Comezamos a segunda volta

 Co equipo ocupando xa os postos de privilexio comeza a segunda metade do campionato. Faino no Verónica Boquete de San Lázaro, por segunda semana consecutiva, contra un Marino de Luanco que pelexa por afastarse dos postos de descenso. Un enfrontamento con algo en común: os dous últimos equipos adestrados por Manel. 

 Buscando a salvación. 

 Un ano máis, o Marino de Luanco buscará manterse nunha Segunda Federación igualadísima tanto na parte alta, con catro equipos igualados a puntos pelexando pola quinta posición, como na parte baixa, con cinco equipos repartidos en dous puntos e só un posto que dá a salvación segura que, arestora, ocupa o cadro asturiano. 

 Décimo segundos clasificados, con dezaoito puntos, o equipo luanquín pecha os postos de permanencia igualados a puntos co Fabril. Isto conseguírono grazas a tres vitorias e nove empates, sendo o equipo con máis partidos con reparto de puntos xunto co Avilés, ademais de cinco derrotas. En canto a goles, trátase do equipo menos goleador do grupo con só trece tantos no seu haber e o cuarto, só superado polos tres primeiros clasificados, que menos encaixou con catorce goles en contra.

 Fóra da casa, trátase dun equipo que non gozou de gran sorte. Só volveron á súa casa cos tres puntos nunha ocasión en toda a primeira volta, conseguíndoo en Valladolid contra o filial pucelano. A maiores, tamén encadearon un total de cinco empates a domicilio puidendo manter a súa porta a cero en Zamora e Vilalba. A maiores, tres derrotas, dúas delas pola mínima en terras galegas. 

 Rival sempre difícil. 

 Marino e Compos xa son vellos coñecidos. Dende a primeira vez que se viron as caras, hai xa máis de vinte anos, ata agora, puidemos vivir un total de trece enfrontamentos dos que os nosos saíron vencedores en cinco. O mesmo número de partidos rematou en empate mentres que os asturianos se levaron os tres puntos en tres ocasións. 

 En Santiago, en San Lázaro, seis enfrontamentos que nos deixaron tres vitorias locais entre 2002 e 2015. Dun pleno de triunfos ao que se pasou a tres encontros nos que puideron sumar os asturianos. Dous empates, os dous a un gol, e unha vitoria do Marino pola mínima na segunda fase da Segunda B 20/21. 

 A isto hai que engadir que o Compos tampouco foi quen de conquistar Miramar na primeira volta nun partido sen goles e escasas ocasións para inaugurar a conta no que foi a volta de Manel á súa anterior casa. 

 Cumprindo. 

 A primeira xornada do ano deixounos un triunfo traballado e merecido por parte dun Compos superior ao Rayo Cantabria. Un partido onde estaba en xogo un posto na fase de ascenso e no que non perdoaron os de Míchel adiantándose no primeiro tempo grazas ao bo facer de Manu Barreiro, materializando un penalti sobre Juampa. No segundo tempo igualaría as forzas o filial santanderino durando pouco a ledicia visitante, antes de que Parapar devolvera a vantaxe local. O extremo coruñés sería tamén protagonista no terceiro sufrindo un penalti que volvería anotar o '9' da Esedé. 

 Pola súa parte, o Marino non tivo a mesma sorte no derbi asturiano contra o Covadonga en Oviedo. Trabanco faría valer a 'lei do ex' abrindo a lata para o conxunto ovetense no primeiro tempo e David Grande igualaría para os luanquíns servindo ese punto para evitar o lume. 

 Pode haber estreas. 

 Vintecinco xogadores participaron durante a primeira volta co primeiro equipo branquiazul, sendo Roque e Goris os últimos en debutar. Nesta cita pode ter a súa primeira oportunidade Roger Escoruela, novo lateral esquerdo que chega recomendado por Míchel, quen o tivo no Formentera a tempada pasada e que procede do Cerdanyola, co que era titular. Tamén Samu, que xa ten a alta tanto médica como federativa e volve ocupar, por oitava tempada, un posto no equipo lucindo o '14'. 

 Quen non poderá estar é Samu Araújo e Antón De Vicente, baixas seguras por lesión. Por outra parte, Jordan chega apercibido de sanción por terceira semana consecutiva. 

 Cambio de horario. 

 Primeira cita da segunda volta e primeiro cambio de horario provocado pola televisión. Un encontro que comezará, o domingo, ás 18 horas no Verónica Boquete de San Lázaro pero que estaba marcado, ata hai uns días, para unha hora antes. As entradas, xa dispoñibles na web, teñen un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

   Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario