Miki Villar xa é historia no Compos despois de non renovar por unha nova tempada. O de Nigrán pasou 3 cursos na Esedé ás ordes de Yago Iglesias nos que puido asinar un ascenso á Segunda B e deixar mostras dun gran talento que o leva ao fútbol profesional.
Procedente do Boiro, Miki chegou a Santiago en 2018 para facerse coa banda dereita do Vero Boquete e mellorar a pasos axigantados cada curso. O extremo xogou un total de 39 partidos na súa primeira campaña en Santiago entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso. Unha primeira toma de contacto coa elástica branquiazul na que marcaría 4 goles sendo unha parte moi importante con máis de 2.700 minutos.
Na segunda tempada, ata que o virus o permitiu, volveu repetir o mesmo número de goles nos 26 partidos xogados entre liga, fase de ascenso e fase estatal da Copa Federación. Marcaría, ademais, o seu primeiro dobrete na estrea da liga contra o Alondras. Unha peza fundamental no ascenso con case 2.000 minutos máis.
E chegaría o seu mellor ano. Na Segunda B sería aínda máis importante no último curso ás ordes de Yago Iglesias. 25 partidos entre liga e Copa do Rei e 6 goles moi importantes para deixar ao equipo na Segunda RFEF. Ademais, en Ibiza, anotaría unha asistencia e deixaría moi boas sensacións no equipo local.
Aos seus 24 anos, asinará o seu primeiro contrato no fútbol profesional para xogar no recén ascendido UD Ibiza e dende aquí só podemos agradecerlle todo o feito nestes anos, o gran trato sempre á afección e desexarlle moita sorte nesta nova etapa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario