O derbi definitivo

 A tempada está chegando ao seu fin e por diante temos o derradeiro derbi do curso contra un rival que ten na súa man volver á Primeira Federación da que saíu hai menos dun ano. O partido máis difícil polo rival e polas circunstancias. Tamén, o máis fermoso e importante coa previsión dun gran ambiente nas bancadas do Vero Boquete. Compos e Pontevedra. Antón Permuy e Yago Iglesias. Presente e pasado. 

 Líder. 

 O Pontevedra chega a esta xornada nun momento de forma envexable. Un rival que depende de si mesmo para ser campión de liga e ascender directo cun encontro por diante contra o Ourense no que se xogarán moito os dous equipos. Adestrados por Yago Iglesias, trátase do equipo máis en forma con case dous meses sen perder, despois de facelo contra o Zamora. Ademais, contan nas súas filas con Charly e Rufo, dous dos máximos goleadores do grupo. 

 Primeiros na clasificación, suman a día de hoxe sesenta e tres puntos, dous máis que Ourense e cinco por enriba do Zamora. Isto, grazas a dezaoito triunfos, nove empates e só tres derrotas- Uns números ao alcance de moi poucos e que se melloran cos goles, tendo anotados sesenta e catro goles, vinte máis que o segundo, e encaixando só vintecinco, sendo un dos que menos tantos recibiu. 

 O segundo mellor local, só superado por un Ourense imparable en Oira, e o segundo mellor visitante, só superado por un punto polo Zamora. Gañaron en seis das súas saídas, destacando a goleada por catro goles de diferenza en Zamora, e empataron noutras seis, quedando sen marcar en Langreo e Ourense. Por outra parte, só o Covadonga foi quen de superar aos granates, en Oviedo, hai xa medio ano. 

 Igualdade. 

 Compos e Pontevedra se viron as caras xa en doce tempadas, contando ésta, en liga. Unha serie de enfrontamentos que nos deixaron moita igualdade, con ata trece empates. Por outra parte, o Compos sumou seis vitorias fronte ás catro do cadro pontevedrés. Uns números moi igualados que se apretan incluso máis cos goles, con só un de diferenza a prol dos santiagueses. Ademais, cabe destacar que o Pontevedra nunca sumou dous triunfos contra os nosos nunha mesma campaña. 

 En Santiago, entre Santa Isabel e San Lázaro, once partidos nos que o Compos sumou catro vitorias. Outros seis acabaron co empate no luminoso. Polo seu lado, o Pontevedra só foi quen de sumar de tres na capital galega en 2009, nunha tempada moi difícil en todos os sentidos. 

 Na primeira volta, en Pasarón, tamén foi quen de gañar o Pontevedra nun partido con polémica e dúas expulsións. Un encontro cun ambiente moi caldeado e que nos deixou as baixas de Pato e Casas, así como un golpe moral importante.  

Sen goles en contra. 

 A pasada fin de semana, tanto Compos coma Pontevedra conseguiron deixar a súa portería a cero contra Coruxo e Covadonga respectivamente. No Vao, incluso, non sería quen de marcar unha Esedé que se amosou con máis ideas do que viña facendo as semanas anteriores, máis sen conseguir bater a portería verde. 

 Si viron portería os de Yago Iglesias en Pasarón para superar a un Covadonga que os sorprendera na primeira volta. Charly, que está a facer uns números excelentes, e Dalisson asinaron os dous goles para un equipo que vai con paso firme á Primeira Federación. 

 En cadro. 

 Antes falamos das baixas coas que se saiu de Pasarón. Pero agora hai que contar coas que se chegan a esta cita. Juampa, expulsado a pasada fin de semana, terá que estar dúas semanas fóra por sanción. Tamén o verá dende a bancada Pablo Antas, sancionado por acumulación de amoestacións. Pola súa parte, Álvaro Casas únese ás baixas por lesión xa coñecidas e estará entre dúas e tres semanas de baixa. 

 A parte positiva chega coas voltas de Roger Escoruela, despois de dúas baixas fóra por lesión, e David Soto, que non estivo no Vao por sanción. 

 Que sexa unha festa. 

 O derradeiro derbi da tempada e unha final, por diferentes obxectivos, para os dous equipos. É por iso que as bancadas do Vero Boquete apuntan a ter unha gran imaxe coa chegada dun gran número de afeccionados chegados dende Pontevedra. Un derbi que comezará o domingo ás 16:30 horas e no que as entradas terán un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.

  Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o partidazo na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario