Xa sen Yago Iglesias no banco da Esedé, comeza un novo proxecto coa primeira pedra posta. Rodri Veiga, segundo adestrador nos cinco anos anteriores, pasa a ser o encargado dos 'neniños' como adestrador principal durante un curso confirmándose así unha idea que continuará por sexto ano cun dos artífices do feito polos nosos nas últimas tempadas.
Nado no Barco de Valdeorras hai 43 anos, Rodri Veiga formouse nas filas do Compos chegando a xogar co equipo da capital en Segunda división e Segunda B. Unha longa carreira, con máis de 20 anos en activo, e que o levou por equipos coma Mirandés, Montañeros, Cerceda, Órdenes e Negreira, onde se retiraría en 2016. Unha retirada, aos 39 anos, que o levou directamente a acompañar a Yago Iglesias no banco branquiazul sendo ésta a súa primeira experiencia como adestrador estreando, ademais, a Segunda RFEF.
Non só na sombra.
O traballo de Rodri nos últimos cinco anos puido verse reflictido sobre o verde colaborando en cada adestramento á par de Yago Iglesias e, a maiores, tería que sentarse no banco ata en catro ocasións. Serían todas durante a tempada 17/18 por sanción do adestrador de Ribeira. Con el, o equipo gañaría en Laracha e Noia e superaría, no Vero Boquete, a Racing Vilalbés e Ourense CF.
Asina por unha tempada, como leva a facer o corpo técnico durante os últimos anos, e veremos se é suficiente para poder manter a boa parte do bloque de futbolistas que chegaron ao seu mellor nivel no Compos cun estilo recoñecible e vistoso. Por outra parte, aínda non coñecemos quen será o que o acompañe nesta nova etapa na Esedé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario