Saída con estrea

 O Compos de Antón Permuy ponse en marcha para afrontar este treito final do campionato co obxectivo de entrar na promoción de ascenso preto por puntuación pero lonxe polas sensación que viña deixando o clube nos dous últimos meses. Algo que empeora fóra de San Lázaro, sendo imposible de acadar o triunfo dende novembro. Diante, un Cayón que non gaña dende hai dous meses encadeando sete xogos sen sumar de tres. 

 Case imposible. 

 O Cayón afronta a súa segunda tempada na Segunda RFEF, despois de estrearse no 2021, e todo fai pensar que o final será o mesmo que na anterior experiencia. Un equipo que marcha en postos de descenso toda a campaña e con moi poucas opcións de asinar a permanencia. 

 Penúltimos clasificados, só fixeron vinte e tres puntos no que levamos de campionato. Un equipo que gañou catro partidos sendo un dos dous equipos que menos veces o fixeron. A maiores, empataron once partidos e caeron en doce, só un máis ca os nosos. En canto a goles, anotaron vinte e catro tantos e encaixaron trinta e oito. 

 Incapaces de gañar un so partido fóra da casa, gañaron os seus catro na casa. O mesmo número de encontros foron os que pecharon con derrota, sendo o Ourense o único capaz de superalos por máis dun gol de diferenza diante da súa xente. A maiores, asinaron un total de cinco empates co sumado fronte ao Avilés como único sen goles. 

 Xa choveu. 

 O Compos volve a Sarón
despois de máis de corenta anos. Unha saída na Terceira división que nos deixou unha derrota branquiazul en terras cántabras contra un rival que asinaría tamén a permanencia na categoría. Cita, en 1979, que tivo os tres goles no primeiro tempo sendo o cadro local o primeiro en adiantarse. O Compos non tardaría en igualar o resultado cun gol de Fernández pero chegaría o segundo e definitivo para os locais un minuto despois. 

 Máis recentemente, na primeira volta, o triunfo sería para os de Míchel Alonso contra un rival que non estivo á altura. Jaime Santos nos primeiros intres e Juampa no segundo tempo asinarían os goles cos que sumar tres puntos importantes contra un rival da zona baixa, algo que non se lle está a dar especialmente ben ao conxunto branquiazul este curso. 

 Derrotados. 

 Tanto Compos coma Cayón non foron quen de puntuar a pasada fin de semana contra rivales asturianos. Os nosos caeron contra un Langreo que, malia non facer grandes méritos, mandou ata catro balóns ao traveseiro e afinou a puntería nos minutos finais, cando xa era tarde para conseguir dar a volta a unha situación que lle custou o posto ao adestrador ferrolán. 

 Máis acerto volveu ter un Covadonga que suma nove goles nas dúas últimas xornadas. Fronte aos cántabros non foi moi diferente, chegando xa ao tempo de lecer co partido practicamente resolto. De feito, os tres primeiros goles chegarían entre os minutos vinte e tres e vinte e nove. Seis minutos para encamiñar un triunfo que pecharían no segundo tempo co cuarto. 

 Novas ideas. 

 Por segunda campaña seguida, o Compos busca dar un xiro a unha mala situación co segundo troco de adestrador. E neste caso todo queda na casa. Antón Permuy ascende do Xuvenil ao primeiro equipo depois de asinar unha tempada histórica cos rapaces da base en División de Honra. Segue os pasos que hai xa oito anos tomou Alberto Mariano pasando polo mesmo camiño, aínda que no seu caso sería só ata a chegada de Fredi Álvarez e non de xeito definitivo ata o final do curso. 

 Para esta primeira estrea terá con el a todos os dispoñibles, sen baixas por lesión confirmadas no primeiro equipo, aínda que si estará fóra dos terreos de xogo Balsa durante unhas semanas, nin tampouco por sanción, recuperando a Jaime Santos. 

 Sesión vermú. 

 A sesión vermú deste domingo chega amenizada polo partido que arrinca ás 12 no Fernando Astobiza. Un encontro entre dous equipos en horas baixas, lonxe dos seus respectivos obxectivos e que pelexarán para dar unha ledicia aos seus afeccionados. Enfrontamento que, para quen non se desprace, se poderá ver en Football Club e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario