99% de fe

 Acaba a liga, estamos a só tres xornadas de baixar o telón e o Compos está a cinco puntos do obxectivo. Algo practicamente imposible tendo en conta que dous equipos máis superan aos nosos do Langreo nunha clasificación apretada. Diante, un Oviedo Vetusta que podería certificar a súa volta á Terceira Federación en caso de perder e que gañen Racing Villalbés ou Gimnástica de Torrelavega. 

 En horas baixas. 

 Mentres o primeiro equipo segue a pelexar por entrar na fase de ascenso a Primeira división, o Oviedo Vetusta pode estar pasando as súas últimas horas na Segunda Federación, antes de baixar á Terceira. Un filial que o pasado curso, cun bo grupo de xogadores, acabou ás portas da fase de ascenso e que este ano non gozou da mesma sorte ocupando, arestora, un dos postos de perigo. 

 Con só tres equipos por debaixo na clasificación, ningún deles matematicamente descendido aínda, o filial ovetense suma un total de trinta puntos, a catro do posto de promoción de permanencia e a seis dun Marino de Luanco que ten gañado o particular contra os do Requexón. Gañaron so seis partidos mentres que empataron un total de doce e perderon trece. Equipo que só asinou vinte e seis goles, sendo o terceiro que menos veces atopou o camiño á porta contraria, e que encaixou trinta e oito. 

 Febles a domicilio, na casa asinaron máis da metade dos seus puntos con catro vitorias destacando a goleada contra o Covadonga no derbi ou a asinada pola mínima contra o Coruxo. Por outra parte, empataron seis citas, acabando só unha delas sen goles, e caeron noutras cinco, sendo capaces de poñer contra as cordas ao Pontevedra. 

 Ou cara ou cruz. 

 O Compos volve a El Requexón este sábado. Un campo onde xogou catro veces contra o filial 'carbayón' e no que sumou dúas vitorias e outras tantas derrotas. Nos enfrontamentos contra o segundo equipo do Oviedo figuran tamén dúas visitas ao vello Tartiere, onde se asinou o fito máis histórico da Esedé, no que non se asinou ningún triunfo, si un empate e unha derrota. 

 Unha desas derrotas asinadas na cidade deportiva do Oviedo chegou o curso pasado, na estrea do equipo de Fabiano. Un partido no que o filial asturiano fixo valer as súas bandas para anotar dous goles, deixando á Esedé con dez no segundo pola expulsión de Martín Salvador, e no que o Compos buscou a esperanza nas botas de Darío, que debutou vendo portería. 

 Máis sorte houbo na primeira volta deste mesmo curso, nun partido onde os asturianos non perderon a cara ao xogo en ningún momento. Para isto, para superar o partido que supoñía a despedida de Borja Rey do clube facéndoo como titular e deixando unha gran actuación, chegaría cun golazo de Antón De Vicente dende fóra da área. 

 Derbis sen vitoria. 

 A pasada fin de semana, o cadro branquiazul recibía ao Pontevedra no Vero Boquete. Un partido que apuntaba ao lado granate, chegando nun gran estado de forma e diante dun local con moitas baixas. Non foi así e Hugo Matos, sacando esa forza que o caracteriza, asinou o primeiro da tarde. Empataría o Pontevedra pero, antes do tempo de lecer, Soto faría valer a 'lei do ex' para volver adiantar aos de Permuy. Non obstante, os de Yago Iglesias non tiñan dita a súa última palabra e volverían igualar o resultado no segundo tempo, despois de que David Grande perdoara o que puido ser o terceiro. 

 Tampouco sería quen de gañar o Vetusta no derbi de Oviedo, na casa do Covadonga. Sería, de feito, o cadro local quen sumaría de tres sumando unha semana máis de vida na categoría. Un gol de Ariel no primeiro tempo sería suficiente para deixar con pé e medio en Terceira aos seus veciños. 

 Recuperamos xente. 

 Parapar e Pablo Antas volves ao equipo despois de ser baixa a pasada semana. Non así Juampa, que cumpre a súa segunda semana de sanción nin Álvaro Casas, que segue de baixa. Tamén poderá estar dispoñible Pato para este encontro despois do golpe recibido a pasada semana no adestramento do sábado. 

 Por YouTube. 

 Para este sábado, cita importante en Oviedo coa que tentar esgotar a última oportunidade. Un partido á hora da sobremesa, que dará comezo ás 16 horas, e no que se espera a chegada de afeccionados branquiazuis. Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse de balde na conta de YouTube do Real Oviedo, ademais de seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.


Ningún comentario:

Publicar un comentario