Saída difícil

 Historicamente, as visitas do Compos a Vilalba sempre foron difíciles. Un campo que non estará nas súas mellores condicións e un rival sempre perigoso ás ordes de Simón Lamas, malia sumar agora oito xornadas sen gañar caendo aos postos perigosos. Un derbi no que os dous terán que pelexar moito para sumar de tres e deixar atrás unhas xeiras negativas que os lastran na busca dos seus respectivos obxectivos. 

 De máis a moito menos. 

 Despois dunha primeira volta para enmarcar, o Racing Villalbés está a pasar por un momento moi difícil. Os lucenses pelexaban cara a cara cos nosos, chegando a gañar no Verónica Boquete, pero dende decembro non son quen de recuperar esas sensacións, de erguer un voo que se achega ao perigo do descenso, aínda cunha pequena marxe grazas ao feito nos primeiros meses de campionato. 

 Décimo terceiros, ocupando a posición que dá acceso á promoción de permanencia, con vinte e seis puntos feitos ata o mes de decembro en case a súa totalidade. Un bo colchón sobre o descenso directo perdido, estando agora a só un punto, para un equipo que gañou seis encontros, sendo o último en decembro contra o Guijuelo na casa. Máis recentes están os tres últimos empates dos oito que suman, sendo os seus únicos puntos dende ese triunfo fronte aos salmantinos. E hai que engadir que nese treito chegaron, tamén, cinco das súas nove derrotas. Todo isto sendo o equipo con menos goles do grupo, con dezaséis a favor, sendo só superados polos tres primeiros da táboa. 

 O seu bo facer pasa, en gran parte, pola dificultade que supón sacar algo positivo dun campo como é o da Magdalena, nunhas condicións agora un tanto mellorables. Se ben é certo que só gañaron dous partidos como locais, contra Gimnástica e Guijuelo; equipos coma Pontevedra, Zamora ou Ourense non puideron sacar máis dun empate traballado. Tampouco outros catro que se tiveron que conformar cun punto. Máis sorte e acerto tiveron Covadonga, Langreo e Rayo Cantabria, sendo os únicos capaces de saír co triunfo. 

 Unha historia difícil. 

 Compos e Racing Villalbés traen consigo unha longa historia detrás con moitos enfrontamentos que nos deixaron encontros moi difíciles e disputados. Trátase, ésta, da décima campaña na que se miden as caras cunha lixeira superioridade dos lucenses no total, con sete triunfos, o mesmo número que nos empates, ante os catro que sumou unha Esedé á que se lle dá realmente mal xogar en terras vilalbesas. 

 No Estadio Roca primeiro e na Magdalena nos últimos trinta anos, o Racing Villalbés pelexou por chegar a onde están agora, facendo historia o pasado verán cun ascenso moi importante. Antes, na Terceira, recibiron ao Compos en nove ocasións sumando catro triunfos locais. Os mesmos, catro, remataron en empate. Só a visita branquiazul en 2019 se puido pechar cunha vitoria santiaguesa, cos goles de Primo e Samu. 

 Na última visita dos lucenses a Santiago, na primeira volta, o resultado foi xusto e merecido para o equipo de Simón Lamas. Unha vitoria visitante por dous goles a cero con goles de Rares e Santi Gegunde, que non nos recibirá este domingo despois da súa saída cara o Arosa. Unha derrota que supoñía o despido de Manel Menéndez e a chegada, días despois, dun Míchel Alonso que cumprirá unha volta completa. 

 Vitorias locais. 

 A pasada fin de semana nos deixou unha xornada igualada e con só dous triunfos visitantes. En ningún dos dous estiveron os dous equipos que se verán as caras este domingo na Magdalena. E é que o Compos deixou atrás dúas derrotas seguidas cun triunfo importante contra o Fabril grazas a un gol dun gran Hugo Matos, dando a cara e demostrando o seu gran nivel e compromiso. 

 Menos sorte tivo o Racing Villalbés en Oviedo. Contra un Covadonga que soña con saír dos postos baixos, unha dura derrota para os vilalbeses. Sen goles no primeiro tempo, os asturianos non tardaron en adiantarse no segundo sentenciando o encontro a quince minutos para o final grazas aos goles de Suárez e Ariel que, con dous tantos de diferenza, imposibilitaron a volta dos galegos con puntos. 

 Problemas físicos. 

 Para este domingo, Míchel Alonso conta con dúas dúbidas por problemas físicos. Jordan, que xa non estivo a pasada fin de semana, apunta a ser baixa practicamente segura. Por outra parte, Manu Barreiro, que se retirou tocado o sábado, non adestrou co equipo esta semana pero podería chegar finalmente o domingo. 

 A sobremesa. 

 A viaxe a Vilalba fará que a comida sexa cunha sobremesa máis curta ou no propio campo. E é que o partido arrincará ás 16:15 no Estadio da Magdalena con entradas para a 15 euros e de balde para menores de 14 anos. Un partido difícil, con frío e chuvia, sobre un terreo de xogo que igualará aínda máis unhas forzas máis desigualadas que na primeira volta.

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na TVG2 e na web así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario