Novo reforzo

 O Compos segue mellorando o equipo de cara a esta segunda volta. Despois das chegadas de Roque e Roger Escoruela e a volta de Samu, é a quenda dun novo integrante para o centro do campo. Manu Ramírez, centrocampista de 27 anos nado en Lepe, chega procedente do Unionistas co que disputou a primeira metade do campionato, perdendo o posto por mor dunha lesión. 

 Formado na base do Recreativo de Huelva, iniciou a súa carreira nas filas do filial onubense, xogando quince partidos na Terceira división. De aí pasaría ao San Roque de Lepe, o equipo da súa vila, co que superaría os vinte partidos anotando dous goles na súa primeira etapa, neste caso como cedido. Volvería despois ás filas do Recreativo para xogar na Segunda B co primeiro equipo seis partidos nunha tempada antes de volver, xa en propiedade, ao San Roque onde xogaría trinta e dous partidos máis anotando doce goles e abrindo a porta á Segunda B, da que non volvería a baixar. 

 O seu bo ano en Lepe o fixo chegar ao San Fernando co que asinaría cinco goles en trinta e catro encontros. Menos oportunides, por mor da pandemia, tería a seguinte campaña no Don Benito, co que xogaría vinte e un encontros facendo dous goles. Mesma cifra nun partido máis asinaría no mesmo clube na tempada seguinte para deixar atrás a Segunda B e poñer rumbo á Primeira Federación. 

 Nas filas do Calahorra sería un seguro no equipo xogando trinta e tres partidos e anotando dous goles. Non obstante, daría un paso atrás para xogar na Segunda Federación ao ano seguinte nas filas do UCAM Murcia e no que asinaría uns bos números anotando doce goles en trinta e dous partidos. 

 Esta mesma tempada volvería á Primeira Federación. No Unionistas xogaría sete partidos en liga ata unha lesión que o apartou durante dous meses perdendo a presenza no equipo ata o punto de saír do mesmo. A iso hai que engadirlle unha curta presenza no partido contra o Villarreal no Reina Sofía. Non obstante, malia non poder ter presenza durante o encontro, si a tería na tanda de penaltis anotando o quinto dos oito que terían que tirar os salmantinos. 

 Agora, o andaluz asina ata final da tempada que vén, ano e medio, cubrindo a baixa de Fer Beltrán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario