Máis de 40 anos de historia

 Dende a súa creación, en 1977, a Segunda B contou con moitos dos equipos que, a día de hoxe, están na Primeira división ou que pasaron por ela neste tempo logo de facelo pola categoría de bronce. 44 anos de vida para unha competición que toca ao seu fin para dar paso a dúas novas divisións, Primeira e Segunda RFEF, buscando aumentar a competencia e a igualdade logo dunha tempada na que houbo que vivir o derradeiro cambio de formato. 

 En 1929 nacería a Terceira división, primeira categoría semiprofesional, cun total de 8 grupos. Non obstante, sufriría numerosos cambios nos seus primeiros 40 anos con respecto aos grupos chegando a ser 16 entre 1954 e 1957 e reducíndose a 6 coa creación da Segunda división B, a cal chegaba para dar un maior nivel aos equipos pasando a ser a Terceira división a cuarta categoría. 

 A primeira Segunda B da historia estaría formada por 40 equipos repartidos en 2 grupos e aí, no grupo I, estaría un Compos que chegaría da Terceira división e que non sería quen de permanecer sendo o Racing de Ferrol o primeiro campión. Dita división duraría un total de 9 tempadas pasando a ser un único grupo de 22 equipos durante o curso 1986/87 e, só un ano despois, aos 4 grupos de 20 equipos tal como a coñecimos ata 2020, cando, por mor da pandemia, pasaron a ser 5 grupos divididos, á súa vez, en dous subgrupos cada un. 

 15 anos. 

 Agora que xa sabemos algo da Segunda B toca falar da historia do Compos nesa terceira categoría, á que chegaría procedente da Terceira división anterior con dous ascensos consecutivos en dous anos e á que volvería en 1980 para encadear un total de 6 tempadas sendo o maior tempo que pasaría a Esedé nela e asinando, como mellor posición, un 7º posto acabando o resto de anos por debaixo do décimo e despedíndose en 1986 por 4 anos logo de rematar 18º, nunha edición que contaría con ata 26 descensos pola reforma antes comentada.

 Catro tempadas por Terceira e da man de Fernando Castro Santos chegaría un novo ascenso. Un ascenso histórico que se sucedería do primeiro ao fútbol profesional só un ano máis tarde logo de quedar terceiro en liga conseguindo un total de 47 puntos cando as vitorias só contaban por 2. Chegaría, ademais, a primeira fase de ascenso para os nosos na que superarían a Badajoz, Alcoyano e Alavés. 

 Tres anos en Segunda, catro en Primeira e outros catro en Segunda para volver á categoría de bronce en 2001 acadando outro ascenso, de novo quedando 3º, superando na fase de ascenso a Mérida, Barcelona B e Valencia B. Non obstante, a volta ao fútbol profesional acabaría mal cun descenso administrativo que levaría ao Compos de novo á Segunda división B sufrindo un dobre descenso logo de ocupar a penúltima posición e, ademais, sumar outro descenso fóra do campo que deixaría ao equipo moi tocado, ao borde da morte, na Preferente. 

 Pero este clube nunca se rende e despois de catro anos en rexional volverían á Terceira división e, só un ano máis tarde, á Segunda B con Jimmy xa no primeiro equipo, futbolista que conseguiría ata tres ascensos á categoría de bronce. Non obstante, unha mala xestión levaría, de novo, ao equipo a Preferente cunha baixada de dúas categorías e aparecendo Antonio Quinteiro coa intención de devolver ao clube ao máis alto. 

 Un ano acabando na zona media da clasificación e saíndo campións na seguinte, pasaría de novo só un ano ata chegar á Segunda B da man de Fredi e cun equipo que mantivo o bloque para asinar a permanencia no retorno. Na seguinte campaña, con Iñaki Alonso no banco, o equipo acabaría preto dos postos máis altos para, só un curso despois, volver á Terceira. 

 E chegou el. 

 Se a chegada da nova directiva servía para manter con vida ao clube, uns anos despois volvería a ilusión polo fútbol á capital galega da man de Yago Iglesias. Con Samu e Saro da man, pasarían unha tempada de transición na Terceira galega antes de montar un gran equipo e gañar a liga, aínda que sen ser quen de ascender. Tampouco se conseguiría o premio na terceira campaña facendo un fútbol envexable e que namoraría incluso fóra das nosas terras. Sería na cuarta campaña, logo de ser campión unha vez máis, cando chegaría o tan merecido ascenso á derradeira Segunda B da historia. En Balaídos, sen afeccionados, en medio dunha pandemia mundial e contra equipos do mesmo grupo. Non sería doado pero faríase xustiza. 

 O bloque de xogadores mantívose e a ilusión aumentou. O Compos tiña, por fin, a súa recompensa. E non a desaproveitou. O equipo fixo unha primeira fase na que namorou ao fútbol español cun xogo vistoso aínda que non de todo efectivo. Unha defensa forte e un ataque doutra categoría. Con xogadores como Miki Villar, Brais Abelenda ou Bicho, o equipo asinaría a permanencia e pelexaría por algo máis, loita pola que contou con algún problema engadido nalgúns partidos e que deixarían sen opcións a un conxunto cheo de maxia e espectáculo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario