Non podemos fallar

 Despois do empate sen goles nun mal partido en Vilalba, o Compos volve á casa. Un feudo do que non saen apenas puntos dende a chegada de Míchel, sen precisar tampouco dun gran xogo. E este domingo haberá a oportunidade de continuar na liña como locais contra unha Gimnástica de Torrelavega que chega coa frecha cara arriba e os postos de permanencia xa á vista. 

 Con vida. 

 A Gimnástica de Torrelavega quere seguir unha tempada máis na Segunda Federación e, malia o mal arrinque do cadro cántabro este curso, agora teñen á vista o seu obxectivo despois dun comezo de ano positivo. Un equipo que, ademais, é mellor visitante que local e que virá a Santiago a manter ese bo facer lonxe de El Malecón. 

 Décimo cuartos, son os primeiros que ocupan un dos postos de descenso, con vinte e sete puntos, empatados neste caso con Fabril e Racing Villalbés e a só un punto dun Oviedo Vetusta que pecha os postos de permanencia. Isto é grazas a sete triunfos, seis empates e once derrotas. Equipo con moito gol, que cos seus vinte e nove tantos se sitúa como o quinto con máis acerto do grupo. Por contra, encaixaron un total de trinta e cinco goles sendo o cuarto equipo que máis encaixou. 

 Fóra da casa, un equipo moi forte. Tal é así que sumaron dezaseis puntos fóra de Torrelavega grazas a cinco vitorias, outras tantas derrotas e un empate. Un equipo que foi quen de sacar os tres puntos de campos moi difíciles como son Pasarón ou o Román Suárez Puerta e empatar no Álvarez Rabanal nun encontro con ata catro goles. 

 Invictos. 

 Compos e Gimnástica Torrelavega se enfrontaron xa ao longo da súa historia ata en once ocasións, seis en terras cántabras e cinco en Santiago. Un emparellamento que nos deixa aos nosos como vencedores de catro enfrontamentos, os mesmos que acabaron en empate, e aos torrelaveguenses con tres triunfos. 

 En Santiago, a cousa cambia. E é que a Esedé se levou tres veces a vitoria mentres que as dúas restantes acabaron en empate, sendo incapaces os visitantes de sumar máis dun punto. Unha vantaxe á que se chegou o ano pasado cun triunfo pola mínima grazas a un gol de Jordan no segundo tempo. 

 Co xusto. 

 O derbi da Magdalena da pasada fin de semana non nos deixou un gran sabor de boca. Un Compos que pelexa por entrar na promoción contra un Racing Villalbés en horas baixas e que pasou de pelexar por un posto alto a meterse na boca do lobo, incapaces de sumar un triunfo en máis de dous meses. Entre os dous nos deixaron un partido no que Pato foi salvador para os branquiazuis unha semana máis e Hugo Matos fabricou as mellores oportunidades, mais sen o acerto que tivo unha semana atrás. 

 Si houbo gol en El Malecón na visita do Covadonga. Un partido que se decidiu a prol dos locais pola mínima, grazas a un tanto de Tobar no comezo do segundo tempo. Con isto, a Gimnástica sumou a súa segunda vitoria consecutiva e pechou os últimos seis partidos con once puntos. 

 Todos dispoñibles. 

 Para esta fin de semana, Míchel confirmou ter a todos dispoñibles. Algunha molestia típicas destas alturas do campionato pero nada que faga que teñamos, a estas horas, algún descarte. Si haberá dúas baixas antes do partido para completar a lista de dezaoito futbolistas. 

 Antes do habitual. 

 Este domingo teremos unha cita cun horario un tanto diferente do habitual. E é que o encontro dará comezo ás 16:45 horas no Verónica Boquete de San Lázaro. As entradas terán un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. Non obstante, no caso de achegar productos non perecedoiros se poderá acceder de balde. 

  Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario