11%

 A tempada está a tocar ao seu fin e o Compos pode despedirse este domingo do Vero Boquete de San Lázaro polo que resta de tempada ou, polo menos, da parte regular da mesma. Un último partido de liga na casa contra un Avilés que, malia estar alonxado dos postos de perigo, aínda terá que seguir remando para non caer á promoción de permanencia, sendo suficientes dous puntos ou que perda este domingo a Gimnástica. 

 Curso complicado. 

 O Avilés non está a pasar pola súa mellor tempada no ámbito deportivo. Un equipo chamado a pelexar, como o ano pasado, polos postos de promoción de ascenso e que puido ter na súa man esa opción ata hai unhas semanas, nas que volveron entrar nunha mala dinámica, ao igual que nun arrinque de curso no que só foron quen de gañar un partido en dous meses. Agora, chegan de rachar unha xeira de catro encontros sen vitorias. 

 Xusto no metade da táboa, ocupando a novena posición, atopamos a un Real Avilés Industrial con, aínda opcións matemáticas de entrar en fase de acenso, aínda que non reais xa que son cinco puntos con seis en xogo, e tamén de caer á fase de permanencia, sobre a que están a catro puntos. Isto é debido a nove vitorias, nove derrotas e, sobre todo, catorce empates sendo o equipo do grupo que máis veces se repartiu os puntos cos rivais. Hai que engadir que anotaron un total de trinta e nove goles e encaixaron trinta e tres, sendo o terceiro equipo de fóra dos postos máis altos que menos encaixou, só superados por Racing Villalbés e Marino de Luanco. 

 Un equipo forte na casa pero algo frouxo a domicilio. E é que fóra da casa só foron quen de sumar tres triunfos, contra Valladolid, Covadonga e Langreo. En máis ocasións conseguiron o empate, un total de sete, e aquí hai que destacar que só dous foron sen goles repetíndose o un a un nos cinco restantes. En canto ás derrotas, seis, só conseguiron marcar un gol nas dúas últimas servindo, nos dous casos, para puntuar encaixando despois. 

 Moita historia. 

 Galegos e asturianos xa se coñecen máis que de sobra, enfrontándose nun total de catorce tempadas e chegando a este momento cunha gran igualdade. E é que os dous asinaron dez vitorias e se repartiron sete empates no global. Unhas cifras moi diferentes ao que se puido ver en Santiago, onde gañaron os nosos oito citas fronte as dúas que fixo o propio o cadro avilesino. As tres restantes, empates. 

 En canto aos xogos, no da primeira volta sumaría de tres o Avilés malia marcar o que sería o empate Manu Barreiro. Máis sorte houbo para o cadro santiagués en San Lázaro a tempada pasada, goleando con catro goles aos asturianos. 

 Esperanzas. 

 A pasada fin de semana, tanto Compos coma Avilés sumaron de tres contra os dous equipos de Oviedo. En El Requexón, un gol de David Grande á saída dos vestiarios no segundo tempo sería suficiente para sumar de tres, contra un rival que se amosou inferior e que non foi quen de, sequera, probar a Pato. 

 No Román Suárez Puerta quedarían os tres puntos malia a visita do Covadonga. Un derbi no que non tardaría en marcar o cadro local por obra de Claudio Medina. Os ovetenses empatarían mediado o primeiro tempo e Natalio asinaría dous goles cos que dar os tres puntos aos seus. 

 Volve Juampa. 

 Para esta nova cita, Antón Permuy recupera a Juampa despois dos dous partidos de sanción. Segue sendo baixa Álvaro Casas, que podería estar para a visita a terras cántabras, e se une, por acumulación de cartóns, Roger Escoruela logo de ver o quinto da tempada o domingo pasado e uníndose ás anteriores no Cerdanyola. 

 Horario unificado. 

 Este domingo, ás doce da mañá, toda a xornada. Compos e Avilés se verán as caras en San Lázaro nun partido para o que se repartiron invitacións aos abonados toda a semana e que pode presentar unha gran imaxe. A iso hai que sumar que os nosos terán que facer o seu traballo, gañar, e estar pendentes de que perda o Langreo na visita do Zamora a Ganzábal para depender de si mesmos para entrar nesa desexada fase de ascenso. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG nun carrusel e seguirse nas contas de Twitter da Curva e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario