma Yago Iglesias. Só Josiño foi quen de probar á defensa coruñesa nunha ocasión clara topándose cun rival que evitou o triunfo compostelanista. 

 Por outro lado, falando do que se vén nos vindeiros días, o Compos terá que medirse este sábado a un rival de Segunda B, o primeiro nesta pretempada co que compartirá categoría durante o curso. Será o Coruxo no Vero Boquete e sen afeccionados o sábado ás 18 horas.

Derrota con lea

 O Compos inaugurou o casilleiro de derrotas no seu segundo amigable contra un Arenteiro que pegou mellor no primeiro tempo e sen sorte á hora de igualar diferenzas. Un partido onde os de Rodri Veiga foron superiores mais no que o protagonista foi, finalmente, o colexiado. Dous expulsados no verde nunha bronca importante e ata seis cartóns amarelos nun xogo onde Arce e Marquitos fixeron os goles do Arenteiro mentres que Brais Abelenda mantivo vivos aos nosos. 

 Alto ritmo e intensidade nun partido que non tardou nin dez minutos en ter a primeira ocasión clara a prol dos nosos evitando un defensa o tanto baixo paus. Unha ocasión á que non tardou en responder o Arenteiro primeiro cun disparo de Jony que sacou Borja Rey sen grandes complicacións e co primeiro gol, dous minutos máis tarde. Un gol, ou golazo mellor dito, de Rubén Arce de volea logo dun córner mal despexado pola zaga branquiazul. 

 Buscou repoñerse rápido o cadro dirixido, de xeito excepcional, por Rodri Veiga cunha ocasión que volveu sacar case na liña a defensa carballiñesa. Non obstante, de novo, sería o conxunto local o que pegaría con máis forza cun gol de Marquitos a pase, co calcaño, de Jony. Un bo gol que deixaba moi tocado a un Compos que protestaría, vendo Primo un cartón, un posible penalti intres antes de asinar o gol que pecharía o marcador, obra de Brais Abelenda a pase de Jimmy intervindo na xogada tamén Axel. 

 O segundo tempo, por contra, sería de dominio constante por parte do equipo da capital, mais sen conseguir levar esas intencións á portería local. Gabri e Pablo Antas serían os encargados de levar a cabo as mellores xogadas sendo unha lea o máis destacable destes últimos corenta e cinco minutos e que saldaría con dous expulsados no Compos e cartón para Pato. 

 Agora, a descansar e preparar o amigable do vindeiro mércores, primeiro da semana, en Abegondo fronte ao Fabril. O sábado, o equipo poderá estrearse finalmente en Santiago no V Memorial Antonio Bermúdez no que aínda se descoñece o rival. 


O favorito da Terceira

 Logo de suspenderse o partido do pasado mércores por un positivo no entorno dun xogador da Esedé, a segunda cita da pretempada trasládase ao Carballiño. O Compos visitará ao novo favorito da Terceira división, un Arenteiro que se reforzou en todas as liñas con xogadores procedentes do Ourense CF e UD Ourense, entre outros, con Fran Justo como adestrador. 

 Ata 15 futbolistas reforzaron un Arenteiro con exfutbolistas do Compos como Álvaro Naveira, Portela ou Germán. Un equipo co obxectivo claro de ascender á Segunda B a vindeira tempada, que optará a unha das tres prazas do grupo galego que levarán aos equipos á, ata este ano, categoría de bronce e que se poderá estrear fronte aos nosos nun partido especial, volvendo ao campo onde o cadro de Yago Iglesias gañou o seu primeiro campionato hai xa dous anos. 

 Botando unha ollada ao pasado máis recente, hai que falar tamén do triunfo do Compos fronte ao Estradense grazas a un gol de Jimmy. Un partido cómodo para os nosos, sobre todo no segundo tempo, coa mala nova da lesión de Primo, totalmente recuperado para esta cita logo de adestrar cos seus compañeiros dende o pasado luns. Ademais, xunto ao cántabro, podería estar tamén Guille Torres, a última fichaxe coa que se pechou o equipo. 

 O partido, se nada cambia, será este sábado ás 18 horas en Espiñedo coa posibilidade de afeccionados nas bancadas con entradas a 10 euros para todos, á venta por orde de chegada. 


 Por outra parte, ao longo da semana coñecimos unha cifra aproximada do número de abonados. A día de hoxe, case 1.000 seareiros confirmaron a súa presenza esgotando as prazas para a bancada de Tribuna e quedando só dispoñibles uns 500 para a de Preferencia. Ademais, se a pandemia non permite unha mellora, os non aboados estarán nos Fondos, mais aínda sen información sobre a capacidade destes para os primeiros encontros. 

