Por terceira tempada consecutiva e cuarta na súa carreira, Primo defenderá as cores do Compos estreando a Segunda RFEF. Un dianteiro ao que lastraron as lesións a pasada campaña e que quere demostrar unha vez máis o seu bo facer de cara a portería, sumando, polo de agora, 36 goles como branquiazul.
O dianteiro cántabro chegou do fútbol islandés no mes de novembro de 2019 coa intención de ser o '9' titular e acadar ese ascenso á terceira categoría do fútbol español que non puido conseguir dous cursos atrás. Nese retorno non puido comezar mellor con catro goles nos dous primeiros xogos, fronte Racing Vilalbés e Arzúa, e acabaría cun total de 11 goles en algo máis de 1.200 minutos ao que sumarlles un ascenso de categoría.
Nesta pasada tempada, a sorte non estivo do seu lado. O seu primeiro gol non chegou ata a xornada 6, no empate contra o Pontevedra e repetiría unha semana máis tarde en Barreiro. Serían os dous únicos tantos que faría nun curso onde só podería xogar un total de 14 partidos superando, por pouco, os mil minutos sobre o verde debido aos problemas físicos que o tiveron fóra durante varias etapas do curso.
Agora terá unha nova oportunidade de demostrar o seu gran potencial e, oxalá, sen lamentar tantos problemas físicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario