Tarde para esquecer

 Non foi a mellor tarde para o Compos a que supuxo a apertura da segunda volta. Contra un Marino de Luanco que soubo xogar ben as súas cartas, os de Míchel non foron quen de sequera incomodar ao rival. Unha derrota, primeira de 2024, que supón a primeira caída na casa en liga dende a chegada do técnico de Caranza así como a primeira vez que non son quen de ver porta como locais dende a visita do Racing Villalbés ao Vero Boquete, nun partido que acabou co mesmo resultado. Por outra parte, púidose vivir a estrea como branquiazul de Roger Escoruela, tendo unha primeira proba con mala nota, e a volta aos terreos de xogo de Samu, a gran nova do día. 

 O partido comezou coa Esedé buscando a portería do Marino e estando moi preto de facer o primeiro gol da tarde cun disparo de Pep Caballé que sacou o porteiro case na liña. Lonxe diso, o cadro asturiano non tardou en responder entrando polo medio do campo, balón para David Grande que se impón a Casas e bate a Pato por baixo. 

 Lonxe de reaccionar, o Compos seguiu perdido sobre o campo, incapaz de crear perigo contra un Marino que a piques estivo de irse ao tempo de lecer cunha vantaxe maior, mandando un balón ao pau nunha contra. Máis sorte tiveron os luanquíns na primeira chegada do segundo tempo cunha xogada que arrinca pola dereita do seu ataque e acaba cun pase ao segundo pau que non consegue despexar ninguén e anota, de novo, David Grande.

 Cos trocos, os de Míchel seguiron sendo incapaces de achegarse á portería visitante. Tal é así que só Manu Barreiro, cun testarazo, tivo a opción de incomodar ao gardameta. A maiores, algún que outro centro que non chegou a bo porto e moita incapacidade para sacar algo positivo dun encontro cheo de erros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario