Vitoria co xusto

 O Compos volveu ao bo camiño, tan necesario, cunha vitoria fronte a un Fabril que puido sacar algo positivo da súa visita a Santiago de atinar un pouco máis a puntería. Un partido con moi poucas ocasións, moitos erros e imprecisións, e que se decantou polo lado local grazas a un gran gol de Hugo Matos, que se estreou así como goleador nunha nova mostra de calidade e intensidade, sendo o silledense o que máis buscou a portería visitante. 

 No primeiro tempo, os de Míchel Alonso saíron coa idea de manter a posesión do esférico. Non obstante, a posesión non levou a nada. Como moito, o máis reseñable foi un testarazo de Manu Barreiro que puido atrapar o porteiro coruñés sen ningún tipo de complicación. Unha posesión estéril que non tería prezo algún de non ser por unha xenialidade dun Hugo Matos que estivo unha marcha por riba dos seus compañeiros e que non dubidou en buscar portería sempre que a tivo no punto de mira. 

 Nun saque de córner, cando estabamos a piques de acadar unha primeira media hora de pases en campo propio e na primeira metade do campo fabrilista, chegou o premio. Centro ao corazón da área que peta en Pablo Antas e o esférico cae a un Hugo Matos que lle pegou con todo tendo a fortuna de que o balón toca nun defensa e despista ao porteiro. 

 Logo do paso por vestiarios, o partido cambiou de mans. O Fabril aumentou a intensidade e buscou a pelota tentando provocar algún erro na defensa branquiazul para, polo menos, sacar un empate. Aínda así, as ocasións non chegarían con perigo sobre a portería defendida por un Pato que non tivo grandes dificultades para deixar a súa porta a cero. 

 Si tivo algunha oportunidade de pechar a vitoria un Compos que non foi quen de ver portería nos segundos corenta e cinco minutos con oportunidades de Pablo Antas, David Grande e Euse, aproveitando cada balón parado para finalizar, sen fortuna, cada xogada. 

 Finalmente, tres puntos de ouro para un equipo que precisaba dunha boa nova nunha tarde agradable e que pechan así unha xeira de dúas derrotas a domicilio, asinando o sétimo triunfo en oito partidos como local dende a chegada de Míchel Alonso ao banco. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario