Confirmado o novo adestrador logo da saída de Yago, chegan as dúas primeiras baixas no equipo branquiazul. Hugo Sanmartín e Sergio Pereira non renovarán por unha nova tempada coa Esedé. Dous futbolistas que chegaron en Terceira, conseguiron o ascenso, pero que non puideron estar máis co equipo por mor das lesións e problemas físicos que os afastaron do verde en numerosas ocasións.
Catro tempadas na Esedé.
Sergio Pereira chegou ao Compos en 2017 procedente do Somozas. Lateral con capacidade para xogar nas dúas bandas, tería a posibilidade de completar 17 partidos no seu primeiro curso como branquiazul sendo o substituto de Naveira e Saro, laterais titulares. Unhas oportunidades que aumentarían no segundo ano pasando a xogar un total de 24 partidos entre liga, Copa e fase de ascenso. Case 2.000 minutos e un gol contra o Céltiga.
O de Santa Comba deixaría de entrar en tantos plans coa volta de Jimmy. Os irmáns Seoane fixéronse donos das bandas e, na tempada do ascenso, pasaría a ter só 550 minutos en apenas 9 partidos, sendo titular na vitoria fronte á Arandina. E menos aínda tería este pasado curso, con 300 minutos entre liga, fase de ascenso e Copa do Rei, entrando na prórroga en Ibiza. 6 partidos máis para sumar un total de 56.
As lesións non lle permitiron máis.
Pola súa parte, Hugo Sanmartín chegou dende o Arenteiro para ser unha peza importante no ascenso á Segunda B. O vigués participou nun total de 22 partidos entre liga, fase de ascenso e Copa RFEF nunha primeira tempada na que marcaría un total de 4 goles, servindo un deles para puntuar no Couto e outro para asinar un triunfo histórico no Alcalde Manuel Candocia das Somozas.
Na súa segunda campaña, as lesións non lle permitirían ser unha parte importante do equipo puidendo desputar un total de 197 minutos repartidos en 8 partidos sendo titular na vitoria fronte ao Guijuelo. Un futbolista que non podería aparecer dende o mes de xaneiro por mor dos problemas físicos pero que aproveitaría o tempo para, no seu Instagram, difundir a vida dunha nena, a súa filla, con TEA. Unha acción que lle dá aínda máis valor ao xogador como persoa.
Dende aquí queremos desexar moita sorte no futuro aos dous futbolistas e agradecer todo o que fixeron vestindo a camisola da Esedé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario