Así, difícil

 O Compos volveu sumar só un punto, sendo o primeiro empate na casa dende a chegada de Míchel Alonso, nun partido moi malo contra unha Gimnástica de Torrelavega que puido sumar de tres de ter algo máis acerto no primeiro tempo. Pasado o tempo de lecer, pasou de todo sendo, igualmente, insuficiente o traballo dos locais. 

Do primeiro tempo, pouco bo que contar. Un Compos sen moitas ideas, cunha marcha menos ca unha Gimnástica que buscou, e mereceu, o gol á contra. Partido difícil, duro e que se cobrou a súa primeira vítima á media hora coa lesión de Roger Escoruela. Iso, xunto con dous disparos sen grandes complicacións para o conxunto local, foron o máis destacable feito polos branquiazuis. 

 Pasado o tempo de lecer, a Gimnástica meteu unha marcha máis e atinou puntería. A mellora dos cántabros foi tal que precisaron cinco minutos para adiantarse no marcador e dar un serio aviso aos nosos. Foi aí, co resultado en contra e unha expulsión nos visitantes só uns minutos despois, cando se tentou dar un paso adiante e buscar, como mínimo, o empate. 

 Contra dez, a cousa mellorou algo. Non obstante, con máis corazón que cabeza, pechando ao rival na súa área e buscando centros a ningunha parte, obtendo moitos saques de esquina que non serviron de nada. Si tivo máis sorte, ou acerto, Parapar marcando o gol do empate con algo de fortuna. Un disparo forte ante o que o porteiro puido facer máis. 

 Co empate, máis intentos sen tranquilidade. Quince minutos por diante máis o engadido nos que se buscou o segundo con centros estériles e tiros que, no mellor dos casos, sacou o porteiro visitante con boas estiradas facendo imposible que os nosos sigan unha semana máis nos postos altos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario