Derbi para sumar

 Unha semana máis de campionato e unha menos para achegarse a un obxectivo que se complica para un Compos que non soubo erguer a cabeza dende a derrota en Pasarón. Diante, un sábado importante para dous equipos que pelexan por obxectivos, a estas alturas, moi diferentes. Os de Míchel Alonso, a pola primeira vitoria a domicilio deste novo ano. O Ourense, colíder, a intentar manter o pulso co Pontevedra e Zamora ata un final de liga que apunta a eses tres únicos nomes na carreira polo ascenso directo. 

 Unha tempada para soñar. 

 O Ourense Club de Fútbol, equipo que hai só nove anos saía de Primeira Galicia, está a facer unha tempada para a historia. Segundos na clasificación actual, aínda que alternando a posición coa primeira dende as primeiras xornadas, e igualados cun Pontevedra que se confirma como o único equipo capaz de seguir o ritmo aos de Rubén Domínguez e o seu bo facer, sobre todo, como locais. 

 Corenta e tres puntos nestas vinte e unha primeiras xornadas de campionato, uns números case inmellorables dun conxunto que gañou en doce ocasións e empatou noutras sete perdendo só en dúas citas. Rival difícil e que sabe ben aproveitar resultados curtos, espremendo ben os seus vinte e oito goles a favor. Por outro lado, só encaixaron doce goles sendo a segunda mellor defensa do campionato, por detrás da do Zamora. 

 Como locais, uns números envexables que os sitúan como o mellor equipo local do campionato. E é que en Oira, casa dos ourensáns este curso ata que estea listo O Couto, quedaron vinte e oito dos trinta e tres puntos en xogo. Con xa máis de media liga pasada, só Pontevedra e Zamora foron quen de puntuar alí, cos granates sacando os tres puntos e os zamoranos un empate sen goles. A maiores hai que contar que catro das nove vitorias como locais foron pola mínima e que só encaixaron cinco goles diante da súa afección, tres deles na súa única caída. 

 Ourense, terra difícil. 

 O Compos volve a Ourense, unha cidade máis que visitada ao longo da historia para un equipo ao que non se lle dou ben a cidade do Miño. E é que de cinco equipos visitados, en máis de trinta ocasións, o balance só é positivo nun dos casos. 

 O filial do CD Ourense, o propio CD Ourense, UD Ourense, Galaico e Ourense CF, ao que se visita esta mesma fin de semana. Cinco equipos e dous campos nunha cidade que se visitou en trinta e cinco ocasións sacando só once triunfos contra as dezaseis derrotas encaixas, ademais de oito empates. 

 Contra o Ourense Club de Fútbol, as contas son máis sinxelas. Catro veces se visitou O Couto en Liga para volver con tres empates, todos con goles, e unha vitoria local coa que se pechaba a fase regular da tempada 2018/19. Nunca se conseguiron os tres puntos contra os ourensáns a domicilio e nesta nova ocasión chega a oportunidade de estrear novo campo e quen sabe se a conta de triunfos. 

 Os partidos, moi longos.

 Tanto Compos coma Ourense contaron cun problema esta pasada fin de semana. E é que aos dous se lles fixeron longos os seus respectivos partidos nunha fin de semana na que o conxunto de Rubén Domínguez perdeu o primeiro posto en solitario e os de Míchel Alonso deixaron pasar unha nova oportunidade de achegarse ao obxectivo. 

 En Zamora, un mal partido no que o Zamora fixo máis méritos para sumar. Non obstante, Parapar volveu deixar claro que este ano está atinado de cara a porta levando ao equipo ao tempo de lecer con vantaxe. No segundo tempo, os locais precisaron de quince minutos para igualar o resultado e farían xustiza ao que se estaba a ver sobre o verde no engadido, xa sen tempo posible para reaccionar. 

 En Oviedo a cousa foi algo diferente. O Covadonga, ao igual que os nosos, foi quen de adiantarse no primeiro tempo. No segundo acto, o Ourense non só empatou senón que remontou o partido en cuestión de quince minutos, a só doce para o final. Os locais, aínda así, non baixaron os brazos e conseguiron igualar o resultado cinco minutos despois pechando o 2-2 definitivo. 

 Con todo. 

 Proba de lume para un Compos que non quere ver afastarse os postos de privilexio e para iso Míchel poderá contar con todos. Recupera a Pep Caballé, Pablo Antas e Kike, que caeron da pasada convocatoria, completando a lista con Brais como porteiro suplente. Con isto, terá que haber algún descarte por decisión do adestrador. 

 Entroido e temporal. 

 A chuvia e o vento non poden ser un problema para un espectáculo entre dous equipos que se xogan moito. Unha festa co Entroido de fondo na primeira visita branquiazul á herba artificial de Oira para visitar a un Ourense histórico e tentar deixar atrás unha xeira de catro saídas sen sumar de tres. Cita na que os nosos non estarán sos e por iso o clube quixo aproveitar e agasallar a cada afeccionado que vaia ata Ourense cunha entrada para o partido fronte ao Fabril da vindeira semana compensando dalgunha maneira os 15 euros que custará ver este derbi. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido na TVG2 ou na web así como seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario