É o momento

 Despois de gañar ao Guijuelo, chega a oportunidade dos nosos para seguir tendo esa opción de pelexar polo quinto posto e, de paso, alonxarse algo máis dos postos baixos, aínda á vista. Un partido importante á par que complicado contra un Coruxo que tamén pelexa polo mesmo obxectivo ca os nosos e nun campo sempre complicado para unha Esedé que necesita volver gañar a domicilio unha volta despois. 

 Ás portas. 

 Un Coruxo que non puido ter o mellor arrinque de liga esta tempada pero que soubo reaccionar rápido e a día de hoxe é o primeiro na porta da promoción de ascenso. Un equipo que, como xa acostuman, quere pelexar por estar na parte alta da clasificación chegando a esta cita nun momento envexable, semellante ao co que chegaba o Guijuelo ao enfrontamento cos de Permuy a pasada fin de semana. 

 Arestora, o equipo vigués ocupa a sexta posición con corenta e un puntos. Un rival sempre difícil que puntuou de tres en ata doce ocasións, as mesmas nas que deixaron o campo sen sumar. Ademais, trátase do equipo con menos empates do grupo, cun total de cinco. Hai que sumarlles un total de trinta e tres goles ao seu favor mentres que encaixaron trinta e oito goles, sendo a sexta defensa que máis recibe. 

 Trátase dun local moi forte. E é que do Vao saíron poucos puntos sendo un dos mellores locais. Diante da súa xente conseguiron gañar un total de sete partidos, superando ao Ourense entre outros. Catro rivais conseguiron saír con vida, cun empate. Por outra parte, só Pontevedra, Zamora e Vetusta conseguiron conquistar o feudo vigués, os dous últimos xa neste mesmo ano. 

 Repetimos? 

 Ao igual que o Coruxo esta fin de semana, o Guijuelo sumaba catro vitorias consecutivas antes de visitar o Vero Boquete, na que era a estrea de Antón Permuy na casa co primeiro equipo. E despois da goleada encaixada en Cantabria, os branquiazuis non só deixaron atrás a súa xeira negativa senón que fixeron o propio coa positiva dos salmantinos gañando pola mínima grazas a un golazo de Samu. 

 Os verdes conseguiron igualar esa xeira esta mesma semana despois de superar ao Covadonga en Oviedo. Un gol de Mateo Míguez no treito final, xa fóra do tempo regulamentario, foi suficiente para sumar de tres nun campo complicado e acabando con dez pola expulsión de Daniel Pereiro.

 Longa historia. 

 Compos e Coruxo son xa vellos coñecidos, habendo xa sesenta anos da primeira vez que se viron as caras, na Terceira, e completando na Segunda B e Segunda Federación unha serie de encontros que vai chegar aos trinta este mesmo domingo. Enfrontamento que no global ten ao equipo santiagués como claro vencedor pero que se iguala moito sobre o verde do Vao. 

 Se en Santiago houbo superioridade branquiazul, en Vigo a cousa estivo tan igualada que cada equipo se levou cinco dos catorce enfrontamentos, con catro empates. A esta igualdade se chegou co triunfo verde a tempada pasada grazas a un gol de Yago Gandoy no primeiro tempo.

 Un por outro. 

 Para esta fin de semana volve Juampa ao equipo despois da súa sanción pero cae, pola mesma razón, David Soto. Tampouco poderá estar dispoñible para este domingo Roger Escoruela, que xa foi baixa a pasada fin de semana. No resto, e a menos que haxa novidades, non hai máis ausencias. Si que podería haber algunha a maiores no caso de que, como xa vén sendo habitual, entre algún xogador da base na lista. 

 Que o tempo acompañe. 

 Este domingo, nova viaxe e, unha vez máis, á hora do vermú. Saída ata Vigo para un derbi importante e que pode ser decisivo para os nosos. Unha cita na que todo apunta a que haberá, como é habitual neste tipo de partidos, representación da parroquia branquiazul nas bancadas do Vao. A cita, que arrinca ás 12 horas, tamén se poderá ver na segunda canle da TVG e seguir nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario