Estamos de volta!

 Comeza o 2024 e con el volve o Compos despois das vacacións. Un Compos sen caras novas máis alá da de Roque e sen as pezas que xa nos dixeron adeus... e que non serán as únicas. Diante, por segundo ano consecutivo, estará un Rayo Cantabria que ocupa un dos postos de privilexio, que estará en xogo este domingo no Vero Boquete de San Lázaro. 

 O mellor filial. 

 O Rayo Cantabria chega a esta primeira cita do ano nunha moi boa situación. Cuartos clasificados, con vintesete puntos, os santanderinos ocupan ese primeiro posto aínda posible para moitos, só por detrás de tres equipos que arestora están lonxe do resto e pelexando polo ascenso directo. Isto chegou grazas a sete vitorias, seis empates e só tres derrotas. Un equipo que se confirma como o segundo con máis gol da categoría grazas a vinte e seis tantos, só superados polo Pontevedra, e que recibiron catorce, chegando como a quinta mellor defensa. 

 Uns bos números do filial do Racing de Santander que non son tan bos cando saen do Nando Yosu. Tal é así que, a domicilio, conseguiron gañar en Abegondo, Torrelavega e Avilés. De Pontevedra e Aranda marcharon cun empate. Pero tamén hai que falar de que as tres únicas derrotas que suman a día de hoxe chegaron en Langreo, Guijuelo e Zamora. Un equipo que, ademais, anotou en cada saída agás en Pasarón e Ruta de la Plata. 

 Repetimos. 

 Por caprichos do calendario, a terceira vez que se enfronten ao longo da historia Compos e Rayo Cantabria en Santiago repetirá a data do ano anterior. Este domingo repetimos a estrea de ano do 2023 e que acabou con triunfo pola mínima a prol do Compos. Unha vitoria que se conseguiu grazas a un gol de Darío no segundo tempo e que se pechou con ata nove amoestados. 

 Antes, un empate sen goles en 1979, aínda en Santa Isabel, na antiga Terceira división, na tempada posterior á estrea branquiazul na Segunda B. 

 Tamén hai que engadir que o Compos non perde un primeiro partido do ano dende 2019, cando o fixo contra o Ourense Clube de Fútbol nun partido onde Aythami puxo por diante aos locais no primeiro tempo. Logo do paso por vestiarios, Rober, Renan Zanelli e Juanma Justo deron a volta ao encontro facendo o 1-3 definitivo. 

 A vitoria, un deber. 

 Compos e Rayo Cantabria non conseguiron pechar o ano 2023 cos tres puntos polo que esta primeira cita do novo ano. Os de Míchel Alonso non foron quen de sacar nada positivo de Avilés nun partido onde dominaron os asturianos ata adiantarse no marcador cun gol de Isma Cerro. A partir de aí, os galegos melloraron pero o empate non chegaría ata o segundo tempo, cun golazo de Manu Barreiro. Non obstante, a ledicia e a esperanza de sacar algo positivo durou dez minutos cun gol de Natalio. 

 Menos houbo que contar da visita do Covadonga ao Nando Yosu para enfrontarse ao filial santanderino. Un partido que se pechou sen goles pero no que o cadro asturiano tivo nas súas botas a oportunidade de sumar de tres tendo ata dous balóns á madeira no segundo tempo. 

 Malia sumar o mellor clasificado, unha vitoria este domingo faría que o Compos se metera nos postos de promoción de ascenso por primeira vez dende a terceira xornada sen depender de resultados alleos. 

 Unha baixa segura. 

 As vacacións de nadal nos deixaron un equipo, de momento, falto de integrantes. Nos últimos días, Borja Rey, Fer Beltrán e Riki Mangana dixeron adeus ao equipo sen ser as únicas baixas que teremos neste mercado de inverno. A estes hai que sumar a baixa de Antón De Vicente, que non poderá estar o domingo. 

 Por outro lado, Roque xa está dispoñible para xogar e Hugo Matos forma parte, a todos os efectos, do primeiro equipo. A eles sumaránselles un lateral esquerdo, un dianteiro centro e a volta de Samu despois de pasar a primeira volta sen ficha federativa, xa coa alta médica. Non obstante, non chegará ninguén máis para este domingo. 

 Agasallo de Reis. 

 Este domingo, agasallo en forma de partidazo no Verónica Boquete de San Lázaro. Un encontro que comezará ás 12 horas da mañá, na hora do vermú, e coas entradas xa dispoñibles na web cos prezos, habituais, de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

  Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario