Fin de ano

 Despois da vitoria, demostrando maior acerto e unha férrea defensa, contra o Oviedo Vetusta, o Compos quere despedir o ano contra outro rival asturiano. Nesta ocasión, un Real Avilés Industrial que chega no seu mellor momento da tempada sumando dúas vitorias consecutivas por primeira vez no curso, precisando antes un cambio de adestrador para dar a volta a unha mala dinámica e poder saír dos postos de descenso. 

 O rei do empate. 

 Levamos, a día de hoxe, quince xornadas de campionato e o Real Avilés Industrial chega a esta cita como o equipo con máis empates de toda a Segunda Federación. Tampouco hai quen o supere nas tres primeiras categorías do fútbol estatal a un equipo que puido darlle a volta a unha xeira de trece xornadas nas que só asinaron un triunfo. Agora, reciben ao Compos despois de sumar sete dos últimos nove puntos en xogo. 

 Tres vitorias e tres derrotas para compensar todo. Un equipo con, nada máis e nada menos que, nove empates para sumar os seus dezaoito puntos. Unha puntuación que lles serve para deixar atrás os postos de descenso e poder mirar cara arriba neste final de ano. Os seus números complétanse con dezaoito goles a favor e dezaseis en contra, cifras moi semellantes aos dos nosos. 

 Na casa, as cousas non acabaron de saír. Só un equipo marchou sen nada do Román Suárez Puerta: a Arandina hai dúas semanas. Outros catro sacaron un punto da súa visita véndose goles en todos eles. Pola súa parte, Gimnástica de Torrelavega e Rayo Cantabria puideron facerse co premio grande gañando pola mínima. 

 Dende os sesenta. 

 Compos e Avilés, decano do fútbol asturiano, son xa vellos coñecidos. Tanto que se viron as caras por primeira vez na década dos sesenta. Dende aquela, vinte e seis partidos moi disputados e igualados nos que os galegos sumaron un total de dez triunfos mentres que os asturianos fixeron o propio en nove ocasións. Os sete partidos restantes acabaron en reparto de puntos. 

 Neste caso hai que sumar tamén os resultados dos enfrontamentos contra outro equipo, o Ensidesa, que pasou a ser parte do Real Avilés Industrial hai corenta anos. Antes, dezaseis citas contra os branquiazuis con sete vitorias por equipo e dous empates. 

 Das visitas da Esedé a Avilés só hai que falar de dúas vitorias, ambas as dúas contra o Avilés. Noutras cinco ocasións se puido sacar o empate, un contra o Ensidesa e outros catro contra o Avilés. E sete derrotas contra cada rival sumando un total de catorce. 

 A última visita, o pasado curso, rematou con vitoria para o Avilés na estrea como adestrador compostelanista de Juan Carlos Andrés. Unha vitoria local na que Natalio asinou o primeiro e Primo levou a cabo a tan coñecida 'lei do ex' certificando o triunfo avilesino. 

 Sumando de tres. 

 A pasada fin de semana, tanto Compos como Avilés sumaron de tres. Dúas vitorias que achegan aos equipos a un obxectivo común polo que pelexan ambos os dous e que terán este domingo unha proba coa que pechar o ano da mellor forma posible. 

 En Santiago, os de Míchel Alonso superaron ao Oviedo Vetusta nun partido onde Borja Rey demostrou o seu gran nivel cunha actuación inmellorable. Intervencións para deixar a porta a cero e asinar unha despedida coa que deixar ganas de máis, pasando agora ás filas do Silva. Na outra parte do campo, Antón de Vicente inaugurou a súa conta particular cun gran gol dende fóra da área ante o que nada puido facer o gardameta visitante. 

 Vitoria e porta a cero tamén para o Avilés na súa visita ao Covadonga. Un partido que quedou visto para sentenza no primeiro tempo grazas aos goles de Jorge e Natalio. No segundo tempo, xa co tempo cumprido, Isma Cerro pechou a segunda vitoria consecutiva para un equipo que non repetía vitoria dende abril. 

 Un ano que se vai. 

 O 2023 xa toca ao seu fin e faino co Compos mantendo opcións de entrar nos postos de promoción de ascenso, pechándoo igual que se comezou. Un ano no que ata cinco adestradores pasaron polo banco da Esedé e no que houbo momentos complicados, tanto no final do curso pasado como no comezo do presente. 

 Por terceiro ano consecutivo, o equipo terá que despedirse ata a volta de vacacións lonxe da casa. O obxectivo é claro: sumar de tres nun partido difícil e deixar atrás tres anos nos que non se puido sequera pasar do resultado inicial antes do Nadal. 

 Algo máis de tranquilidade. 

 Despois de superar a cita contra o Oviedo con numerosas baixas, Míchel Alonso pode estar algo máis tranquilo. Recupera a Juampa, Pep Caballé, Álvaro Casas e Pato para esta cita importante, ás que sumar a volta de David Soto a pasada fin de semana. Por contra, perde a Pablo Antas, Jordan e Samu Araújo por lesión. Tampouco estará xa Borja Rey despois de certificarse a súa fichaxe polo Silva ocupando o seu posto Brais, porteiro do Sigüeiro que xa fixo a pretempada co primeiro equipo, polo menos ata que poida chegar outro para o primeiro equipo no mercado invernal. 

 'Pay-per-view'. 

 Visita a Asturias e cita importante contra os veciños do Avilés nun Román Suárez Puerta que abrirá as súas portas por última vez este ano ás cinco da tarde o domingo. Un partido no que se espera tamén a chegada de afeccionados dende Santiago, como xa é habitual. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido previo paso por caixa pagando 3,99 na web do Avilés. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter, ou X, da Curva Branquiazul e do clube.

                                

Ningún comentario:

Publicar un comentario