Na casa, a soas

 O Compos terá este vindeiro mércores o seu segundo enfrontamento de pretempada. Un partido complicado fronte a un rival co que compartirá categoría, o Pontevedra, e que suporá a volta da Esedé ao Vero Boquete seis meses despois daquela derrota contra a UD Ourense. Non obstante, nesta ocasión terá que ser sen seareiros nas bancadas por mor do estado da pandemia na capital galega. 

 Branquiazuis e granates xogarán a súa segunda cita desta pretempada atípica logo de estrearse o mércores, os nosos na Estrada, e o sábado os pontevedreses no Vao contra o Coruxo repetíndose nos dous casos a vitoria visitante pola mínima. Dúas citas das que sacar boas conclusións, pero para nada determinantes, e poñendo a mala nota na lesión de Primo, fóra dos adestramentos sobre o verde ata este luns. 

 O mellor reforzado. 

 Descartando ao Deportivo, o Pontevedra é sen dúbida o mellor reforzado para este novo curso. Un equipo con moita experiencia e intención de conseguir o ascenso á Segunda división e que se puido reforzar este verán coas fichaxes de Charles e Xisco Campos, futbolistas con experiencia na élite e que chegan para dar unha mellora importante a un equipo do que saiu recentemente Álvaro Naveira dirección a un Arenteiro que quere facer historia.

 Sen público en Santiago.

 En medio das negociacións coa Xunta para a posibilidade de aumentar o aforo nos estadios galegos da Segunda B, o Vero Boquete terá que agardar para abrir as súas portas aos afeccionados. Esta primeira cita na capital, o mércores ás 18 horas, terá que ser a porta pechada á espera de que melloren as cousas por Santiago. Non obstante, na nosa conta de Twitter poderá seguirse o encontro en directo. 

Boa estrea

 O Compos superou a súa primeira proba nesta pretempada fronte ao Estradense nun partido onde se puido ver un equipo serio, con boas ideas e intencións. Seguros en defensa e con forza en ataque, os de Yago Iglesias só sacaron un triunfo pola mínima no Novo Municipal da Estrada no que, como novidade, puido haber ata 200 afeccionados nas bancadas por primeira vez en seis meses. 

 Un primeiro tempo un tanto igualado nos primeiros intres, con ocasións nas dúas porterías, mais sen provocar perigo real sobre a portería defendida por Pato, mandando o balón fóra. Máis acerto tivo Jimmy, a pase de Pablo Antas, para transformar o que sería o único tanto superados os vinte minutos. Tamén antes do tempo de lecer chegou a mala nova do partido coa lesión de Primo. 

 Na segunda parte, o Compos foi claramente superior. Cun once totalmente diferente, as ocasións sucedéronse sobre a portería local con Brais Abelenda e Juampa como futbolistas máis destacados. Foi o arxentino o que asinou as mellores oportunidades mandando a máis clara contra a madeira, algo que faría minutos máis tarde o de Bembibre. 

 A parte de Juampa, estreáronse tamén Matías Vesprini, titular no primeiro tempo, e Borja Rey, que tivo unha gran actuación no segundo tempo freando as acometidas estradenses sempre que foi preciso. Un porteiro que, malia apuntar á suplencia, demostrou un gran nivel. Tamén tiveron minutos os canteiráns Yoseban, Axel, Christian, Roque e Óscar Remuiñán aprobando todos este primeiro test a un mes para que dea comezo a competición en Salamanca.

Volta ao verde

 O Compos volverá xogar un partido, neste caso amigable, logo de case dous meses dende o empate con sabor a vitoria conseguido en Balaídos. Un primeiro encontro de pretempada para ver o nivel superadas as dúas semanas de adestramentos cun equipo sen grandes novidades, só coas incorporacións de Borja Rey, Juampa, Matías e un Joel que se pode perder gran parte do campionato regular logo de sufrir unha lesión no xeonllo esquerdo. A parte, Yago Iglesias conta tamén con varios futbolistas da base incluíndo algúns dos recén chegados. 

 O Novo Municipal da Estrada acollerá este primeiro test para un Compos que volve á Segunda B catro anos despois. Diante estará un Estradense con algo máis dunha semana de adestramentos ás ordes de Alberto Mariano despois de seis meses lonxe dos terreos de xogo pola pandemia. Un conxunto que chega a esta cita con 25 futbolistas, seis deles aínda formando parte das categorías inferiores. 

 Por parte do Compos, probarán sorte ata sete xogadores, catro deles presentes na fase de ascenso mais sen contar con minutos. Son Iker, Yosi, Manu Rivas, Christian, Remuiñán, Roque e Axel Sánchez, estes dous recén chegados desde a base do Deportivo directos ao Xuvenil A. Por contra, non poderá estar Joel, do cal aínda non hai datos oficiais sobre a súa lesión. 

Se non hai sorpresas de última hora, o partido está marcado para este mércores 16 ás 21 horas. Poderá haber afeccionados, todos sentados, e as entradas terán un prezo de 10 euros. Ademais, haberá toma de temperatura na entrada ao campo.