As baixas, de novo, a pares

 Despois da fichaxe de Rafa Mella e a renovación de Primo, aumenta o capítulo de saídas en 'Casa Compos' con outras dúas. Gabri Palmás e Matías Vesprini deixan o Compos logo de estrearse na Segunda división B e non contar con oferta renovación, o primeiro, e volver de cesión a Lugo o segundo. Dúas baixas de dous xogadores sub-23, condición que deixa o de Moaña esta nova tempada para ter xa ficha senior, que non acabaron de ter toda a sorte durante este curso pasado. 

 Máis de 50 partidos como branquiazul. 

 Malia non ser o dianteiro titular, Gabri Palmás pode contar con máis de 50 partidos coa camisola branquiazul. O ex de Alondras e Choco convertiuse nun fixo saíndo dende o banco contando con máis de 1.700 minutos en total e anotou 6 goles, todos durante a primeira campaña sendo tamén autor dun dos goles contra o Barco nas semifinais polo ascenso á Segunda B. 

 Titular en 14 partidos, foi un dos grandes revulsivos do equipo nestas dúas campañas saíndo dende o banco na maioría de encontros dando descanso a Miki en competicións como a Liga, a Copa RFEF, a Copa do Rei e a fase de ascenso. 

 Boa estrea. 

 Pola súa parte, Matías Vesprini chegaba o pasado verán cedido polo Lugo. Un central con capacidade para xogar tamén na banda pero que non tivo a sorte suficiente para debutar ata a visita dos nosos ao Ibiza na Copa do Rei. A partir do seu debut, o arxentino tería a posibilidade de ser titular noutros cinco partidos máis e aparecer como suplente contra o Celta B. Un defensa con moito futuro e que puido aprender cunha das mellores defensas do Compos dos últimos anos. 

 Agora só queda despedirse deles, agradecerlles todo o feito no noso equipo e desexarlles moita sorte no futuro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario