Acerto

 O Compos sumou de tres nun partido difícil, onde o rival foi mellor e que se puido cobrar dúas baixas máis en forma de lesións. Unha cita contra o Oviedo Vetusta no que co paso dos minutos pasou de ser un partido onde os locais puideron adiantarse a outro no que os visitantes fixeron máis méritos. Pero méritos, sobre todo, fixo Borja Rey nunha actuación perfecta, sen ningún erro, salvando unha posible goleada. Tamén Antón de Vicente, autor do único gol. 

 O encontro comezou co equipo de Míchel Alonso querendo mandar e os asturianos buscando provocar perigo á contra con xogadas rápidas, mais sen crear serio perigo na primeira media hora. Si tivo algunha clara neses primeiros intres Manu Barreiro perdoando antes dun baixón de intensidade que durou unha hora e que non puido aproveitar o filial ovetense en forma de goles, mais si sacando como parte máis positiva dous cartóns amarelos para xogadores da Esedé antes do tempo de lecer. 

 O segundo tempo, por contra, non puido comezar peor. Dous minutos e Jordan ao chan. O centrocampista sufriu unha lesión muscular que lle impediu continuar no encontro. Minutos despois, logo de ver un cartón amarelo, tamén se retiraría Samu Araújo con molestias aproveitando unha falta que suporía a segunda ocasión clara de Manu Barreiro, neste caso a balón parado. 

 Seguiría facendo méritos o Oviedo Vetusta, mais sen atopar o camiño ao fondo das mallas da porta inmellorablemente defendida por Borja Rey. E é que a actuación do gardameta evitou unha goleada superior á da pasada fin de semana contra un filial que soubo atopar o perigo polas bandas. Con Soto, Kike e un Euse maiúsculo, portería a cero contra todo e contra todos. 

 No outro lado do campo, outra falta remataría co gol do partido. Saca Jaime Santos o balón preto da banda, despexa un defensa e cae o esférico a Antón de Vicente. O centrocampista, de primeiras, pégalle con todo e manda o esférico ao fondo da portería. Un golazo para abrir a lata e darlle tres puntos a un Compos que parecía botar de menos as numerosas baixas para facerse co último triunfo deste 2023. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario