Temos rivais!

 Nova tempada, nova categoría e novos rivais. Chega a Segunda RFEF para quedarse e o Compos, como xa fixo na Segunda B, estará na súa estrea. Unha categoría con 5 grupos, con 90 equipos e cun novo formato de ascensos, aos que pode aspirar o quinto clasificado. Por contra, tamén descenderán os quinto últimos mentres que os 4 peores décimo terceiros pelexarán por evitar caer á Terceira RFEF nunha fase de permanencia sumando un total de 27 descensos. 

 Como na Segunda B, o Compos quedará encadrado no Grupo I. Un grupo a compartir entre galegos, asturianos, madrileños e algúns castelán-leoneses, comunidade que estará repartida en ata tres grupos diferentes. Emparellamentos sempre interesantes e que, como máximo, levarán aos nosos a viaxes de, como máximo, 620 kms. Ademais, hai que dicir que haberá ata 8 equipos aos que se enfrontarán os nosos por primeira vez na historia. 

 Comezamos a lista cos rivais galegos. Coruxo e Pontevedra, ao igual que a Esedé, compartirán categoría por segundo ano consecutivo. Aos tres acompáñannos Bergantiños e Arenteiro, os dous máis fortes da Terceira galega na pasada tempada e que volven ás categorías nacionais despois de 32 anos, e un Arosa que tivo que tomar o camiño máis longo para ascender 27 anos máis tarde. 

 Marino de Luanco e Langreo, rivais do Compos na segunda fase na derradeira Segunda B, terán tres novos veciños na categoría. O Real Avilés crúzase no noso camiño despois de 6 anos mentres que Ceares e Llanera deixaron a Terceira atrás por primeira vez na súa historia. 

 Os tres equipos rivais que chegarán dende Castela e León son o Salamanca, que asinou a permanencia na segunda fase xunto con Pontevedra e Coruxo; Gimnástica Segoviana, logo do seu cuarto ascenso a categorías nacionais, e Palencia Cristo Atlético, que tamén estará por primeira vez por enriba de Terceira. Os dous últimos, ademais, visitarán Santiago por primeira vez na historia. 

 E rematamos cos equipos madrileños, onde hai outros tres ascensos e un que conseguiu a permanencia. Non obstante, os catro equipos será a primeira vez que visiten a capital galega para verse as caras co Compos. O CDA Navalcarnero, que ascendeu ao mesmo tempo que a Esedé á Segunda B, conseguiu salvar a categoría na última xornada da fase regular despois de facer unha gran actuación na Copa do Rei, eliminando ata a dous equipos do fútbol profesional. De Terceira ascenderon o Unión Adarve, que volve despois de dous anos en Terceira; o Leganés B, que deixou a Segunda B en 1998, e o Móstoles, que será a súa primeira vez en categorías nacionais. 

 E despois? 

 Cando remate a tempada regular haberá que mirar a clasificación e aí aparecen diferentes posibilidades. O campión de cada grupo ascenderá, de xeito directo, á Primeira RFEF. Pola súa parte, do segundo ao quinto terán que pelexar nunha fase de ascenso por outras cinco prazas. Unha fase de ascenso que, a diferenza da seguinte categoría, si que se xogará cos grupos mesturados. 

 Do sexto ao décimo segundo poderán ir de vacacións sen pensar máis que na seguinte campaña. A permanencia sería real e non habería unha segunda fase. Ademais, cabe a posibilidade de que algún consiga entrar na Copa do Rei, aínda que neste caso non hai moita información. 

 E chegamos á parte do descenso. Os 4 peores décimo terceiros xogarán unha fase de permanencia na que baixarán 2 á Terceira RFEF. Eses dous acompañarán aos 5 últimos de cada grupo sumando un totla de 27 descensos. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario