Agasallo de Reis

 O Compos non puido comezar mellor o 2024. Os de Míchel Alonso manteñen o seu bo facer no Vero Boquete contra un Rayo Cantabria que non puxo as cousas doadas. Dous goles de Manu Barreiro dende os once metros e outro dunha gran versión de Parapar serviron para sumar de tres malia o gol dos cántabros que serviu para empatar durante algo máis de quince minutos. 

 Partido moi serio do Compos dende o comezo, sendo superiores ao filial racinguista pero insuficiente para crear serio perigo. Si tiveron opcións nos primeiros intres Jaime Santos e Juampa, petando éste no exterior do pau da portería visitante. Tamén probou sorte Parapar, mais sen ser quen de superar a unha defensa que se converteu nun muro coa única intención de frear o gran ataque branquiazul. 

 Co paso dos minutos, o Rayo Cantabria buscou facerse máis co balón cobrándose, o colexiado, ata tres cartóns amarelos para xogadores locais por faltas no centro do campo, sendo incapaces de achegarse os visitantes á portería defendida por Pato. Non obstante, logo duns minutos un tanto máis igualados, volveu a superioridade branquiazul ata o final do primeiro tempo con ocasións de Parapar e Juampa, sacando a defensa baixo paus, e que se pecharía cun penalti sobre Juampa e que non perdoaría Manu Barreiro. 

 O segundo tempo comezaría cunha mala nova para o cadro cántabro en forma de expulsión. Non obstante, tampouco precisarían nin dez minutos dende a saída dos vestiarios para igualar o marcador, cun gol de Santamaría. 

 Resultado igualado e volvería a superioridade compostelá cos trocos. O Compos buscaría o gol probando sorte polas bandas e sería dende a esquerda onde chegaría o segundo tanto cun centro raso ao corazón da área onde aparece Parapar para só ter que empurrar o esférico ao fondo das redes. 

 Aínda sen confianzas, os de Míchel Alonso buscaron o terceiro, o da tranquilidade. Jordan tivo nas súas botas a primeira oportunidade de facelo a pase de Pablo Antas. Non obstante, chegaría despois dunha falta sobre Parapar na área. Manu Barreiro, de novo dende os once metros, non perdoaría enganando ao gardameta. 

 Sentenciado o encontro, nos últimos intres teríamos unha ocasión perigosa por portería. Manu Barreiro pretendeu o 'hat-trick' petando co porteiro mentres que Pato e a defensa terían que salvar unha dobre ocasión xa no engadido. 

 Finalmente, tres puntos máis para un equipo que iguala a puntos co Rayo Cantabria e se achega aos postos máis altos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario