A primeira final

 Restan dous meses para o final do campionato regular e o obxectivo semella complicado, máis polas sensacións que pola vantaxe que saca o quinto clasificado, que supera aos nosos arestora pola diferenza de goles no xeral gañando, de momento, o Compos no particular. Este domingo, na primeira final que se vivirá no Vero Boquete, haberá que bater ao sétimo, un Langreo que foi de máis a menos e que se atopa nunha situación semellante á dos nosos. 

 En caída. 

 O Langreo foi unha das revelacións da tempada. Un equipo que, en principio, pelexa pola permanencia na categoría, non só suma agora mesmo unha puntuación que lle achega aos postos de privilexio senón que leva practicamente toda a tempada entre eses postos altos ou a menos de tres puntos de meterse nos mesmos, algo que aínda manteñen malia os malos resultados das últimas datas, sumando incluso menos ca o Compos. 

 Sétimos na clasificación, suman a día de hoxe trinta e cinco puntos grazas a oito triunfos e once empates, sendo un dos equipos que máis veces se repartiu os puntos. Tamén recibiron sete derrotas sendo o sexto equipo que menos caeu. En canto a goles, trátase do equipo con menos acerto dos que están fóra do descenso con vintecinco tantos anotados. Tamén é, con trinta e cinco goles en contra, o segundo con opcións de entrar na fase de ascenso esta xornada que máis encaixou só superado polo Valladolid Promesas. 

 Algo máis fortes na casa. A domicilio só foron quen de gañar en Vilalba e Santander, nos dous casos pola mínima. Si que sumaron unha boa cantidade de empates, seis en total, e todos con goles. Por outro lado, sufriron cinco derrotas nas que só foron quen de marcar un gol, en Valladolid sendo, ademais, a única derrota pola mínima. 

 Camiños paralelos. 

 Compos e Langreo chegan nestas últimas xornadas cuns camiños moi semellantes. Dinámicas moi negativas, caendo na clasificación pero manténdose, aínda así, á beira dos postos de promoción de ascenso. 

 O Compos, que só fixo dous dos últimos nove puntos, volve a San Lázaro para intentar deixar atrás a derrota da pasada fin de semana na que a imaxe do equipo deixou moito que desexar. O mesmo na última cita como local contra a Gimnástica de Torrelavega, conseguindo un empate nun partido do que non se pode sacar nada positivo. 

 Pola súa parte, o Langreo chega de sumar unha das derrotas máis duras da tempada nun derbi asturiano. O Covadonga pasou por riba en Ganzábal chegando ao tempo de lecer con dous goles de vantaxe e pechando a 'manciña' ao final do tempo regulamentario. Cinco goles que só foi quen de superar o Pontevedra, con seis, en Pasarón. Unha derrota que se cobrou, ademais, unha baixa para este domingo coa expulsión de Nacho López. 

 A historia non é moi positiva. 

 O presente non é moi alentador. O pasado, tampouco. Esta é a décimo segunda tempada na que se miden os dous equipos con máis de vinte enfrontamentos nos que sae gañador o conxunto asturiano. E é que se levaron once triunfos fronte aos cinco branquiazuis e os sete empates que completan a lista. 

 En Santiago, os números favorecen algo máis a un Compos que gañou catro enfrontamentos. Os mesmos, catro, remataron en empate. Pola súa parte, o Langreo conseguiu sumar tres triunfos, incluíndo o da tempada pasada grazas a un gol de Davo.

 Na primeira volta, no Ganzábal, os tres puntos serían para os locais. Só precisaron dun gol de Keko Hevia nos minutos finais para asinar o triunfo na primeira derrota de Míchel Alonso como adestrador branquiazul. 

 Euse, baixa polo que resta de tempada. 

 Por se non había suficientes problemas, outra lesión máis esta tempada. Euse Monzó non estará no que resta de tempada por unha lesión que o pode apartar dos terreos de xogo case o que resta de ano. Con el haberá unha segunda baixa para pechar a convocatoria desta fin de semana. Por outra parte, Roger Escoruela é dúbida por problemas ao longo da semana. 

 A Festa da Uña. 

 Como cada ano, o barrio de San Lázaro celebra a Festa da Uña, con tres días de festa na zona e que este ano contará co partido do domingo no Vero Boquete. Un partido que dará comezo ás 17 horas e no que as entradas terán un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.

 Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario