Longa saída

 Despois da derrota contra o Marino de Luanco, primeira na casa con Míchel Alonso, volven as saídas. A primeira deste novo ano será a terras burgalesas, a Aranda de Duero, buscando a primeira vitoria a domicilio dende hai dous meses, cando se gañou en Guijuelo. Diante, unha Arandina que ocupa o posto máis baixo da táboa e que non gaña dende outubro, vivindo recentemente un partido histórico contra o Real Madrid, na súa casa. 

 Lonxe do obxectivo. 

 A Arandina está a pasar por unha tempada complicada. Un equipo que ascendeu o pasado verán sumando a súa cuarta tempada na historia fóra da Terceira división para loitar por unha permanencia cada vez máis lonxe. Non obstante, ese camiño tan difícil na Segunda Federación é moi diferente ao que conseguiron ter na súa terceira participación na Copa do Rei, superando a Murcia e Cádiz e chegando a enfrontarse contra todo un Real Madrid, aguantando toda a primeira parte sen recibir ningún gol e acabando con 1-3 no marcador nun día histórico de festa. 

 En canto á liga, na volta á realidade, as cousas non están a saír ben aos burgaleses. Últimos na clasificación, suman once puntos, quedando a dez da permanencia. Sumaron dúas vitorias durante a primeira volta e cinco empates ademais de once derrotas. Con isto, temos ao equipo con menos gol da categoría, xunto co Marino, con quince tantos a favor. Tamén se trata dun dos equipos con máis goles en contra despois de encaixar vinte e oito. 

 En El Montecillo, a súa casa, conseguiron superar ao Covadonga na primeira xornada e empataron outros cinco, contra Ourense, Cayón, Oviedo Vetusta, Rayo Cantabria e Zamora. Só Racing Villalbés, Valladolid Promesas e Coruxo foron quen de sacar os tres puntos dun campo no que non se vive unha vitoria dende novembro. 

Dous meses. 

 Se falamos de que hai dous meses da última vez que un equipo sumou de tres en Aranda de Duero, hai que dicir tamén que só unha semana despois dese triunfo do Coruxo en El Montecillo chegou, en Guijuelo, a derradeira vitoria a domicilio do Compos. Un triunfo que chegaría pola mínima grazas a un gol de Manu Barreiro. 

 A partir desa visita á vila salmantina, dúas saídas e dúas derrotas en Pontevedra e Avilés. Tampouco se puido sumar en Langreo mais si na estrea de Míchel en Torrelavega, asinando seis puntos de quince posibles. 

 Ningunha derrota. 

 Compos e Arandina xa se enfrontaron en dúas tempadas, sendo ésta a terceira, en liga e outra na Copa Federación. Seis enfrontamentos ata o momento que nos deixan tres triunfos branquiazuis, un empate e só unha vitoria para os casteláns na competición doméstica e outro triunfo galego na competición do 'KO'. 

 En Aranda, de momento, dous enfrontamentos. No 1980, na Segunda B, non se pasou do empate sen goles. Máis acerto houbo no 2016, na despedida da categoría de bronce. Trigueros, en propia porta, faría o primeiro para os de Fredi. Fran Adeva, no segundo tempo, asinaría o empate e Bicho, no treito final, daría os tres últimos puntos dunha tempada difícil aos santiagueses.

 Caídas.

 E se antes falamos de que o Compos non sabe o que é perder en Aranda de Duero, agora hai que falar de que os dous equipos que se ven as caras este sábado en El Montecillo non puideron sumar nin sequera un punto a pasada fin de semana. 

 No Verónica Boquete de San Lázaro, o Marino de Luanco amosouse máis ordenado e efectivo. Un bo partido dos asturianos que souberon aproveitar os erros dun Compos que non foi quen de materializar o perigo sobre a portería de Dennis. Máis puntería tivo un David Grande que bateu ata en dúas ocasións a Pato aproveitando dous fallos da defensa branquiazul. 

 En Asturias, neste caso en Oviedo, se concentraron os goles na primeira media hora do xogo. A Arandina sería quen de adiantarse grazas a un gol de Ayoub. Non obstante, non poderían aguantar o resultado empatando o Covadonga cun gol de Haji en propia porta aos cinco minutos e só sete despois sería Asier Gomes o autor dun tanto que permite aos ovetenses por distancia con respecto ao pechacancelas. 

 Problemas na creación. 

 Para esta nova fin de semana, con viaxe longa incluída, chegan problemas no centro do campo. Ás baixas xa coñecidas de Antón De Vicente e Samu Araújo hai que sumar a ausencia segura de Pablo Antas por lesión. Aos dous hai que engadir a baixa de Jordan, que marchou tocado do partido do pasado domingo. Por contra, entra na súa primeira lista Manu Ramírez, despois dun so adestramento. 

 Abrimos a xornada. 

 Despois de pechar a pasada fin de semana, o Compos terá que abrir a xornada este sábado ás 17 horas en El Montecillo, en Aranda de Duero. Unha viaxe longa que xa está a facer o clube para poder pasar a noite en terras burgalesas e estar máis frescos de cara a un partido chave para seguir con vida na pelexa polos postos altos. 

 Para quen non poida facer a viaxe, o partido poderá verse a través de Web Directo así como seguirse nas contas de Twitter do clube e da Curva Branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario