Hai que reverter a situación

 O domingo temos unha nova cita importante fóra da casa. Un partido para dar a volta á mala situación pola que pasa o equipo branquiazul contra un Valladolid Promesas que se meteu en serios problemas nas últimas xornadas, sendo incapaz de sumar de tres. Unha proba importante para dous equipos obrigados a gañar para achegarse aos seus respectivos obxectivos, que se están complicando para ambos os dous. 

 Caendo na táboa. 

 O Valladolid Promesas chega a esta cita fóra dos postos de descenso pero a unha distancia moi curta, con só dous puntos de diferenza con respecto a eses postos de serio perigo, e máis cando nos achegamos á parte final do campionato, no que hai que ir afianzando o obxectivo. Unha caída na táboa dada polo mal arrinque de ano, sumando só un triunfo dende decembro. 

 Undécimos na táboa, suman a día de hoxe trinta puntos, dous máis ca un Oviedo Vetusta que pecha os postos de descenso e a seis do Rayo Cantabria que fai o propio cos postos de promoción de ascenso, algo que demostra a igualdade que hai no grupo. Isto é grazas a oito triunfos, seis empates que os sitúan no segundo equipo que menos veces acabou en igualada e once derrotas. Equipo que con vinte e oito tantos supera neste sentido ao noso e que encaixou corenta sendo o segundo con máis goles recibidos. 

 Na casa conseguiron a metade dos seus puntos. Un dos peores equipos no seu campo e o que máis derrotas encaixou diante da súa xente igualados neste aspecto coa Gimnástica de Torrelavega. E é que caeron ante seis rivais, destacando a caída ante a Arandina de hai dúas semanas. Ademais, conseguiron gañar en catro ocasións, deixando a súa portería a cero só contra o Vetusta; e empataron en tres citas, todos a un gol. 

 Igualdade. 

 Compos e Valladolid Promesas se viron en tres ocasións en terras pucelanas. Tres enfrontamentos ao longo da historia no Anexo do José Zorrilla nos que se acabou cun triunfo por equipo e un empate. Unha gran igualdade que se diferenza moito do que pasou nos enfrontamentos en Santiago, onde os locais sumarían tres vitorias contra unha dos visitantes. 

 Na última visita, a tempada pasada, se acadou ese empate con ata catro goles. O Valladolid Promesas conseguiu chegar ao tempo de lecer cunha vantaxe de dous goles. Non obstante, os de Fabiano saíron ao segundo tempo cunha marcha máis, con confianza por dar a volta ao encontro. E a piques estivo de ser así, chegando a igualar o resultado cos goles de Jaime Santos e Darío. 

 Tamén se puideron ver moitos goles, ata cinco, no encontro da primeira volta deste mesmo curso, en Santiago. Dous goles de Manu Barreiro abrindo e pechando unha goleada na que Juampa e Parapar non perdoaron. Tampouco o fixo Pozo antes do tempo de lecer. 

 De empates foi a cousa. 

 A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de pasar do empate contra a Gimnástica de Torrelavega en Santiago. Un partido que se chegou ao tempo de lecer co resultado inicial. No segundo tempo, o conxunto cántabro foi quen de adiantarse e, só dez minutos despois, quedar con dez dando esperanzas a unha Esedé que tivo en Parapar o autor do gol dun empate que se puido quedar en pouco coas constantes acometidas no segundo tempo. 

 En Oviedo, un pouco máis do mesmo. Un partido igualado e que se decidiría, cun empate, no segundo tempo. Neste caso, nos minutos definitivos cun gol do Valladolid Promesas para case asegurar un triunfo que se truncou no engadido cun gol do Covadonga que deixaba sen opcións aos visitantes na súa visita a Asturias. 

 Jordan e Roger, dúbidas.

 Para esta cita, Míchel anunciou ter dúas posibles ausencias. Jordan, con problemas físicos nos últimos días, podería non viaxar. Por outra parte, Roger Escoruela, que marchou lesionado o domingo pasado, tamén é dúbida malia estar xa nos últimos adestramentos. Con isto, hai que lembrar que deberá facer dous descartes antes do partido. 

 Fóra, pero de balde. 

 Por fin podemos contar que haberá unha saída fóra de Galiza que se poderá ver totalmente de balde. Un partido contra un filial complicado á hora do vermú este domingo. Unha cita que o filial pucelano emitirá en directo na súa conta de Youtube totalmente de balde. Ademais, poderá seguirse nas contas de Twitter do clube e da Curva Branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario