A última bala

 Agora ou nunca. Chega a oportunidade de dar un golpe sobre a mesa para poder aspirar aos postos de promoción de ascenso e non caer ao máis baixo da táboa. O equipo de Antón Permuy, afundido despois de encaixar catro goles na súa visita ao Cayón, terá diante a un Guijuelo nun partido entre os equipos con mellor e peor dinámica nas últimas xornadas. 

 Os mellores do momento. 

 O Guijuelo chega a este final de liga nun momento inmellorable. Os salmantinos suman catro vitorias consecutivas, con trece dos últimos puntos en xogo, sendo o equipo máis en forma da actualidade. Un rival sempre forte, que fixo da súa casa un fortín do que poucos puntos puideron saír, e que está a pasar por unha tempada histórica. 

 Arestora, cuartos clasificados. Corenta e seis puntos suman os casteláns aventaxando en oito ao sexto clasificado. Isto chegou grazas a trece triunfos, chegando a maioría como locais, e sete empates, ademais de caer en oito ocasións. Un equipo que anotou trinta goles, sendo un dos equipos con menos acerto, e que encaixou vinte e cinco tantos, contando cunha das mellores defensas do grupo. 

 Fortes na casa pero con algún que outro problema máis a domicilio. Só conseguiron gañar catro encontros lonxe de Guijuelo, só sendo quen de gañar por máis dun gol de vantaxe en Valladolid. Por outra parte, tamén empataron catro encontros, con dous sen goles. E caeron en seis saídas destacando a goleada encaixada en Pontevedra e sumando ata catro derrotas por 1-0. A isto hai que engadir que das catro visitas a terras galegas só conseguiron sacar un punto grazas a un empate a cero no Vao. 

 A última a domicilio. 

 Pasamos dos resultados lonxe da casa dun equipo aos do outro. E é que o Compos sumou a súa última vitoria a domicilio na visita ao Municipal Luis Ramos grazas a un gol de Manu Barreiro no segundo tempo. A partir de aí, apenas dous puntos fóra de San Lázaro. 

 Antes, en Santiago, se enfrontaron en seis ocasións sumando só un triunfo local, no 2020. En dúas ocasións se repartiron os puntos mentres que o cadro de Guijuelo asinou tres triunfos nun campo que se lles dá moi ben. Unha xeira que cambiar xa para deixar atrás. 

 Camiños opostos. 

 O Compos chega a esta cita no peor momento da tempada e, incluso, dos últimos anos. Un equipo sen identidade, esgotado, sen ideas e ao que non lle serviu, de momento, o troco de adestrador. Un equipo afundido que encadea cinco partidos sen gañar nos que só asinou un gol e que encaixou o pasado domingo un total de catro goles nunha das peores derrotas dos últimos anos. 

 Pola súa parte, o Guijuelo non tivo tantos problemas para superar ao Covadonga. Adiantáronse no primeiro tempo, cun gol de Xabi Domínguez e encamiñaron o triunfo nos minutos finais grazas a Garban. O conxunto ovetense sería quen de recurtar diferenzas cun tanto de Turmo pero sendo insuficiente para puntuar. 

 Cae Juampa. 

 Para este partido, Antón Permuy non poderá contar con Juampa. O extremo arxentino viu un cartón amarelo a pasada fin de semana e será a ausencia destacada por acumulación de amoestacións. A maiores, terá que haber unha baixa máis, como mínimo, para pechar a convocatoria de dezaoito futbolistas. 

 Televisado. 

 O gran partido da xornada, a última oportunidade dos nosos para seguir pelexando pola parte alta da clasificación, comezará o domingo ás 16:30 horas e no que as entradas terán un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.

 Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o partidazo na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario