Volvemos á casa

 Despois de dúas saídas consecutivas, con dúas derrotas, o Compos buscará sumar na súa volta a casa e seguir na pelexa por entrar na fase de ascenso ao final de tempada. Diante, un Fabril que non perdeu ningún partido neste ano e que buscará afondar na ferida dun equipo que non se ve peor situado por mor da igualdade que hai na zona media da táboa e que impide a Rayo Cantabria e Guijuelo poñer máis terra de por medio acumulando máis equipos co paso das xornadas. 

 En ascenso. 

 O Fabril, que non puido sumar de tres ata a cuarta xornada do campionato, non puido asinar unha boa primeira volta. Equipo irregular o de Gilsanz con varios xogadores que tiveron a oportunidade de ir co primeiro equipo en Primeira Federación pero que neste novo ano parece ter atopado o seu camiño para saír dos postos de perigo. Así é que os coruñeses suman seis xornadas consecutivas sen coñecer a derrota sendo quen de deixar a promoción de permanencia a pasada fin de semana. 

 Décimo segundos na clasificación, marcando por abaixo os postos de permanencia, atopamos a un Fabril que suma vinte e sete puntos, un máis ca o Racing Villalbés e a só dous dun oitavo posto que ocupa arestora o Avilés. Un equipo que gañou un total de seis partidos e empatou nove sendo o quinto que máis veces se repartiu os puntos. Por outra parte, caeron en sete ocasións, todas durante a primeira metade do campionato. En canto a goles, anotaron trinta sendo un dos equipos con máis acerto sendo, con vinte e oito tantos en contra, un dos que, tamén, máis encaixa. 

 Fóra da casa non están a facer tan bos números. Só un triunfo lonxe de Abegondo, asinado na súa visita ao Covadonga en outubro, para un equipo que sumou cinco empates, todos con goles. Tamén caeron en catro ocasións repetindo o 1-0 en tres e encaixando unha goleada en Pasarón a mans dun Pontevedra difícil de frear. 

 Hai que aceptalo. 

 A pasada fin de semana, os nosos volveron caer nun partido onde non deron a cara contra un Ourense Club de Fútbol moi superior. Unha derrota dolorosa que xa deixa claro que non era a nosa liga e que hai que pelexar pola cuarta posición como a mellor opción posible. En Oira, Andrada e Alberto Gil deixaron sen opcións a un Compos que nin sequera se achegou con perigo á portería de Marqueta nunha nova derrota a domicilio. 

 Máis acerto tivo o Fabril contra un Covadonga que nada puido facer en Abegondo. Con dous goles no primeiro tempo, ambos os dous de Kevin Sánchez, deixaron xa encamiñado un triunfo que David Vilán e Nájera se encargaron de pechar unha goleada que só puido maquillar o conxunto asturiano cun gol de Vicente xa no engadido. 

 Longa historia. 

 Máis de sesenta anos pasaron xa dende a primeira vez que Compos e Fabril se viran as caras por primeira vez, en Santa Isabel. Un enfrontamento cunha clara cor branquiazul, co azul celeste dunha Esedé que gañou vinte e cinco das corenta e tres citas. Once foron as vitorias dos coruñeses, gran parte delas asinadas entre Riazor e Abegondo, e só sete acabaron en reparto de puntos. 

 En Santiago, entre Santa Isabel e San Lázaro, a superioridade local foi aínda máis evidente. Vinte e unha citas entre os dous e dezasete, nin máis nin menos, acabaron con triunfo compostelanista. Outras dúas se pecharon con empate mentres que o Fabril asinou dúas vitorias, a última no 2017. 

 Na última visita dos fabrilistas a Santiago, antes da pandemia, o triunfo quedou na casa grazas a dous goles no segundo tempo. Brais Abelenda e Josiño fixeron xustiza sobre o verde de San Lázaro nunha vitoria importante para un equipo que acabaría acadando o obxectivo do ascenso ao final dunha estraña tempada cunha pandemia no medio. 

 Menos sorte e puntería houbo no empate sen goles rexistrado en Pasarón na primeira volta desta mesma campaña, na que sería a última saída de Manel co equipo, días antes do seu despido. 

 Na casa, mellor. 

 Dende a chegada de Míchel Alonso ao equipo, San Lázaro pasou a ser unha parte moi importante para un equipo que só gañara unha das catro primeiras citas diante da súa xente. Co de Caranza no banco, sete encontros no feudo branquiazul e seis vitorias. Só o Marino de Luanco foi quen de levar un triunfo sendo, ademais, o único que deixou a cero a un equipo que non perdoa na capital galega. 

 Poderían estar todos. 

 En rolda de prensa, Míchel deixou claro que poderían estar dispoñibles todos os xogadores despois da recuperación de Pablo Antas, que xa quedou fóra do equipo a pasada fin de semana. Tamén Kike estivo fóra do equipo as últimas datas e podería volver contra o filial deportivista. Aínda así, con isto, o adestrador ferrolán terá que facer dous descartes para pechar a lista definitiva. 

 Seguimos cos sábados. 

 Unha semana máis teremos unha cita o sábado. Un partido complicado éste pero no que o clube quere premiar á xente que estivo presente en Ourense cunha entrada de balde para cada un dos presentes na derrota da pasada xornada. Por outro lado, para quen non teña esa opción, as entradas terán un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

  Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario