Proba de lume

 O Compos ten, este domingo, unha proba importantísima de cara aos seus obxectivos. Un equipo que mira para os postos de promoción de ascenso pero que pode aspirar a máis dependendo do que faga nun dos partidos máis difíciles do curso. Diante, un Zamora que non quere perder de vista a Ourense e Pontevedra diante da súa xente no Ruta de la Plata, onde non perde dende outubro e do que só saíron cinco puntos no que levamos de curso. 

 A súa casa, un fortín. 

 O Zamora segue a facer un fortín da súa casa. Un equipo moi forte que ás ordes de Movilla non deixa saír apenas puntos da súa casa. Un dos rivais a bater, como xa foi o ano pasado na mesma categoría ás ordes de Yago Iglesias, que non perde a estela imparable de Pontevedra e Ourense e sacando un total de sete puntos ao seu perseguidor, un Guijuelo que marca a zona máis alta dos postos a día de hoxe posibles. 

 Terceiros na clasificación, suman trinta e nove puntos dos sesenta posibles, a só tres do líder. Contan con once vitorias no seu haber e dous empates ademais de tres derrotas no que levamos de campionato. Ademais disto, suman un total de vinte e un goles, sendo o equipo que máis beneficio saca con menos acerto de cara a porta. Por contra, trátase dun dos equipos de toda a categoría que menos tantos encaixou cun total de nove. 

 Se ben non son os mellores locais do grupo, por detrás dun Ourense imparable, os seus números son para ter moi en conta. Sumaron sete triunfos diante da súa xente, catro deles por 1-0 e todos deixando a súa porta a cero, e empataron outros dous, sendo o Langreo o único capaz de marcar e non sumar de tres e o Marino asinou o único empate sen goles en case dous anos. Por outro lado, só o Pontevedra foi quen de sacar os tres puntos do Ruta de la Plata cun gran 0-4 na volta de Yago ao que foi a súa casa durante a tempada anterior. 

 Vellos coñecidos. 

 Compos e Zamora comparten unha longa historia de enfrontamentos coa Liga e a Copa do Rei como escenarios, tanto en Santiago coma en Zamora. Encontros sempre igualados e nos que sumaron, cada equipo, un total de dez triunfos ademáis de seis empates. 

 En canto aos enfrontamentos disputados en Zamora, o Compos sumou catro triunfos contra os cinco dos locais e tres empates que completan os doce precedentes. 

 Na última visita dos branquiazuis ao Ruta de la Plata, a tempada pasada, o resultado non puido ser máis favorable. Un equipo que, despois de catro xornadas, necesitaba empezar a convencer co seu xogo e foi nun dos campos máis difíciles onde os de Fabiano deixaron unha moi boa imaxe cos goles de Pablo Antas, Jordan e Damián Canedo, deixando Pato a súa portería a cero. 

 Dous puntos menos. 

 Se ben é certo que oito puntos é unha diferenza considerable para pelexar, como mínimo, polo terceiro posto, o Compos non perde de vista ao cadro castelán-leonés. Isto pasa, tamén, grazas aos dous puntos recortados a pasada fin de semana coa vitoria na casa dos de Míchel Alonso sobre un Covadonga que tivo oportunidades pero non soubo aproveitar. De cara á portería visitante non perdoaron Manu Barreiro e Parapar en dúas xogadas nadas pola banda esquerda con asistencias de Juampa e Escoruela. 

 En Guijuelo habería menos acerto de cara a porta. Un partido sen goles entre locais e Zamora, con poucas ocasións nin nada reseñable, con amoestacións que tampouco influirán nesta cita importante para os dous conxuntos. 

 Recuperación defensiva. 

 Despois dunha última semana sen novidades de mercado, temos que falar dunha alta en canto a recuperacións de cara a esta fin de semana. Álvaro Casas, despois dun partido de sanción, está xa dispoñible por se o adestrador o precisa. Tamén podería estar preto a volta de Antón de Vicente despois dun mes de baixa así como a de Jordan, logo de dúas semanas de ausencia. Por contra, Pablo Antas seguirá coa súa recuperación. 

  Domingo de PPV. 

 A primeira saída das dúas consecutivas para os nosos chega con recargo, xa que para ver o encontro haberá que pasar por caixa, ao igual que en moitos outros de fóra da nosa terra. Unha cita importante que dará comezo ás 17:30 nun Ruta de la Plata que seguramente amosará unha boa imaxe nas bancadas. 

 Para quen non poida viaxar, o partido poderá verse por FootballClub, mesma plataforma que o Guijuelo, ou seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul ou do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario